A Valedora do Pobo constata demoras de 11 ou 8 meses da Consellería de Mobilidade en contestar a solicitudes de novas paradas que recibe ao comezo do ano lectivo, e tamén censura que non responda ás cuestións concretas que alegan os afectados
A Valedora do Pobo vén de facer públicos varios recordatorios de deberes legais dirixidos á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade polas súas demoras e incorrectas respostas ás peticións e queixas sobre o transporte escolar que recibe de familias afectadas. En varios casos a Valedora constata demoras de 11 ou 8 meses en contestar, que supoñen que as súas respostas cheguen cando o curso escolar e os problemas xa remataron. Tamén censura que non responda ás cuestións concretas que alegan os afectados, como é o deber da administración.
Mobilidade xestiona a parte do transporte escolar que está integrada como servizos compartidos coas liñas de uso público xeral, nun reparto de funcións coa consellería de Educación que derivou en todo tipo de protestas por parte das familias. No comezo deste curso o propio PP cuantificou en 400 as liñas de bus escolar que recibiron queixas.
Un dos recordatorios de deberes legais agora feitos públicos pola Valedora analiza o caso dunha familia que antes do inicio do curso 2021-22 formulou unha solicitude de cambio de parada no autobús escolar e recibiu unha resposta negativa por parte da consellería. O 13 de agosto de 2021 os afectados formularon un recurso de alzada contra esa negativa, pero aínda que a lei limita o prazo de resposta a tres meses o director xeral de Mobilidade non resolveu ata o 15 de xullo de 2022, once meses despois, cando xa rematara o curso. E só o fixo despois de que en abril a Valedora se interesase polo caso.
A resposta que deu a consellería á Valedora foi que recibe “un numeroso volume de recursos en materia de mobilidade” e que “no despacho dos expedientes gardarase a orde rigorosa de incoación en asuntos de homoxénea natureza, salvo que polo titular da unidade administrativa se dea orde motivada en contrario”. Pero a Valedora non aceptou esa escusa e tras constatar que a consellería “demorouse case un ano en ditar resolución”, o que considera “un significativo atraso”, emitiu un recordatorio de deberes legais “para que a Administración resolva de forma expresa e nos prazos establecidos cantas solicitudes, reclamacións e recursos sexan presentados polos cidadáns”.
A Xunta di ter "un numeroso volume de recursos en materia de mobilidade", pero a Valedora lembra que a lei a obriga a responder en tres meses
Noutro dos casos analizados pola Valedora a familia afectada presentou o 5 de novembro de 2021 un recurso de alzada contra unha negativa previa da consellería a crear unha nova parada de autobús. A resposta do director xeral de Mobilidade non chegou ata o 15 de xullo de 2022. “Xa que logo, a Administración resolveu oito meses despois da interposición do recurso”, constata a Valedora, que ve tamén neste caso “un significativo atraso na resolución” e emitiu outro recordatorio de deberes legais similar ao anterior.
A Valedora tamén censura que a Xunta non dese resposta a ningún dos argumentos para crear unha nova parada esgrimidos por unha familia cuxa filla de 11 anos, polos horarios dos pais, debía ir soa de madrugada por un lugar despoboado
Neses dous casos a Valedora só analizou a demora da Xunta en responder, sen entrar a valorar o contido da resposta. Pero si o fixo noutro no que censurou que Mobilidade denegase a petición dunha nova parada do bus escolar sen dar resposta argumentada a “ningunha” das alegacións que lle formulara a familia así como tampouco ás súas propias preguntas sobre o caso.
Neste caso amparado pola Valedora a consellería denegara a creación dunha nova parada a unha familia cunha nena de 11 anos que polos horarios dos pais tiña que ir soa de madrugada por un lugar despoboado ata a seguinte parada máis próxima.
A Xunta argumentara que a parada máis próxima estaba a 1,5 quilómetros da casa, menos que os 2 quilómetros que as normas internas de Mobilidade fixan para a creación de novas paradas. A familia recorreu esa decisión da Xunta alegando que esas normas internas contemplan excepcións, e que neste caso a distancia ata a parada máis próxima era realmente de 2,3 quilómetros, xa que a distancia de 1,5 contabilizada pola Xunta só se podía medir “a través dun camiño de terra que atravesa o monte, sen ningún tipo de iluminación, lugar despoboado no que hai lobos”.
A Valedora avala os diversos argumentos esgrimidos pola familia e censura que a Xunta non dese resposta a ningún deles, nin á familia nin ás súas propias preguntas sobre o caso. A resposta de Mobilidade limitouse a argumentar que “non é posible recoller a cada escolar ao pé da súa casa, agás casos excepcionais, pois existiría o risco dun efecto mimético”. Pero o que di a Valedora é que este sería precisamente un caso excepcional, e que na resposta da Xunta houbo unha “falta de toda valoración respecto da excepcionalidade da situación alegada”.
“A apreciación desa posible excepcionalidade”, engade a Valedora, “debe tomar en consideración a obriga de garantir a seguridade dunha nena de 12 anos e a obriga das administracións públicas de atender o interese máis necesitado de protección”. Por iso, a Valedora emitiu unha recomendación para que Mobilidade teñan en conta as circunstancias “extraordinarias” ao valorar se habilita ou non novas paradas do transporte escolar e un recordatorio de deberes legais para que conteste a todas as cuestións alegadas pola familia, como lle esixe a Lei de Procedemento Administrativo.