Retrocorenta 5: Historia(s) da internet galega

CC-BY-NC-SA Deseño Retrocorenta: Isabel Vila | Montaxe: Praza Pública
https://api.praza.gal/storage/uploads/cintino-sxpl-92f1fd3.jpeg

Neste Retrocorenta miramos cara a atrás (e cara a adiante) con María Yáñez, Marta Veiga, Manuel Gago e Rocío Castro desde a cuarta década da internet galega

Co gallo dos corenta anos do Estatuto de Autonomía de Galicia comezou a andaina do podcast Retrocorenta, conducido por David Lombao e Ana G. Liste, que chega ao seu ecuador cun programa dedicado á Historia(s) da internet galega. Entramos na cuarta década da internet galega e, coa velocidade á que vai todo na rede, sorprendémonos ao botar a vista atrás.

Unha das convidadas neste episodio é a xornalista Marta Veiga, que recompilou os fitos máis salientables do percorrido de internet en Galicia nunha liña temporal baixo o título Ao principio foi Vieiros. Do Blogomillo ao Galituiter. Xunto a ela, a compañeira de Praza.gal María Yáñez, directora da revista Vinte, repasa a súa experiencia na rede primeiro como observadora e, en moi pouco tempo, xa como "outra vaca no Blogomillo".

"Descubrín que se estaba producindo máis texto en galego en Fotolog que en todo o século XIX e boa parte do XX", conta María Yáñez

Na conversa con Marta Veiga e María Yáñez imos do IRC ao Twitch, de Blogaliza ao Galituiter, con constantes anécdotas que a uns lles poden quedar moi lonxe (pero a outros non tanto). "Descubrín que se estaba producindo máis texto en galego en Fotolog que en todo o século XIX e boa parte do XX, co cal ese paso da comunicación privada á pública, iso de manter unha conversa por escrito, é o que marca lingüisticamente esta era que vai destes 30 e 40 anos", comenta María.

Falamos das teimas que se repiten alí onde imos, xa sexa en liña ou cara. "Eu creo que internet nos converteu en máis sociolingüistas do que xa eramos, somos todos sociolingüistas das silveiras", si Marta. E se hai teimas, esas son as que marcan "a axenda" na internet galega: as cousas que nos alporizan. "A xente fala de sociedade polarizada, pero en galego case habería que falar de sociedade alporizada", apunta María.

"Temos que falar das fendas de conexión, a material e a de alfabetización dixital", di Marta Veiga

Nesta cuarta década que estamos a vivir cómpre mirar atrás para ver o que mudou e repensar conceptos, porque como di María Yáñez "internet sempre foi visto como un progreso, pero tamén é unha ameaza para o desenvolvemento social e persoal". 

De feito, as desigualdades sociais perpetúanse no eido dixital. "Temos que falar desas fendas, a de conexión, a material que che impide acceder aos medios para ter internet, e despois dunha fenda de alfabetización dixital incluso na xente moza", lembra Marta Veiga.

"Vivimos nun presente continuo no que hai unha avalancha de contidos", salienta Manuel Gago

Para falar da Historia(s) da internet galega no podcast contamos co xornalista e profesor da Universidade de Santiago de Compostela Manuel Gago, pioneiro co seu blog Capítulo Cero e investigador do que supón a chegada de interntet á comunicación desde o grupo de Novos Medios da Facultade de Ciencias da Comunicación. 

"Vivimos nun presente continuo no que hai unha avalancha de contidos e aparentemente sempre recuperamos información. Pero o contido non sempre está aí, varía constantemente", salienta Manuel Gago. Con el falamos do concepto de "memoria dixital" e do papel que xogou a catástrofe do Prestige no desenvolvemento de interntet en Galicia.

"Era unha aventura continua", lembra Rocío Castro sobre Vieiros

Xa nolo lembra Marta Veiga ao comezo do programa, ao principio estaba Vieiros. E ao primeiro xornal dixital en galego achegámonos da man da primeira xornalista do medio, Rocío Castro, que ademais o dirixiu durante varios anos. 

"Era unha aventura continua. Eramos os únicos practicamente. Fixemos moitas cousas que era a primeira vez que se facían en Galicia, e en moitos outros sitios. Por exemplo os chats, que convertemos en entrevistas colectivas", rememora Rocío Castro.

Este capítulo de Retrocorenta serve para recuperar un pouco desa "memoria dixital". Iso si, sen caer na nostalxia. Para o que vén por diante quedamos cunha idea que apunta María Yáñez na conversa inicial do programa, que fala de aproveitar que estamos en tempos de desconfinamento pola pandemia da COVID-19 para separarnos un pouco das redes sociais e ver o que pasa.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.