Autobuses, autocares e coches de liña. Estas catro décadas de memoria colectiva nas que se centra o podcast Retrocorenta non se poden entender sen as historias de autobús. Dende a liña para ir á feira da vila do lado á ringleira de estudantes dos domingos pola tarde, do bus para ir a un festival ao autocar escolar, pasando polo bus urbano.
Neste oitavo episodio de Retrocorenta está de volta a compañeira Marta Veiga, que xa compartiu cos ouvintes as peripecias dos comezos da internet galega, e que agora non podía faltar como defensora das nosas narrativas de autobús colectivas. O actor Antonio Durán ′Morris′ conta, precisamente, as súas historias de infancia ligadas ao transporte público. Mentres que o escritor Carlos Meixide repasa a súa etapa no bus escolar e como levou os coches de liña galegos á ficción.
A Freire e o Freire, que son a mesma cousa, pero pode que sexan un perfecto sinal para identificar a un true lugués ou luguesa, centran a conversa coa xornalista Marta Veiga, que recorreu a estes autocares para visitar á familia e nos anos de universidade. ″Fumábase moitísimo e nunca se cumprían as prazas. Cando ías pola estrada e se cruzaba un coche da Garda Civil, dicíase que se agachasen os que ían de pé″, lembra.
″O bus do aeroporto de Santiago, que era o bus de Lugo, tiña de especial a capacidade de mesturar eses dous conceptos que agora están tan de moda, a Galicia profunda coa máis cosmopolita, que podiamos identificar con todos os visitantes estranxeiros que viñan de visita″, conta Carlos Meixide, que lle dá protagonismo a este autocar na súa novela Inge e Robbie.
Pero é que Meixide tamén botou moitas horas no autocar do seu colexio, desde o que asistiu a todo tipo de historias cotiás: ″Teño un coñecemento moi profundo de toda Coruña, de todas as rúas, barrios... só de velos desde ese autobús″. Tamén de neno viaxaba ′Morris′, no seu caso de Vigo aos Peares nas vacacións. E facíao nun medio de transporte descoñecido para as xeracións a partir dos millennials, o desaparecido ferrobús.
Iasa, Castromil, Cuíña, Estradense, Gómez de Castro, Morán, Freire, Monforte... Son moitas os empresas de autobuses que percorreron as estradas galegas. Moitas delas hoxe desaparecidas, en pleno auxe das estacións intermodais e coas de autobús en solitario moi preto da decadencia. Con todo, estas compañías e a estética que as caracterizaba son parte fundamental da historia do país.