O novo plan de transporte escolar no Courel ergue a protesta da ANPA do colexio, que convoca folga este venres, e de toda a corporación municipal
As modificacións previstas pola Xunta no servizo de transporte escolar no Courel e os problemas derivados dese novo sistema provocaron a convocatoria por parte da ANPA do colexio Poeta Uxío Novoneyra dunha folga para este venres 8. É a nova medida de presión das nais e pais do alumnado do centro de Folgoso, apoiado por toda a corporación municipal, logo da última concentración que o pasado martes levaron a cabo na sede da Xunta en Lugo.
Alí entregaron os milleiros de sinaturas recollidas durante os últimos días en apoio das súas demandas, trasladadas tamén á Consellería de Educación, á que piden que modifique ou anule a proposta de contratación de rutas escolares para os centros públicos de cara ao vindeiro curso.
"É unha máis; a cada pouco stannos quitando servizos na montaña e non podemos estar sempre perdendo. Xa está ben", di a ANPA
Segundo denuncia a ANPA --ademais do Concello de Folgoso e a oposición parlamentaria-- o novo plan de transporte non se adapta ás peculiares condicións do Courel e suporía máis atrancos para unha zona de montaña que xa sofre a escaseza de servizos ou problemas como os cortes de luz, caída da rede telefónica e illamento no inverno, ademais da escaseza de servizos sanitarios e persoal médico denunciados acotío.
"É unha máis; a cada pouco na montaña estannos quitando servizos e non podemos estar sempre perdendo. Xa está ben", di Pilar Veiga, presidenta da ANPA do colexio. Esa outra "máis" refírese á futura adxudicación da contratación de transporte escolar por parte da Consellería de Educación.
No que se refire ao lote 27 do concurso, o que abrangue Folgoso do Courel. o plan contempla o uso de microbuses de case 30 prazas para unhas rutas cubertas desde hai décadas por furgonetas-taxi de ata nove asentos, mellor adaptadas á zona, máis rápidas e máis azosas para as estradas da montaña. Ademais, as firmas que resulten adxudicatarias terán tamén que realizar o transporte noutros centros do sur da provincia de Lugo, o que fai inasumible que os taxistas que prestan o servizo poidan optar a el.
O novo plan contempla o uso de microbuses en lugar dos taxis de nove prazas de agora, mellor adaptados, menos perigosos e máis rápidos
Na actualidade, son seis taxistas autónomos os que trasladan a rapazada da zona, que é recollida nas súas propias aldeas e chega ao centro en pouco tempo. O novo sistema, denuncia a ANPA, empeoraría moito o servizo.
A esixencia de microbuses provoca "a imposibilidade de recoller o alumnado nas súas propias paradas", tendo que facela na estrada, "lonxe das dúas casas e sen lugar onde refuxiarse nunha zona de climatoloxía adversa a maior parte do ano", explican nais e pais no escrito rexistrado na Xefatura Provincial de Educación.
Ademais, aclaran que o tempo da viaxe --pola redución das rutas de seis a catro e pola menor velocidade e accesibilidade dos microbuses-- aumentará para todo o alumnado, en especial para tres pequenos, os máis afectados, que "tardarían unha hora en percorrer 15 quilómetros". Do mesmo xeito, denuncian que "aumentará o risco de accidente".
A redución de rutas e a menor velocidade e accesibilidade dos microbuses provoca que nenos "tarden unha hora en percorrer 15 quilómetros"
Alén disto, a ANPA asegura que o novo sistema de transporte "incumpre a normativa vixente e vulnera dereitos e normativas europeas e estatais" ao non dotar ás zonas de montaña de servizos básicos e de escasa densidade de poboación ou incumprindo a "atención diferenciada" nestas áreas como o Courel para "fomentar iniciativas de autónomos locais ou pequenas empresas, fomentando o emprego e o mantemento dos postos de traballo".
A ANPA denuncia que o novo plan deixaría sen emprego seis persoas autónomas que trasladan agora o alumnado ao colexio nas súas furgonetas-taxi
A mudanza no sistema de transporte afectaría tamén as seis persoas autónomas que traballan como taxistas na zona e que perderían o traballo de non contar coa prestación do servizo escolar. "Non é só que se perdan estas seis prazas de taxi, senón que supón unha perda máis de servizos; todas esas campañas da Xunta para apostar polo rural acaban sendo fume", di Pilar Veiga, a presidenta da ANPA, que destaca que na loita "está todo o pobo e a corporación unida".
Veiga asegura que a única resposta da Xunta, a través dos medios, é que os taxistas poden optar ao servizo como o resto de empresas. "É unha verdade a medias porque é evidente que non poderán competir con Monbús coas condicións que esixen", engaden.
"O plan de transporte está feito desde unha oficina; está claro que non coñecen a realidade do Courel, nin as súas estradas nin as condicións meteorolóxicas porque senón non se proporía isto", insiste quen lembra que para algúns nenos ir ao colexio sería como "desprazarse de Lugo á Coruña cada día" e por viais en moitas peores condicións e máis perigosas.
"O plan está feito desde unha oficina; non coñecen as estradas nin as condicións do Courel. As campañas da Xunta para apostar polo rural acaban sendo fume"
"Esperemos que haxa un amaño porque nós seguiremos reivindicando os nosos dereitos; a poboación non vai aceptar esta proposta porque, ademais, ten claro que o rural non pode volver saír así de prexudicado unha vez máis", di Veiga.
Polo momento, o alumnado do colexio non irá este venres a clase "como protesta pola inminente contratación do transporte escolar, que reducirá o número de rutas e obrigará a facer desprazamentos aínda máis longos para ir e voltar do cole", aclara a ANPA, que tamén presentou reclamacións ante o Valedor do Pobo e o Defensor del Pueblo.