As eivas na conexión por bus afondan na precariedade do transporte público entre A Coruña e Ferrol

Persoas esperan un bus de reforzo na Coruña, o pasado 8 de setembro CC-BY-SA Plataforma por un Transporte Público Digno para Ferrol e Comarca

"É terceiromundista; somos unha zona abandonada, discriminada e xa castigada laboralmente. Estamos fartos e non nos imos conformar con máis parches". Teresa Vázquez, portavoz da plataforma Transporte Digno para Ferrol e Comarca, responde así ao anuncio da Xunta de que requirirá a Monbús máis reforzos para corrixir as graves eivas que desde hai semanas denuncian as persoas usuarias da liña de autobús que une a urbe ferrolá e A Coruña. 

A Xunta requiriu varias veces a Monbús para corrixir as deficiencias na liña, con atrasos continuos e xente sen servizo desde hai semanas

Os problemas continúan no transporte interurbano por estrada e afondan na deficiente conexión por transporte público entre as comarcas de Ferrolterra e da Coruña. Ás incidencias constantes nos autobuses únese un tren con escasas frecuencias, dos máis anticuados e infrautilizados de España e con récords de lentitude. Nunha conexión entre dúas áreas metropolitanas que roldan xuntas os 560.000 habitantes e que, unidas á de Betanzos -entre ambas- supoñen case unha cuarta parte da poboación galega: 600.000 persoas. 

No que vai de setembro, as incidencias en forma de atrasos, buses cheos ou xente "tirada" nas paradas sucédense na liña de autocar que une Ferrol e A Coruña. Máis de vinte persoas quedaron o pasado luns á mañá agardando unha alternativa en Fene logo de que o vehículo que dá servizo ao alumnado universitario chegase completo e dez minutos tarde. Entre furgonetas e taxis completaron o traxecto, pero con máis de media hora de atraso. O martes, foron 40 os usuarios que agardaron a outro autocar a primeira hora da mañá na urbe coruñesa. Días antes, foron unha ducia as que quedaron en terra na mesma liña. Noutros casos, o transporte nin aparece. E as queixas e denuncias non paran. 

Persoas esperan un bus de reforzo en Fene, o pasado 8 de setembro CC-BY-SA Plataforma Transporte Digno para Ferrol e Comarca

"As frecuencias son escasas, os horarios xa non son axeitados para moita xente e o servizo remata demasiado cedo. Ten que haber servizos apropiados para os traballadores, os universitarios e a xente que acode a centros hospitalarios, pero hai problemas en todos os casos", insiste Teresa Vázquez, que advirte que "coa anterior compañía, aínda sendo mellorable coma todo, non había problema ningún". 

"É terceiromundista; estamos fartos e non nos imos conformar con máis parches", di a plataforma Transporte Digno para Ferrol e Comarca

"Si que os hai agora con Monbús; e non só aquí, senón en moitos lugares de Galicia onde hai queixas pola ineficacia da empresa", explica sobre unha compañía á que a oposición sinalou xa varias veces por continuos incumprimentos, tras acusar a Xunta de "mirar para outro lado", e que controla -a través das empresas do grupo ou en asociación con outras firmas, o 80% das liñas de transporte que operan no país.

As críticas neste caso diríxense á UTE Hércules Norte, xestionada por Monbús e concesionaria da conexión A Coruña-Ferrol. A mesma que, para maior indignación dos usuarios, quedou fóra do aumento de ata o 95% de desconto nos billetes que anunciou a empresa a principios de mes

Tal foi a desfeita e a avalancha de queixas nos últimos días que a Xunta requiriulle por dúas veces a semana pasada a compañía presidida por Raúl López un plan de reforzo nun servizo do que pide "previsión e fiabilidade" para non deixar usuarios sen atender. 

Infraestruturas atribúe as eivas ao "incremento de demanda superior ao previsto" ao coincidir o inicio do curso, os descontos e a normalidade post-COVID

Desde a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade aclaran a Praza.gal que a concesionaria xa habilitou reforzos que avaliará xunto coa empresa nos vindeiros días e que os problemas veñen derivados desde o pasado día 5 por "un incremento de demanda superior ao previsto, ao coincidiren o inicio do curso escolar coa aplicación do desconto adicional do 50% e a recuperación progresiva dos usuarios que mudaron os seus hábitos coa pandemia". O departamento que dirixe Ethel Vázquez asegura que esta repunta na demanda "concéntrase nos servizos que conectan as dúas cidades por autoestrada á primeira hora da mañá e nos de volta ao mediodía". 

