Dez días sen teléfono en pleno Courel: "despois enchen a boca a falar de abandono do rural"

Vista da aldea de Visuña, en Folgoso do Courel Dominio Público Jéssica Blanco

Visuña é unha pequena parroquia do Concello de Folgoso do Courel, o montañoso municipio da montaña lucense de pouco máis de 1.000 habitantes, a medio camiño entre Monforte  e Ponferrada e a algo menos de 120 quilómetros de Lugo. O ano comezou nesta privilexiada contorna natural con frío e neve, como adoito, pero tamén cun deses problemas que saltarían aos titulares e ás polémicas políticas locais e mesmo galegas se sucedesen n unha cidade. O 8 de xaneiro a veciñanza quedou sen teléfono, unha "avaría masiva" que "afecta aos teléfonos fixos, á cobertura móbil e a internet", explica a voceira da poboación afectada, Jéssica Blanco.

Dende o 8 de xaneiro a "avaría masiva" afecta á telefonía fixa e aos servizos móbiles de voz e datos

Dende o comezo da avaría a vecñanza púxose en contacto co "servizo de atención técnica" pero, polo momento, a situación non variou. "A cobertura móbil aparece en moi poucos momentos do día e cando a temos, non nos deixa realizar chamadas" e "o servizo de internet é practicamente inexistente". A mesma ausencia continúa na liña fixa, "que segue a ser a única forma de comunicación para moitas persoas maiores". "Todo isto -asegura- malia facer numerosas chamadas e transmitir as nosas queixas" a Telefónica, "que non nos dá ningunha resposta".

O problema, afirma a voceira veciñal, non atinxe só a Visuña. Tamén hai problemas, cando menos, na aldea veciña de Ferramulín, na parroquia de Hórreos. "Dende ese día, aínda que os seus teléfonos funcionan porque posiblemente collan cobertura doutra antena, non o fan igual ca antes".

"Sentímonos abandonados, temos os mesmos dereitos e pagamos igual que todos"

"É vergoñento que durante máis de dez días nunha zona rural, cunha poboación maioritariamente envelelcida, nos atopemos sen ningún tipo de comunicación", lamenta Jéssica Blanco. "Todos os nosos representantes políticos, en tempo electoral, enchen a boca a falar de evitar o abandono do rural", resalta, pero cumpriría preguntarlles "como pretenden facelo cando, a todas as persoas que aínda vivimos aquí, nos deixan en servizos básicos". O peor, lamenta, é que semella "que a ninguén lle importa nin semella que fagan nada por solucionalo".

Mentres tramitan reclamacións ante a compañía telefónica, a veciñanza deu en transmitir a súa situación publicamente "para ver se así conseguimos que se solucione o problema". "Sentímonos abandonados; se esta mesma situación sucedese en Lugo ou Monforte estaría máis que solucionada". "E nós -conclúe- temos os mesmos dereitos a un servizo básico; pagamos as nosas facturas igual que todos".

Casas afectadas pola avaría telefónica no Courel Dominio Público Jéssica Blanco

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.