O paso da borrasca 'Fabien' deixa milleiros de incidencias e de fogares sen luz por toda Galicia

Árbore caída en Mos por mor do forte vento durante a borrasca Fabien © Emerxencias Mos

O peor da borrasca Fabien xa pasou, segundo Meteogalicia, que deixou para este domingo en amarela a alerta en terra por vento e en laranxa, a alerta por grandes ondas e fortes refachos no mar. Pero este 22 de decembro é tamén xornada de balance de danos despois dun sábado que o propio servizo meteorolóxico galego cualificou como "xornada para a historia", con refachos de vento que chegaron a superar os 180 quilómetros por hora en puntos do norte do país.

Chuvia e vento en Galicia durante a borrasca Fabien CC-BY-NC-SA Praza Pública

O serán do sábado e a madrugada cara ao domingo rexistraron máis dun milleiro de incidencias por practicamente toda Galicia, segundo o 112. Foron, en concreto, un total de 1.430 alertas, indica a Axencia Galega de Emerxencias, con concellos especialmente afectados como A Coruña (48 avisos), A Estrada (37) ou Santiago e Oleiros, ambos con máis dunha trintena. Un día máis, as caídas de árbores e pólas na rede viaria, con case 800 episodios, foron os incidentes máis habituais. 

Arredor de 30.000 fogares sen luz e outros incidentes destacados

Tamén destacaron os problemas cos cableados de luz e teléfono, ata o punto de que na tarde do sábado chegou a haber arredor de 30.000 fogares sen luz, a maioría deles abonados a Naturgy -a antiga Fenosa-, pero tamén doutras compañías como Viesgo, que ten presenza fundamentalmente na provincia de Lugo, na área noutrora dominada por Barras Eléctricas Galaico-Asturianas. Moitos fogares e negocios permanecían aínda sen subministro eléctrico na mañá do domingo.

Tendido eléctrico estragado na provincia de Lugo por mor do forte vento o 21 de decembro de 2019 © Viesgo

O tren Vigo-Barcelona bateu cunha árbore caída nas vías á altura de Ribadavia e unha máquina de socorro tivo que remolcar o convoi ata Ourense

Alén dos devanditos incidentes máis habituais, o temporal tamén deixou este sábado atrancos de maior envergadura para as comunicacións e tamén persoas afectadas, aínda que sen a gravidade do falecemento do pasado venres en Santiago, cando un ancián perdeu a vida ao lle caer enriba un muro esfarelado pola chuvia e o vento. Así, por exemplo, a pasada noite o tren Vigo-Barcelona bateu cunha árbore caída nas vías á altura de Ribadavia e unha máquina de socorro tivo que remolcar o convoi ata Ourense, informa o 112.

En Cortegada, tamén na provincia ourensá, unha persoa tivo que ser atendida polo 061 despois de que outra árbore caese sobre o coche no que circulaba. Noutras moitas localidades galegas os servizos de emerxencia tiveron que actuar por mor das caídas de tellados e cubertas de edificios. Sucedeu, por exemplo, en Cambre, Carballo ou A Coruña.

'Revive' a lagoa de Antela

Unións Agrarias calcula que os asolagamentos na Limia teñen un impacto superior ao millón de euros no sector agrogandeiro

Ademais do vento, as fortes chuvias trouxeron consigo asolagamentos a moitas localidades galegas. Algúns aconteceron en lugares pouco habituais pero outros sucederon en puntos gañados noutrora ás augas a través de recheos, urbanizacións ou desecamentos. Isto foi o que sucedeu nos últimos días en vilas como Sada ou Baños de Molgas, pero tamén na comarca da Limia, na área que ata hai seis décadas era a propia da lagoa de Antela e a súa contorna.

Foi, concretamente, o 8 de setembro de 1958 cando comezaron os traballos para desecar a Lagoa, seguindo as ordes aprobadas en 1956 polas autoridades franquistas, que prometían grandes melloras para os cultivos agrarios na contorna. As fortes chuvias dos temporais deste remate do outono e comezo do inverno provocaron que a lagoa e a súa contorna volvesen ser tal por unhas semanas. Segundo Unións Agrarias, o impacto para agricultores e gandeiros supera o millón de euros e dáse por perdida arredor da cuarta parte da colleita de cereal.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.