Milleiros de persoas, á luz do xerador esperando por 'Fenosa' outro temporal máis

Unha árbore, caída sobre o tendido eléctrico en Mos ao paso do temporal Fabien en decembro de 2019 © Emerxencias Mos

Na noite do sábado ao domingo, as peores horas do paso da borrasca Fabien por Galicia, arredor de 80.000 fogares galegos quedaron sen subministro eléctrico. A eléctrica Naturgy chegou a admitir arredor de 78.000 puntos de subministro afectados, aos que cómpre engadir os que dependen doutras empresas como Viesgo, que actúa nas áreas da provincia de Lugo onde noutrora a clientela era de Barras Eléctricas.

Nas peores horas do paso da borrasca Fabien chegou a haber uns 80.000 fogares galegos sen luz

Aínda que o número de fogares afectados polos cortes foi descendendo durante a xornada do domingo -60.000, 44.000, 29.000 ou 17.000, foron algunhas das cifras ofrecidas pola antiga Fenosa durante a xornada-, na mañá deste luns aínda eran 4.000 os que continuaban sen luz, fundamentalmente nas provincias de Lugo e Ourense. Nalgúns casos, o corte xa duraba dous días nos que, especialmente en áreas rurais, cumpriu botar man de xeradores eléctricos e grupos electróxenos preparados nas casas, precisamente, para cando chegan os cortes que adoitan traer consigo os temporais.

Efectos do temporal Fabien en Bergondo © Concello de Bergondo

A antiga Fenosa defendía o pasado febreiro que realizara cuantiosos investimentos para evitar cortes

Caídas de árbores e pólas sobre os tendidos e torres eléctricas estragadas polos fortes ventos son as causas máis habituais dunhas interrupcións do subministro que nos últimos días lembraron episodios anteriores como o do forte temporal de febreiro de 2017 ou o paso do ciclón Klaus, a comezos de 2009. Tras os temporais de 2017 a Xunta anunciara a apertura dun expediente informativo á antiga Fenosa -daquela, aínda baixo a marca Gas Natural Fenosa-, que aínda o pasado febreiro deste 2019 aseguraba que a súa filial Unión Fenosa Distribución (UFD) aseguraba que investira máis de 600 millóns de euros en tres anos para evitar cortes e, no caso de producírense, acurtar a súa duración.

As áreas rurais, as máis prexudicadas

Alén das percepcións individuais ou dos casos máis locais, si é posible medir o impacto dos cortes de luz e a súa duración. Faise a través dun índice de calidade do servizo chamado TIEPI (Tempo de Interrupción Equivalente á Potencia Instalada) que mide, en horas, "a hipotética duración da subministración referida á potencia total instalada nunha zona", equivalente á "suma da duración real de todas as interrupcións" superiores aos tres minutos, explica o Instituto Enerxético de Galicia (Inega).

Os datos máis recentes do Inega indican diferenzas de ata 20 horas na duración media dos cortes de luz durante os temporais entre as cidades e o rural galego

As bases de datos do Inega -aínda que cunha presentación dispar e non aberta. distinguen catro zonas para calcular o TIEPI. Urbanas (cidades de máis de 20.000 puntos de subministración eléctrica), semiurbanas (de 2.000 a 20.000 puntos), rurais concentradas (de 200 a 2.000) e rurais dispersas (menos de 200 puntos e núcleos illados, agás polígonos industriais ou residenciais). As áreas rurais son, á luz dos datos, as máis prexudicadas en episodios como os temporais que vén de sufrir Galicia.

Así, atendendo á base de datos máis recente do Inega, que abrangue o período de 2003 a 2016 -non recolle, daquela, os fortes temporais de 2017- amosa como no episodio meteorolóxico máis adverso da serie, o ciclón Klaus do 2009, a duración media dos cortes de luz nas zonas rurais dispersas de Galicia achegouse ás 30 horas de duración e nas rurais concentradas estivo por riba das 20 horas. Mentres, nas cidades, o corte medio non chegou ás dúas horas.

Os temporais marcan o ritmo

Unha ollada a outra serie histórica dispoñible en informes do propio Inega -aínda que sen posibilidade de reutilizar os datos- permite observar unha notable mellora na duración dos cortes de luz en Galicia dende os anos 90 e ata comezos de século, cando a súa duración ficou estable. E, en calquera caso, condicionada polos episodios meteorolóxicos adversos, moi especialmente no rural. 

Aínda que estoutra base de datos non detalla os cortes nas zonas rurais dispersas, si permite observar como fóra das cidades os temporais marcan o ritmo. Non en van, os propios informes do Inega así o advirten para anos como o 2001 ou o 2009, marcado polo devandito ciclón Klaus. 

Duración media dos cortes de luz en Galicia © Inega

Naturgy deslocalizou recentemente a atención telefónica que ofrecía dende Ourense

Estes cortes de luz son, frecuentemente, obxecto de debate político. Así, por exemplo, nos últimos días a voceira do BNG en materia de industria e enerxía, Noa Presas, censuraba que dous anos despois "seguimos sen saber que concluíu a Xunta co seu expediente informativo" á actual Naturgy. O propio BNG, ratifica a formación, reclamou no Parlamento sen éxito copia completa do expediente para coñecer o seu contido. A situación, lembra a parlamentaria, agravouse ademais recentemente polo feito de que a atención telefónica ás avarías xa non se realiza dende Galicia, dada a deslocalización do servizo ata agora prestado dende Ourense pola empresa Unitono.

Hai unha década, tras o paso do temporal Klaus, o actual presidente da Xunta e outros cargos do PP atribuíran directamente ao Goberno galego os cortes de luz. Para os conservadores, os efectos daquel ciclón sobre a rede eléctrica e o feito de que ata 200.000 fogares quedasen sen luz eran, en última instancia, consecuencia da "pasividade da Xunta" e da "ineptitude" de quen daquela era o seu presidente, Emilio Pérez Touriño.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.