O Courel: un médico e unha enfermeira a quendas para dous centros de saúde

Centro de saúde en Folgoso do Courel © PSdeG-Lugo

O primeiro luns da segunda quincena do pasado mes de xullo, en Folgoso do Courel varios pacientes tiñan cita para analíticas, consultas xerais ou a aplicación de tratamentos como o Sintrom, entre outros. Moitos non puideron ser atendidos ao coincidir citas nos dous centros de saúde do concello, o de Folgoso e o de Seoane. Á xa habitual non substitución dun dos médicos de vacacións engadíuselle a marcha dunha das dúas enfermeiras que atenden no municipio, que tampouco foi reemprazada. Foi o que acabou coa paciencia dunha veciñanza dispersa e envellecida, que teme máis recortes de aplicarse a nova Lei de Saúde ou o peche dun dos ambulatorios e que pide solucións á Xunta. Xa recolleron máis de 500 sinaturas -a localidade anda sobre os 1.000 habitantes- e este martes entregaranas en Monforte, onde tamén levarán a cabo unha concentración reclamando un servizo sanitario público axeitado e de calidade, xusto o que agora non teñen.

Nin a praza dun dos médicos nin a da enfermeira son ocupadas cando marchan de vacacións nos centros de saúde de Folgoso

"Os servizos sanitarios prestados no Courel son desastrosos, sobre todo tras a última decisión tomada pola Xerencia de Xestión Integrada de Lugo, Cervo e Monforte", advirte o grupo de veciños que leva meses protestando e recollendo sinaturas. Refírense á non substitución da enfermeira de vacacións malia as "pretensións" anunciadas pola Xunta. Ao faltar tamén por descanso un dos dous médicos que atenden no concello, a situación vólvese "inviable e incomprensible".

Sandra, unha das veciñas afectadas, asegura que a ausencia dun facultativo durante o verán "vén de lonxe e é algo que xa se dá por descontado". Ocorre desde hai anos e provoca que un só médico teña que repartirse e atender tres horas en Seoane e outras tres en Folgoso. A situación complícase aínda máis se hai que atender un doente no seu domicilio ou facer curas. Nunha comarca cunha elevada dispersión poboacional, a falta de atención no centro de saúde pode alongarse durante horas. No caso dunha urxencia, os doentes teñen que trasladarse a Quiroga, co gasto económico e de tempo que iso supón. Así o denuncian varios veciños, así como o PSdeG e Courel Vivo, as dúas formacións con representación na corporación municipal ademais do PP, que goberna a localidade. 

Durante o verán, un médico repártese entre os dous centros de saúde: tres horas en Folgoso e tres en Seoane

A resposta da Consellería de Sanidade, segundo os veciños mobilizados, é que "non hai quen queira vir" ao Courel para substituír os profesionais que marchan de vacacións. O propio conselleiro, Vázquez Almuíña, así llelo dixo aos representantes políticos da zona que acudiron á xuntanza na que a Xunta tratou de explicar os motivos e as consecuencias da futura aplicación do novo mapa sanitario en Galicia nas comarcas dependentes da área de Monforte, agora a extinguir. 

"O conselleiro asegurou que era un problema puntual causado por non haber profesionais dispostos a acudir ao Courel para cubrir as vacacións ante a insuficiencia de recursos", explica Óscar Carrete, portavoz de Courel Vivo en Folgoso, que advirte de que "foi a propia Xunta quen reduciu os recursos para estas prazas" e que está "convencido" de que serían moitos os profesionais dispostos a traballar na zona "de teren unhas condicións axeitadas". "Se hai xente no Lucus Augusti de Lugo á que chaman para traballar un ou dous días á semana, como non ían querer traballar aquí?", pregúntase quen reclama "incentivos e condicións laborais dignas" para o persoal e solucións para un problema "que ten que arranxar a Xunta". "Un plus por estar afastado da súa área sanitaria, colaboración da Xunta cos concellos para facilitar o aloxamento do persoal médico... Solucións hai de haber vontade política", insiste. 

Sanidade asegura que non é quen de cubrir as vacantes no Courel porque non hai quen queira ir traballar alí

Veciños e usuarios indígnanse ante unha situación que empeora desde hai anos coa "desaparición de servizos de gardas nocturnas, ausencia de ambulancias ou implantación dun réxime de gardas alterno ás tardes entre os dous centros" de Folgoso. "Se o Sergas deixase de implantar contratos precarios por días, se cadra médicos e enfermeiros non marchaban, como xa pasou", engade Carrete, que no fondo ve un intento por "desprestixiar a sanidade pública e beneficiar a privada". 

Desde Folgoso advirten de que a mudanza prevista na Lei de Saúde aínda pode empeorar máis as cousas, sobre todo ao reducir de once a sete as áreas sanitarias existentes, suprimindo as da Mariña, O Salnés, O Barco e Monforte. A esta última pertence a zona do Courel, que pasaría a estar xestionada non xa desde Lemos, senón desde Lugo, perdendo xestión directa, proximidade e medios. 

"A Xunta pretende convencernos de que suprimir a área sanitaria actual vai traer vantaxes á comarca, pero por máis que falamos co persoal médico, non llelas atopamos", insiste Carrete, que asegura que na xuntanza mantida co conselleiro, este insistía en "potenciar a atención telefónica e a implatanción de persoal médico que se desprace por varios concellos para a implantación a domicilio". "Facer curas, unha picadura dunha abella... Como se arranxa iso por teléfono? Se din que non hai médicos para os centros de saúde, vanos buscar para que se anden desprazando de casa en casa?", pregúntase.. 

"Tendo en conta o elevado número de persoas maiores sen posibilidades de desprazamento e/ou situación de dependencia, unido ao mal estado das estradas e a dispersión poboacional, esiximos que o Courel teña uns servizos sanitarios de calidade e non discriminatorios", expresa a veciñanza que este martes ao mediodía entregará nas dependencias do Sergas en Monforte as máis de medio milleiro de sinaturas reclamando unha sanidade pública de calidade, ademais de se concentrar para reclamar uns servizos axeitados, unha protesta que xa fora trasladada á Valedora do Pobo. 

A situación que ocorre en Folgoso do Courel non é a única. Moitas outras zonas do rural galego quéixanse da falta de servizos e medios na sanidade pública, moi especialmente en época estival. O envellecemento da sociedade, a elevada dispersión ou o aumento de poboación durante o verán acentúa uns problemas que veñen de lonxe e que temen que poida empeorar a nova Lei de Saúde, criticada unanimemente por sindicatos e oposición. 

Vázquez Almuiña, conselleiro de Sanidade © Xunta

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.