Os conselleiros de Educación e Mobilidade indígnanse ante a acusación de BNG e PSdeG de trato de favor a Monbus e o primeiro culpa da maior parte dos incumprimentos á mala xestión do tráfico nas cidades e vilas gobernadas pola esquerda
A mala xestión e ilegalidades cometidas pola Xunta tanto nos buses regulares como nos escolares, constatadas por diversos tribunais de xustiza, o Consello de Contas e a Valedora do Pobo, foron protagonistas de varios debates no pleno do Parlamento de Galicia desta semana. A oposición de BNG e PSdeG acusou o Goberno galego de dar trato de favor ao grupo Monbus, o que provocou a indignación da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e do de Educación, Román Rodríguez.
Mentres, este último puxo cifras aos incumprimentos do transporte escolar que depende da súa consellería, xa que outra parte está integrada nas liñas de transporte regular competencia de Mobilidade. Pero segundo dixo a maioría dos problemas son por demoras dos autobuses, que atribuíu a atascos e a que "as vilas e cidades que gobernan vostedes ao mellor o tráfico non o xestionan tan ben", argumento que repetiu en varias ocasións.
Segundo Román Rodríguez, os problemas que veñen denunciando reiteradamente as familias e a Valedora do Pobo son "incidencias puntuais" ao seu ver comprensibles nun sistema que cada día move 80.000 nenos e nenas. O conselleiro dixo que no pasado curso 2022-23 o seu departamento impuxo 75 sancións a empresas concesionarias polos seus incumprimentos, das que asegurou que "a maioría", 21, se deberan a demoras no servizo froito ao seu ver de "atascos". E en varias ocasións incidiu en que eses atascos se deben á xestión do tráfico por parte dos gobernos locais de esquerda así como á "saturación de vehículos de particulares" na contorna dos centros educativos.
Porén, Rodríguez admitiu que 13 sancións foron porque as empresa operaron con vehículos distintos aos que comprometeran para prestar os servizos e outras 10 por empregar autobuses dunha antigüidade superior ao permitido. As sancións cuantificadas polo conselleiro son, en todo caso, unha pequena parte das queixas formuladas, xa que hai un ano o grupo parlamentario do PPdeG cifraba en 400 as liñas de bus escolar que recibiran queixas no comezo daquel curso.
Ademais destas cifras das sancións xa impostas por incumprimentos o pasado curso, o conselleiro tamén avanzou cifras das "incidencias puntuais" rexistradas nos menos de dous meses que van deste curso 2023-24, e das que aínda non se sabe se acabarán ou non en sanción.
Segundo dixo, ata o momento son 181, a gran maioría incidencias producidas nun só día e que non se repetiron nas xornadas seguintes. Delas, 117 son por atascos, mentres que 27 foron porque os autobuses non realizaron as paradas que debían e 12 porque non tiñan prazas suficientes para os nenos e nenas transportados. O conselleiro indicou que estas "incidencias puntuais" afectaron a 49 dos 424 centros cuxo transporte escolar depende da súa consellería, e a 85 das 1.593 rutas.
Previamente tamén fora cuestionada sobre a xestión do transporte regular a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade. Ante as resolucións xudiciais e informes de Contas que poñen en cuestión as políticas de mobilidade e infraestruturas da Xunta Ethel Vázquez optou por desviar responsabilidades a outros departamentos do Goberno galego, como o de Competencia, ou a gobernos anteriores.
Ante as resolucións xudiciais e informes de Contas que poñen en cuestión as súas políticas de mobilidade e infraestruturas a conselleira desviou responsabilidades a outros departamentos ou a gobernos anteriores
Pola súa banda, a oposición de BNG e PSdeG acusou novamente a Xunta de dar trato de favor ás empresas concesionarias de autobuses, nomeadamente ao grupo Monbus. Iso provocou a resposta indignada tanto de Román Rodríguez como especialmente de Ethel Vázquez.
Esta última, noutro punto da orde do día, tamén atribuíu ao goberno de PSdeG e BNG do período 2005-2009 a responsabilidade sobre autovías con peaxe en sombra planificadas previamente por Feijóo como conselleiro de Fraga. O Consello de Contas vén de criticar non só a decisión orixinal de facer con ese sistema esas autovías senón tamén a de 2014, con Feijóo como presidente, de pagarlles de máis.