A empresa alegou sen éxito que o caso xa fora desbotado polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, pero Competencia di que iso será valorado ao longo do expediente sancionador
En xullo Praza.gal revelou que a Comisión Galega da Competencia viña de incoar un expediente sancionador "por posibles condutas relacionadas con prácticas anticompetitivas" no procedemento de contratación do actual sistema de transporte escolar por parte da Consellería de Educación a finais de 2021.
Monbus, unha das principais adxudicatarias, presentou recurso contra o inicio dese expediente argumentando, entre outras cuestións, que o caso xa fora desbotado polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG). Pero agora Competencia vén de rexeitar ese recurso de Monbus e di que ese argumento será valorado no "axuizamento da resolución final do expediente sancionador". Monbus, pola súa banda, seguirá mantendo durante a tramitación do expediente a súa "firme defensa da ausencia de calquera irregularidade".
A Comisión Galega da Competencia xa tiña aberto un expediente sancionador sobre o transporte regular por estrada logo de que a xustiza sentenciase en firme en 2023 que Monbus e Alsa repartíranse o mercado de xeito ilegal. Ese expediente vén de ser rematado coa proposta do investigador de Competencia de multar con 1,7 millóns de euros a 20 empresas dos dous grupos.
Tras ese expediente no transporte regular, Competencia abriu outro por feitos similares no transporte escolar, unha investigación cuxo acordo de incoación sinalou 19 empresas, das que 11 son do grupo Monbus, incluída a súa matriz.
Hai dous anos a Xunta prorrogou todas as concesións de bus escolar malia as eivas detectadas no servizo
O concurso do bus escolar que investiga Competencia estivo dividido en 57 lotes con condicións para limitar o número de lotes que podía levar un mesmo grupo de empresas. En 2023 o TSXG analizou varios daqueles contratos e tras considerar inicialmente que Monbus superara o límite ao presentarse con outras firmas en unións temporais de empresas (UTEs), en marzo de 2024 mudou de criterio e estableceu que a empresa non excedera o límite. Entre o primeiro pronunciamento negativo e o segundo positivo para a empresa a finais de 2023 a Xunta decidiu prorrogar todas as concesións de bus escolar en lugar de sacalas novamente a concurso malia as sentenzas aínda non corrixidas e outras eivas detectadas no servizo.

O pronunciamento exculpatorio do TSXG de marzo de 2024 foi empregado por Monbus para alegar, nun escrito asinado polo propietario do grupo, Raúl López, contra a incoación do expediente sancionador por parte de Competencia. Segundo a resolución desta, a empresa salientou que o TSXG "estableceu que a presentación de ofertas por parte de empresas do Grupo Monbus a través de UTEs [unións temporais de empresas] non podía considerarse como un indicio de práctica colusoria". Pero esa alegación non foi nin tida en conta por Competencia para avaliar a corrección da súa incoación do expediente sancionador.
A resolución agora emitida por Competencia, avalada polo seu Pleno o 29 de setembro, di que esa cuestión é "allea" ao tipo de recurso que se pode formular contra a incoación dun expediente sancionador e que o estudo dela "queda reservado ao axuizamento da resolución final do expediente sancionador".
A empresa di que no expediente manterá a súa "firme defensa da ausencia de calquera irregularidade" e defende que a súa prioridade "é o frecer o mellor servizo de transporte para os cidadáns"
Competencia tamén desbota outros argumentos da empresa como que o acordo de incoación suponlle indefensión e "prexuízo irreparable". Segundo a resolución, será agora durante a tramitación do expediente cando a empresa coñeza en detalle de que se lle acusa poida alegar o que considere adecuado.
E iso é o que fará a empresa, que di que o seu recurso agora inadmitido "é un mero acto de trámite" que non prexulga ningún incumprimento. Segundo a empresa, "no curso da tramitación do expediente sancionador, Monbus manterá a súa firme defensa da ausencia de calquera irregularidade, achegando toda a documentación necesaria que demostre a lexitimidade e xustificación da nosa participación en UTEs".
Monbus tamén engade que a súa "prioridade" á hora de postularse como licitadora dun concurso público "é ofrecer o mellor servizo de transporte para os cidadáns e ao mesmo tempo presentar a oferta máis competitiva para a Administración". "Baixo ese único criterio, e tras unha análise interna de rendibilidade e sinerxías, en cosacións establece UTEs que, mediante a colaboración con outras empresas, permiten presentar unha oferta máis competitiva e eficiente á Administración", conclúe.
