Outro temporal evidencia un problema endémico en Galicia: mil casas sen luz durante case tres días

Unha máquina quitaneves, traballando en Cervantes © Deputación de Lugo

"O que máis fastidia é que se sabe unha semana antes que vai vir un temporal, as cotas de neve e ata a velocidade dos refachos de vento... Pero todos os anos pasa igual, quedamos totalmente desprotexidos e vólvense poñer en evidencia as deficiencias da administración e dos servizos de subministro eléctrico". Coa luz recuperada de todo aínda a pasada noite tras varios días con problemas, este veciño do Courel amosa a súa desesperación cun problema que chega cada anos coas inclemencias do tempo. 

Ata 6.000 casas do sur da provincia de Lugo quedaron sen subministro eléctrico á vez nalgún momento da pasada fin de semana

Desta vez foi o temporal Dora, que na mañá do domingo mantiña aínda 1.700 casas sen luz no sur da provincia e na montaña de Lugo, principalmente en Baleira, Folgoso do Courel, Samos, Cervantes, Baralla, Láncara, Castroverde, Sarria, Monterroso ou O Corgo. Ata 6.000 clientes chegaron a quedar sen subiministro eléctrico á vez nalgún momento desta pasada fin de semana. 

Caídas de árbores pola borrasca 'Dora', no interior de Lugo © Deputación de Lugo

Máis dun milleiro de casas quedaron sen luz durante case tres días; os cortes na rede de telefonía tamén afectaron varios concellos

Máis dun milleiro de casas, ademais, permaneceron durante case tres días --desde a tarde do venres ata a mañá do domingo-- sen luz no medio dun temporal con fortes refachos de vente e varios centímetros de neve ás portas. Nalgunhas zonas do Courel, como volve destacar Óscar Carrete, concelleiro no municipio de Folgoso, á falta de luz uniuse a incomunicación e o illamento de moitas vivendas polas deficiencias na cobertura de telefonía. "Se os cortes no subministro eléctrico afectaron toda a poboación, os teléfonos deixaron de funcionar para a metade", relata. 

Houbo cortes na rede de telefonía en varios concellos do sur da provincia da Lugo, dificultando tamén os labores dos servizos de emerxencia ante os innumerables requirimentos por problemas en estradas provocadas pola neve ou ante as numerosas caídas de árbores. 

"A falta de mantemento dos tendidos eléctricos é un problema antigo que ninguén soluciona nin obriga a solucionar", insiste Carrete, que critica que empresas como Naturgy busquen "aforrar custos" en limpeza ou nas expropiacións necesarias nas faixas darredor das liñas, unha decisión que "acaba provocando problemas cada vez que hai temporal". 

"Érgueste un día e tes 35 centímetros de neve á porta da casa, non tes subministro eléctrico e o teléfono non che funciona"

"Se expropias e limpas tres metros darredor do tendido e cada ano tes problemas coa caída de árbores, igual o que tes que facer é ampliar a cinco metros", explica Carrete, canso de ver como a estas deficiencias se une a ausencia de xeradores de emerxencia que impidan o corte do subministro eléctrico. 

Quéixase desde a aldea de Teixeira, en Folgoso do Courel, onde durante varios días houbo problemas coa luz, coa cobertura de telefonía e coa limpeza das estradas. "Érgueste un día e tes 35 centímetros de neve na porta da casa e outros 300 metros máis de camiño por limpar porque a máquina quitaneves só pasa pola estrada xeral e non polo medio da aldea... Non tes subministro eléctrico, non te podes informar pola televisión e o teléfono non funciona", explica o edil de Caurel Vivo, quen pide "sentido común" ás administracións e que se lexisle "para impedir deficiencias deste tipo". 

Máquina quitaneves traballando no interior da provincia de Lugo © Deputación de Lugo

A empresa Naturgy, que na tarde do domingo contabilizaba perto de 300 clientes aínda sen subministro eléctrico en Baralla e Láncara, deu por arranxados todos os problemas arredor das 22 horas da mesma xornada. Todo despois de que UFD, a distribuidora eléctrica da compañía, mobilizase un cento de operarios e uns 30 vehículos para levar a cabos as reparacións, ademais de mobilizar varios grupos de xeradores eléctricos. 

A Xunta abre expediente a Naturgy

Non evitou que a Xunta abrise este luns expediente a UFD, do grupo Naturgy, que terá cinco días para presentar datos respecto do tempo de interrupción do servizo eléctrico, o número de afectados, o tempo medio de reposición do submniitro, a cifra de efectivos despregados ou os datos por concellos. 

A Xunta pretende determinar se "o axeitado cumprimento da obriga de manter as redes de distrución en condicións axeitadas de conservación e idoneidade técnica"

O obxectivo, segundo destaca a Xunta, é "determinar o axeitado cumprimento por parte da compañía da súa obriga de manter as redes de distrución en condicións axeitadas de conservación e idoneidade técnica. No caso de que se demotre que Naturgy puxo en risco a garantía de subministro ou xerou algún perigo ou dano grave para persoas, bens ou medio ambiente, incoaríase un expediente sancionador. 

Non é a primeira vez que a Xunta abre un expediente a Naturgy --antes Unión Fenosa e Gas Natural Fenosa-- por situacións semellantes noutros temporais, aínda que nada se soubo nunca de sancións. Desta vez faino logo dunha fin de semana de climatoloxía adversa, con ata 6.000 casas sen subministro eléctrico e nos mesmos días nos que, na maioría de vilas e cidades, acendíanse espectaculares alumeados de Nadal. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.