Ás portas do inverno, o temporal máis intenso do outono do 2019, a borrasca Elsa, deixou a súa consecuencia máis tráxica no serán do xoves en Santiago, cando un muro do parque de Bonaval esfarelado pola chuvia e o vento caeu sobre un home octoxenario, veciño dunha rúa próxima. O seu corpo sen vida foi atopado contra as dez da noite tras o aviso dun viandante ao 112. Os servizos de emerxencia ratificárono ao abordar o desentullo da zona, onde tamén se viron afectados varios vehículos estacionados.
Un muro do compostelán parque de Bonaval esfarelado pola chuvia e o vento caeu sobre un octoxenario, causándolle a morte
Este falecemento, que deu lugar á suspensión de diversos actos ligados ao Nadal que tiña previstos para este venres o consistorio compostelán, foi o suceso máis sinalado dun temporal que provocou "case 1.800 incidencias" ata primeiras horas deste venres, segundo a Axencia Galega de Emerxencias. O concello que máis problemas sufriu por mor do temporal foi Vigo, con máis dun centenar.
Caídas de árbores e pólas en estradas e asolagamentos en estradas, vivendas e garaxes foron as incidencias máis frecuentes. Especialmente nas cidades, tamén xurdiron diversos problemas cos alumeados de Nadal. Así aconteceu en concellos como o de Sada, onde áreas que xa sufriran inundacións noutros temporais volveron pasar polos mesmos atrancos.
O río Tambre desbordou en Ponte Maceira e en Ourense e Lugo a ollada está posta no Miño polo mesmo motivo
A rede viaria viuse afectada polas consecuencias da chuvia e o vento en practicamente todo o país. Así, por exemplo, na ourensá rúa das Laxas quedou cortada pola caída dun muro de contención. En Bueu, a estrada EP-1302 tamén se viu afectada pola caída dun muro de pedra. Houbo tamén cortes, neste caso por asolagamentos, en Carballo, Verín, Arteixo ou Ponte Maceira, neste último caso polo desbordamento do río Tambre.
En Pradorramisquedo (Viana do Bolo), quedaron incomunicados porque a ponte que dá acceso ao lugar ficou completamente oculto baixo as augas. Nas cidades de Lugo e Ourense, ademais, continúa a vista posta no río Miño polo posible desbordamento.
Un traballador do servizo de emerxencias resultou ferido en Verín ao ceder unha ponte
O patio dun colexio anegado en Portomouro (Val do Dubra) ou cables e postes de telefonía caídos en ata 143 localidades son exemplos dos efectos dun temporal que tamén causou un relevante accidente laboral a un membro dos equipos de emerxencias que actuaban para paliar as súas consecuencias. Sucedeu na Gudiña, onde un membro do Grupo de Emerxencias da localidade resultou ferido mentres sinalizaba unha estrada anegada na Herosa. "Unha ponte cedeu e feriu o operario que, aínda que non parecía revestir gravidade, foi trasladado ao hospital" contra as sete da mañá do venres, sinala o 112.
Cortes de luz
Unha vez máis, o temporal veu acompañado tamén en múltiples puntos de Galicia de cortes de luz. A principal compañía subministradora no país, Naturgy -a antiga Fenosa- calculaba que os fogares afectados na tarde do xoves roldaban os 10.000. Contra o mediodía os problemas concentrábanse no interior da provincia de Pontevedra e mais en Ourense.