Usuario dun autobús interurbano en Galicia CC-BY-SA Xunta

"As persoas usuarias sabiamos que isto ía pasar en setembro porque xa pasou; os bonos son nominativos, polo que a Xunta e a empresa saben perfectamente o número de usuarios, ao igual que coñecen cales son os picos de maior afluencia. Facer unha previsión dos asentos necesarios non semellaba difícil", di Teresa Vázquez, que insiste en que "xa non valen parches nin reforzos". "Deben facer un estudo real da situación para lograr un bo funcionamento da liña para que dea servizo axeitado e a todos", demanda. 

A Xunta insiste en que a idea é ofertar máis prazas nos horarios máis solicitados, así como "avaliar posibles axustes" nestes para "ofrecer un servizo máis adaptado ás necesidades da xente". E aclara que desde a Consellería lévase a cabo un "seguimento exhaustivo" sobre as liñas de autobús que conectan as áreas da Coruña e de Ferrol "pola gran cantidade de viaxes que realizan". 

A reestruturación levada a cabo en xaneiro, con reforzo de conexións directas e incremento na dotación de vehículos previstos, non parece dar resultado nunha conexión onde as persoas usuarias din estar "fartas". 

A plataforma por un Transporte Digno convoca unha marcha coa idea de "colapsar a AP-9" o 24 de setembro: "Queremos que nos tomen en serio"

"Non aturamos máis esta situación e por iso as manifestacións van ser cada vez máis fortes. Non temos a intención de molestar a cidadanía, pero é a única opción que nos deixan", explican desde a plataforma Transporte Público Digno para Ferrol e Comarca. Por iso, intentará "colapsar a AP-9" cunha caravana de vehículos. "Queremos que nos tomen en serio e deixar claro que non nos imos conformar con máis parches", di Teresa Vázquez sobre a mobilización convocada o vindeiro sábado 24 ás 11 horas e que sairá da Feira Internacional de Mostras

A reivindicación vai moito máis aló dos problemas co transporte interurbano por estrada. "Fartas dos prezos da peaxe, dos do combustible, porque os buses nos deixan na parado e non chegamos a tempo, porque temos as vías de tren máis vellas de todo o país..", lembran na convocatoria. 

Tren na estación de Ferrol CC-BY-SA Smiley.toerist

"A solución ao transporte na nosa comarca pasa pola modificación e mellora da vía do tren entre Ferrol e á Coruña, pero sabemos que, aínda que se aprobase, é algo a longo prazo. Mentres, ten que haber un servizo de autobuses axeitado", insiste Teresa Vázquez, que insta "a todas as administracións" a poñerse "dunha vez de acordo para conseguir un transporte digno". 

"A solución ao transporte é a mellora da vía ferroviaria entre Ferrol e A Coruña": o tren, con escasas frecuencias, tarda case o mesmo que ir da Coruña a Vigo

Entre A Coruña e Ferrol, a 17 quilómetros en liña recta e separadas por estrada por uns 53, circulan entre catro e tres trens diarios que tardan non menos dunha hora e seis minutos e ata hora e vinte en percorrer 69 quilómetros de vía férrea. Case o mesmo que o que leva ir da Coruña a Vigo, a máis do dobre de distancia. Con escasas frecuencias e horarios difíciles de facer cadrar cunha xornada laboral. Só superado en precariedade pola outra liña ferroviaria, de vía estreita, que conecta a urbe ferrolá con Ortegal, A Mariña e Asturias. 

"O transporte por estrada ten todas as eivas que denunciamos, o ferroviario é ridículo e a alternativa é usar o coche e pagar unha peaxe tan cara como a da AP-9", explica. Actualmente, 4,85 euros por percorrer os 53 quilómetros en 40 minutos que separan A Coruña de Ferrol. Pola estrada nacional sería algo máis dunha hora. 

"Estamos abandonados. Cada vez máis xente marcha para buscar traballo fóra porque non hai oportunidades laborais; téñennos que dar opcións para sobrevivir, para que a rapazada estude e se forme... É inadmisible que mozos e mozas estean optando por coller piso na Coruña unicamente porque non teñen un transporte axeitado para ir e vir cando nos separan pouco máis de 50 quilómetros", remata Vázquez. 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.