O forte vento da borrasca 'Fabien' provoca numerosas incidencias en toda Galicia

Unha árbore trancando unha estrada en Sanxenxo © Emerxencias Sanxenxo

Logo das case 2.000 incidencias provocadas por Elsa, a borrasca Fabien deixouse sentir con moita forza este sábado tamén en Galicia, cun total de 539 ata as 18 horas do sábado e dúasu persoas feridas, segundo informa o 112-Galicia. Desde primeiras horas da mañá, o temporal que provocou a alerta laranxa en terra e vermella na costa provocou caídas de árbores, desbordamentos en ríos, cortes de estradas, desvíos de voos e que uns 27.000 fogares galegos quedasen sen luz. 

Uns 27.000 fogares en Galicia permanecían sen subministro eléctrico a media tarde do sábado

Os cortes son provocados, na súa maioría, pola caída de árbores ou pólas sobre as liñas de tendido eléctrico e hai uns 600 operarios traballando en recuperar o subministro eléctrico. 

O vento foi o gran protagonista da xornada, con refachos que superaran xa a primeira hora da mañá os 165 quilómetros por hora en Punta Candieira (Cedeira) e os 176 no Penedo do Galo, en Viveiro, onde os refachos alcanzaron os 184 unhas horas despois, segundo informa 4Gotas. 

Foron as velocidades máis altas alcanzadas polos ventos da borrasca nunha xornada con outros picos importantes como os 176 km/hora en Cabeza de Manzaneda, os 130 en Malpica ou os 149 nos Ancares. Ata a medianoite, estaba previsto que os refachos puidesen ser aínda máis intensos. 

Inundacións na Limia, nunha imaxe da CRTVG © CRTVG

A intensidade do aire provocou que se suspendesen todos os partidos de fútbol ao aire libre, así como moitas competicións deportivas a cuberto, polo perigo de desprendementos de fachadas ou tellados, sucesos que aconteceron en varias vilas e cidades como A Estrada, Culleredo, Sanxenxo, A Coruña ou Vilagarcía ou mesmo no aeroporto de Lavacolla, onde caeu a marquesina de saídas. 

Foron numerosos os voos cancelados pola intensidade do vento, tanto con destino a Galicia como de saída, nos tres aeroportos. As condicions meteorolóxicas provocaron mesmo que o voo do Celta a Valencia, onde xoga este domingo ante o Levante, fose suspendido

Numerosos voos con destino ou saída desde Galicia foron cancelados ou desviados e varios trens sufriron tamén problemas

As caídas de árbores foron tamén habituais en varias localidades. Así, mesmo tivo que ser cortada a liña ferroviaria que une A Coruña con Monforte, ao seu paso por Lugo, ao caer dous troncos sobre a vía nun suceso sen ningún ferido. Tamén as árbores atrancaron o tráfico entre Ourense e Taboadela, mentres que outro tren, o que comunica Vigo e Ponferrada, sufriu importantes atrasos polas condicións meteorolóxicas.

Malia que as chuvias non foron intensas neste sábado, a acumulación de auga dos últimos días volveu provocar problemas co desbordamento de ríos, especialmente do Miño ao seu paso por Ourense ou Tui, onde creou importantes problemas. 

Dúas persoas feridas pola caída de árbores

Do total de máis de 500 incidencias, por provincias, A Coruña foi a máis afectada con 214 contabilizadas, Pontevedra con 151, seguida de Lugo con 127 e Ourense con 45 incidencias. A caída de árbores e pólas en vías de circulación (284), as accións de prevención de risco (119), derrubamentos (34), cables da luz e teléfono nas estradas (24) e postes caídos nas calzadas (21) foron as incidencias que máis se repetiron.

En canto aos concellos, destaca o de A Coruña con 22 incidencias, Santiago de Compostela con 13 e Oleiros con 11. Na provincia de Pontevedra, A Estrada alcanzou as 19, Lalín sumou 14 e Mos 6. No concello de Lugo contabilizáronse 12, en Guitiriz 7 e en Viveiro 6. E, por último, na provincia de Ourense, Lobios e Vilamartín de Valdeorras rexistraron 4, respectivamente.

Dúas persoas foron feridas, unha tras caerlle enriba do coche unha árbore e outra por bater co seu vehículo contra outra árbore caída

Unha persoa precisou asistencia médica despois de que lle caese enriba do coche no que circulaba unha árbore en Cortegada. Segundo se lle indicou ao 112 Galicia, a persoa atopábase liberada e accesible. En Cambre, caeron varias partes do tellado dun edificio na Praza da Ría golpeando e rompendo a canalización do gas. 

Ademais, en Carballo, no Colexio Fogar,  levantouse o tellado do centro, mentres que en Cerdido, unha muller resultou ferida ao bater o vehículo no que circulaba contra unha árbore caída na vía. 

E, por último, no termo municipal orensán do Bolo, caeu o pilar dunha ponte e afundiuse no lugar da Barxa, onde pasa o río Xares, na estrada que une A Barxa co Seixo, en Petín. Trátase dunha vía secundaria que une as aldeas da Barxa co Seixo e hai outras vías alternativas polo que os pobos non quedan incomunicados.

Operarios retiran unha árbore caída en Ourense © Emerxencias Ourense

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.