"Caos". É a palabra coa que, maioritariamente, as familias afectadas definen as continuas deficiencias que sofren no transporte escolar en Galicia. O inicio do curso a principios deste mes agudizou as eivas que en moitos casos xa se viñan detectando desde o curso pasado, cando a Xunta empezou a renovación deste servizo, un proceso no que houbo protestas desde o seu inicio.
O comezo do novo curso e os meses de queixas non arranxaron o problema. Na comarca de Santiago, centos de escolares e máis dunha ducia de centros sofren "atrasos, falta de prazas ou ausencia de servizo" desde hai semanas. "En xaneiro, coa nova concesión, empezamos cunhas deficiencias que non só non desapareceron senón que foron a máis e afectan a máis liñas", explica Esther Martínez, presidenta de Fanpa Compostela (Federación de ANPAs da comarca compostelá).
Centos de estudantes e unha ducia de centros sofren as deficiencias do transporte escolar na comarca de Compostela, o que provocou a mobilización das familias
A problemática compostelá é a máis relevante polo número de persoas afectadas, pero nin moito menos a única. En Arteixo, as familias de varios institutos e colexios advertiron tamén do "caótico" servizo e da "falta de coordinación" dos buses, unha denuncia que o PSdeG elevou á Xunta, reclamando "inspección das rutas, horarios e paradas dos vehículos da concesionaria". En Ribadeo, o Concello enviou unha carta ao presidente Alfonso Rueda denunciando os trastornos e gran malestar de numerosas familias polos cambios nas paradas. "Un despropósito", definiu.
Ademais, en Betanzos, o Concello pediu á Xunta que reforzase o transporte escolar logo de que unha vintena de rapaces quedase sen servizo na zona de Bellavista. No interior de Lugo, pola súa banda, as queixas reprodúcense desde hai xa meses e en Ribeira as eivas obrigaron tamén ás reclamacións por parte da administración local. E hai máis.
Ribadeo, Betanzos, A Baña, Arteixo ou Negreira pediron solucións á Xunta ante os atrasos, problemas de seguridade, paradas desatendidas ou falta de prazas
Fai só uns días, na comarca da Barcala, as asociacións de nais e pais mobilizáronse co apoio dos Concellos da Baña e Negreira esixindo a Monbús -concesionaria do servizo nesa comarca e en boa parte do país en asociación con outras compañías- melloras ante os continuos atrasos, un problema que se estendera a Dodro ou O Pino e que levou a que a deputada socialista Noa Díaz presentase, xa en xullo, unha iniciativa no Parlamento esixindo explicacións polo "caos" e as graves deficiencias do servizo "ao longo de toda a xeografía galega". Daquela, o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, informou de que se abriran 16 expedientes a compañías por incidencias no servizo.
Pero pouco ou nada mudou. En Vedra, aínda a semana pasada, a ANPA do colexio reclamou tamén á Xunta "solución aos graves problemas de seguridade e puntualidade no transporte escolar". Hai oito días, "dous dos vehículos non puideron saír do centro por non reunir as condicións: un porque expulsaba unha importante fumareda e o segundo por non contar con asentos suficientes para todos os nenos e nenas".
Na comarca compostelá son centos de alumnos os afectados, con varios centros sufrindo aínda deficiencias logo de tres semanas de aulas: os de Vite, Lamas de Abade, Casas Novoa e Rodríguez Xixirei; o de Ventín, en Ames; o de Viaño Pequeno, en Trazo; e o de Calo (Telo), ademais dos institutos de Sar, Eduardo Pondal e Xelmírez II. "Hai incidencias de todo tipo: atrasos constantes tanto á ida como á volta, paradas que non se fan -quedando rapazada tirada na parada-, rutas erradas, buses que chegan sen coidador...", explica Esther Martínez, que reclama á Consellería de Cultura, Educación e Universidade que poña fin "de vez ás múltiples deficiencias" e garanta "un correcto funcionamento" dun servizo, lembra Fanpa, "que é un dos instrumentos fundamentais, especialmente en Galicia, para garantir o dereito á educación das crianzas e da mocidade".
