Nos últimos meses o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia anulou varias adxudicacións de transporte escolar outorgadas pola Consellería de Educación a empresas do grupo Monbus co argumento de que a Xunta entregara á compañía que preside Raúl López máis adxudicacións das legalmente permitidas polo propio Goberno galego. Agora o propio TSXG conclúe que, en realidade, a Xunta non transgrediu ese máximo.
Nunha sentenza datada no pasado 20 de marzo e feita pública este tres de abril, a sección terceira da Sala do Contencioso - Administrativo do alto tribunal galego avalou a adxudicación a unha unión temporal de empresas (UTE) participada ao 63% por Monbus do lote número 50 do concurso de transporte escolar. Isto é, do concurso dividido en 57 lotes dos que cando menos unha vintena dos contratos foron asinados polo propio Raúl López. E faino porque estima que, en realidade, o devandito límite non foi sobrepasado.
O tribunal resolve así sobre o recurso interposto contra a adxudicación dese lote 50 por nove empresas do sector (Arosa Bus, Transportes Álvarez Vázquez, Viajes Melytour, Autna, Novas Rías, Ruiz Bus, Royal Turismo, Condado Tour e Empresa Estévez Avión). Estas compañías argumentaban, como en casos anteriores, que Monbus levara máis de oito adxudicacións neste concurso, que era o límite imposto pola Consellería.
O Tribunal Superior resolve, en contra das súas sentenzas anteriores, que non poden computarse para o límite legal máximo de 8 adxudicacións os contratos que unións temporais participadas maioritariamente por Monbus lograron en lotes nos que non competiu ningunha outra empresa
Segundo destacan dende o propio TSXG, "a pesar de que en resolucións anteriores si entendeu que Monbus excedera ese número", neste caso considera, "tras analizar as probas dispoñibles", que a compañía lucense só gañou seis contratos a través de unións temporais de empresas nas que era o socio maioritario (os números 11, 32, 45, 57, 50 e 51). Cómpre proceder deste xeito, agrega a sentenza, porque os pregos redactados pola Xunta establecen que "non poden computarse para a suma total" os lotes nos que as UTE participadas por Monbus fosen as únicas candidatas ao contrato, o que sucedeu nos lotes 6, 13, 14, 24 e 2.
Daquela, indica a Sala, non pode considerarse a efectos de superar ou non o límite de 8 adxudicacións que Monbus tivese 11 contratos. "Os datos aquí expostos evidencian que o número de lotes nos que as UTES onde o Grupo Monbús é maioritario son unicamente seis", mantén. Así, e "a diferenza do resolto nos procedementos anteriores", o tribunal muda de criterio e avala a adxudicación ás empresas de López.
Este aval do TSXG chega despois de que, como informou Praza.gal, a Xunta optase o pasado novembro por prorrogar dous anos máis as 57 concesións de bus escolar malia as condenas xudiciais e eivas no funcionamento. O Goberno galego asegurou que o fixo porque funcionan "dun xeito adecuado pese a incidencias puntuais"