Cando os cortes de luz polo temporal eran culpa da Xunta

Feijóo, dando unha rolda de prensa durante a súa etapa na oposición CC-BY-SA PPdeG

Os últimos días de xaneiro e os primeiros de febreiro de 2009 foron, como neste 2017 e en tantos outros anos, xornadas de duro temporal en Galicia. Árbores e pólas nas rúas e estradas, anegamentos, tellas e lousas a voar e torretas eléctricas tombadas proliferaban polo país un inverno máis. Un dos episodios máis duros daqueles temporais concentrouse na fin de semana do 24 e 25 de xaneiro, uns días de fortes borrascas nas que, como nestes últimos tres días, chegaron a quedar sen luz uns 200.000 fogares por toda Galicia. A diferenza fundamental daquel temporal a respecto de tantos outros foi que se produciu a apenas un mes das eleccións galegas e a escasas dúas semanas do inicio da campaña electoral. Neste contexto o partido da oposición que aspiraba a facerse co poder, o PP, saíu en tromba de inmediato para asegurar que os efectos xerais do temporal e, máis concretamente, os cortes de luz, eran en última instancia responsabilidade da Xunta.

O primeiro chanzo da ofensiva popular contra a Xunta polo temporal subírao quen, paradoxalmente, estaría ao cargo da xestión das emerxencias apenas tres meses despois como conselleiro da Presidencia, o daquela secretario xeral e xefe de campaña do PPdeG, Alfonso Rueda. O número dous de Alberto Núñez Feijóo púxose á fronte dunha comitiva formada por cargos populares na provincia da Coruña como Carlos Negreira ou Manuel Ruiz Rivas, na altura voceiro parlamentario, e con localidades afectadas polo temporal como escenario denunciou a "absoluta ineptitude "do Goberno a comezar polo presidente, Emilio Pérez Touriño, de quen reclamou unha comparecencia inmediata no Parlamento.

O PP atribuíu en 2009 os prolongados cortes de luz á "pasividade da Xunta" e á "ineptitude" do presidente e esixiu a "declaración de zona catastrófica", figura legal derrogada dous anos antes

A Xunta, sinalara daquela Rueda, debía "reclamar para a zona catastrófica para as áreas afectadas", unha figura legal regulada por un decreto de 1981 que levaba derrogado dous anos e que, polo tanto, xa non existía como tal. Esta, afirmaba, era a vía para que "os afectados" polos estragos meteorolóxicos puidesen cobrar "axudas inmediatas". Touriño, esixía, debía dispoñer "compensacións económicas para todos os damnificados, dende as familias que perderon os víveres almacenados en conxeladores que deixaron de funcionar por falta de electricidade ata os danos provocados en explotacións agrícolas e gandeiras". O procedemento, agregaba, debía ser especial para así "salvar a maraña burocrática do bipartito".

Os populares acusaban a Touriño de dar "mitins con xeradores que lles negaron" aos veciños mentres Feijóo "tivo que pronunciar unha conferencia alumeado con lanternas"

Tras este primeiro catálogo de esixencias os conservadores reforzáronas nos días seguintes. Despois de que a Xunta anunciase un primeiro paquete de medidas urxentes para as poboacións afectadas polo temporal o PPdeG teimou na "necesidade" de aprobar a inexistente "declaración de zona catastrófica", xa que "o demandan unanimemente, con total xustificación, os veciños e os concellos arrasados polo temporal", indicaba Ruiz Rivas. Neste contexto, o dirixente popular criticaba que o PSdeG empregase "xeradores eléctricos" nun acto de precampaña de Touriño, porque "lles foron negados aos habitantes de amplas zonas de Galicia" e, ademais, "Feijóo, coincidindo co temporal, tivo que pronunciar unha conferencia alumeado con lanternas de pilas". Todo isto, acusaba, acontecía mentres veciñanzas enteiras "tiveron que agardar varios días a que se lles repuxese a subministración eléctrica". A causa, afirmaba, non era outra que "a pasividade da Xunta".

Como era de agardar, PSdeG e BNG negáranse á comparecencia do presidente na Cámara, xa disolta por mor das eleccións, polo que o PP retomou a cuestión o 2 de febreiro. "O temporal consumiu o derradeiro punto do carné de presidente co que conta Touriño", concluíu o partido de Feijóo nun comunicado. "A nula resposta da Xunta -reiteraban- permitiu que milleiros de galegos" estivesen "sen subministración eléctrica e en condicións precarias de habitabilidade nos seus fogares".

Os cortes de 2017

As cifras de fogares sen luz daquel lonxano 2009 non foron moi diferentes das rexistradas nos últimos días en Galicia. Así, segundo datos de Unión Fenosa Distribución, a primeiras horas deste domingo, 5 de febreiro, as vivendas sen subministro normalizado superaban as 16.000, eran unhas 14.000 contra o mediodía e a primeiras horas do luns aínda ficaban unhas 2.000. A cifra total dende o venres rolda, como hai sete anos, as 200.000. Neste sentido, a Xunta indica a través dun comunicado qeu está a "facer un seguimento continuo" dende "as súas xefaturas territoriais" a respecto do "traballo das empresas distribuidoras de electricidade para restablecer o subiministro nos puntos afectados" e lembra que Gas Natural Fenosa "ten habilitado un número específico para reclamacións dos seus clientes, o 900 111 999".

A primeiras horas do domingo as vivendas sen luz eran unhas 16.000, segundo Gas Natural Fenosa

As derivadas da falta de subministro eléctrico son só algunhas das máis de mil incidencias rexistradas polo 112 dende o inicio do temporal, entre as que destacan os falecementos de dúas persoas. Dende a tarde do sábado e ata primeiras horas do domingo Emerxencias sumou 107 incidencias máis, "a maioría por árbores e pólas nas estradas, caídas de cables e postes de luz, restos de accidentes e caída de pedras e terra en vías". Ata cinco persoas foron evacuadas a hospitais "por inhalación de monóxido de carbono" procedentes de xeradores eléctricos en Castroverde, Baralla e A Estrada.

As reaccións da actual oposición galega foron, cando menos polo momento, dun ton notablemente menor ao daquel temporal de precampaña. Así, En Marea solicitou a comparecencia do ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, para dar contas polas incidencias na rede ferroviaria galega e o PSdeG instou, a través do deputado Juan Díaz Villoslada, a que a Xunta faba "balance dos danos tan pronto como sexa posible" e poña en marcha "unha liña de axudas que permita paliar os desperfectos". Igualmente, o parlamentario reclama que o Goberno "avalíe os motivos e o alcance dos apagón" cunha auditoría orientada a "garantir que a rede eléctrica estea en condicións de soportar as inclemencias meteorolóxicas".

 

Unha torreta eléctrica na provincia de Lugo, derrubada polo temporal © Viesgo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.