A Xunta atribúe os problemas ao "período de axuste" que supuxo a renovación do 50% das liñas o pasado ano
Ante esta situación, a Federación de ANPAs convocou este mesmo xoves á mañá varias concentracións -ante o IES do Sar, no CEIP Igrexa-Calo e no de Vite- para esixir á Xunta "unha solución inmediata" a uns problemas que continúan. Nesta mesma semana, explica Martínez, en varios dos centros afectados os buses escolares chegaron "entre vinte minutos e unha hora tarde". "Hai casos de todo tipo: nalgúns, as familias tiveron que agardar cos cativos na parada ou acabaron levándoos ao centro e chegando tarde aos seus traballos. Noutros, á volta, o bus non dá chegado para recollelos e o profesorado queda atendendo os pequenos ata que chegan os pais ou dá chegado o autobús", explica.
"Houbo ocasións nas que os buses fixeron mal a ruta, non pasaron por todas as paradas e deixaron nenos sen recoller; doutra vez, autobuses de Primaria chegaron sen coidadora e, non hai tanto, a empresa mandou un vehículo demasiado pequeno e tivo que facer dúas viaxes, tardando unha hora máis do previsto en deixar todo o alumnado", engade.
Todas estas eivas repítense noutras comarcas e teñen unha característica común ás que tamén se producen no transporte interurbano xeral: o empeoramento do servizo coas novas concesións tras a reordenación das liñas de buses en Galicia por parte da Xunta nos últimos meses.
Así, en moitos casos os problemas para o alumnado veñen tamén polas eivas no transporte público, non específico para os centros escolares, que utilizan para desprazarse ás aulas: ben polos atrasos ou pola falta de alternativas. Noutros, como en Curtis, a falta de prazas nos buses da escola obrigou a familias e administracións a buscar alternativas para alumnado de FP ou Bacharelato, que non ten dereito ao transporte escolar se non hai prazas libres nos autocares.
Ante esta situación, conselleiro de Educación, Román Rodríguez, atribúe os problemas derivados nalgunhas das liñas de transporte escolar ao "período de axuste" que, ao seu xuízo, implicou o proceso de renovación do 50% das rutas acometido o pasado ano.
"Todos os anos adoita haber problemáticas concretas" nunha rede, lembrou, que dá servizo a 77.000 escolares en Galicia e na que di que se irán solucionado os problemas así que vaia avanzando o curso.
O problema vén de lonxe e remóntase a anos de prórrogas ilegais dos contratos tras os que a Xunta renovou a metade das liñas de bus escolar, as máis rendibles para as empresas, de xeito conxunto co transporte regular
"Somos conscientes de que hai algúns que se deben corrixir. Tanto a Consellería de Educación como a de Infraestruturas, cando temos unha notificación dunha incidencia do equipo directivo comunicámolo á empresa e abrimos as dilixencias necesarias", dixo. Pero son moitos os casos nos que os centros non reciben resposta ás súas demandas de solucións.
O problema vén de lonxe. Tras anos de prórrogas ilegais dos contratos, a Xunta renovou a metade das liñas de transporte escolar de Galicia, o servizo máis rendible para as empresas de autobuses, de xeito conxunto coas de transporte regular, obrigadas polo Tribunal Supremo. Pero quedou pendente outra metade de servizos que se prestan de xeito exclusivo aos centros escolares, nas que o proceso para renovar os contratos non foi lanzado pola Xunta ata finais de 2020.
Logo de ter que anular aquel primeiro concurso polos “erros” e a “confusión considerable” que tiñan as súas condicións, o groso do proceso de contratación non rematou ata xaneiro deste ano, varios meses despois de comezado o curso escolar, o que obrigou a prorrogar mentres tanto as anteriores empresas concesionarias. E varios contratos aínda quedaron pendentes de recursos e non se resolveron definitivamente ata este pasado verán, co curso 2021-22, no que tiñan que estar en vigor, xa rematado. Agora, os problemas continúan e a denuncia do "caos" é común en moitas comarcas galegas.