Educación revela que hai máis lotes coa adxudicación anulada polo TSXG ademais dos xa coñecidos de Monbus e xustifica prorrogalos tamén aínda que poidan supoñer máis custo para a administración
A Consellería de Educación decidiu prorrogar os 57 contratos do transporte escolar de Galicia porque, di, a súa execución "estase a desenvolver dun xeito adecuado tendo en conta o seu volume pese a incidencias puntuais que se poden producir". Así o vén de xustificar a consellería logo de que Praza.gal revelase este luns a prórroga e dúas semanas despois de que este diario preguntase polos motivos desa extensión temporal dos contratos sen convocar un novo concurso público, o que garante ás empresas adxudicatarias cando menos outros 80 millóns de euros de ingresos.
A prórroga dos contratos prodúcese malia reiteradas protestas de familias por toda Galicia por un funcionamento que xa supuxo diversas sancións ás empresas e malia que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) anulou a adxudicación de varios dos 57 lotes en que foi dividido o anterior concurso, de 2021. Esas sentenzas aínda non son firmes xa que están recorridas polas empresas e a propia Xunta ante o Tribunal Supremo, pero se este as ratifica as empresas que resultaron prexudicadas neses procesos poden pedir unha indemnización ao Goberno galego, gasto que se sumará ao que Educación xa vén pagando ás firmas que seguen a prestar o servizo de xeito indebido.
Ata agora sabíase de catro lotes coa adxudicación anulada polo TSXG, os catro do grupo Monbus, empresa dominadora do global dos contratos -de feito, o propio Raúl López asina unha vintena das prórrogas agora outorgadas-. O tribunal concluíu, en sentenzas emitidas ao longo dos últimos meses, que a Xunta non fixera cumprir a condición que ela mesma impuxera para que as adxudicacións non se concentrasen nunhas poucas empresas e fosen repartidas entre todo o sector. O TSXG censurou que, pola contra, Monbus quixo "adulterar a licitación no seu proveito" e "dominaba" de forma "clara e incontestable" as adxudicacións, polo que condenou á Xunta a volver atrás no procedemento de adxudicación e entregar os contratos deses catro lotes ás empresas que quedaran en segundo lugar.
Este diario preguntou á Consellería de Educación por que non volveu sacar a concurso cando menos eses contratos en lugar de tamén prorrogalos. A resposta revela por unha banda que "as sentenzas afectan non soamente a un só grupo ou empresas", co que as anulacións de contratos afectarían a máis firmas e lotes que os catro anteditos de Monbus. Ademais, Educación lembra que esas sentenzas están recorridas polas empresas e por ela mesma e que "a prudencia non permite actuar en base a futuribles decisións xudiciais".
Os contratos agora prorrogados foron adxudicados hai dous anos nun concurso que a Xunta tivo que repetir polos seus propios erros e tras anos previos de prórrogas ilegais
En xeral, Educación esgrime que o concurso de 2021 xa contemplaba que a duración dos contratos sería de dous anos prorrogables por dous máis e di que "a consellería, por interese público para garantir a prestación dun servizo esencial par ao exercicio do dereito á educación, decidiu prorrogar a vixencia dos contratos polos dous anos previstos". A Xunta engade que "a lóxica da prórroga é garantir a seguridade da prestación licitada recentemente", aínda que esta se produciu a comezos de 2021, e di que un novo concurso tería "inconvenientes para os usuarios, centros docentes e a xestión administrativa", polo que "non hai motivos de interese público que aconsellen abrir un novo proceso".
Aínda que a consellería non o di, o concurso de 2021, ao que se chegou tras anos de prórrogas ilegais dos contratos anteriores, tivo que ser reiniciado por "erros" e "confusión considerable" admitidos pola propia Xunta.