"Blogaliza foi un soño no tempo, unha illa na rede, un criadeiro de blogs destinado a permitir a comunicación e expresión persoal e libre. Blogaliza foi unha Zona Temporalmente Autónoma, pero agora toca voltar á oscuridade, disolverse na néboa para que outras iniciativas poidan xurdir da reorganización das enerxías dispersas. De aquí nun mes, o día 25 de abril de 2018, Blogaliza pecha as súas portas". Deste xeito despídese da rede Blogaliza, proxecto nacido hai quince anos e que chegou a acoller milleiros de blogs en galego. En menos dun mes o espazo desaparecerá da rede, dándolles tempo aos seus usuarios e usuarias para que fagan copia dos seus contidos e os exporten ou migren a outros servidores que tamén empreguen Wordpress. Para "gardar os devezos destes doce anos de actividade blogueira nunha caixa de bolachas", como se pode ler na despedida de Blogaliza.
No ano 2010 a propia Blogaliza contabilizaba unha cifra aproximada de case 28.000 blogs escritos total ou parcialmente en galego
Foi o 21 de xaneiro do 2003 cando Pedro Silva (Goretoxo) botou a andar Blogaliza, que nese momento aínda non se podía definir como portal, agregador ou hosting para blogs, se cadra máis como blog colectivo; "xa se pode suscribir quen queira, e xa pode mandar historias quen queira", dicía aquela primeira mensaxe, coa "vontade de crear unha comunidade de persoas usuarias dun sistema de subscrición e publicación de historias de ámbito galego". Nos anos seguintes estoupou o fenómeno das bitácoras persoais e Blogaliza foi un dos faros do que se deu en chamar Blogomillo, a comunidade de blogs en galego, que chegou a acadar unha gran dimensión e unha notable variedade de voces e de temas: Galicia, como metáfora do mundo. No ano 2010 a propia Blogaliza contabilizaba unha cifra aproximada de case 28.000 blogs escritos total ou parcialmente en galego.
Nestes ultimos 12 anos Blogaliza "pasou por moitas etapas, dende a hospedaxe nun servidor cedido pola Asociación AGNIX e a conectividade e o aloxamento físico no Cesga, ata o soporte empresarial de Algueirada", explica o seu administrador na mensaxe de despedida enviada ás persoas usuarias do servizo. "Nos últimos tempos Blogaliza fixo moito por volver ás orixes: ao mantemento exclusivo por parte do seu titular. Pero os cambios no marco lexislativo que nos próximos meses se van producir no noso contexto mudan substancialmente as implicacións de manter un espazo como Blogaliza, polo que xa non podemos seguir adiante", sinala.
"Afogamos levados tamén polo cambio de escenario das comunicacións entre persoas en Internet, e o que representan os blogues hoxe. A Rede non é a mesma de hai 12 anos"
Cómpre ter en conta igualmente a decrecente actividade dos blogs nos últimos anos, substituídos por outras formas de publicación nas redes sociais. De feito, na actualidade Blogaliza xa só acollía 80 bitácoras, moi lonxe das cifras que manexaba hai unha década. "Afogamos, levados tamén polo cambio de escenario no que significan as comunicación entre persoas en Internet, e o que representan os blogues, hoxe. A Rede non é a mesma de hai 12 anos, e o sentido que daquela tiña Blogaliza, hoxe os feitos case o deixan sen significado: só mantemos 80 blogues vivos. Moitos que madureceron neste alcouve deixaron Blogaliza para mudar a outros hostings, e moitos máis morreron por inactividade", explica.
"A conclusión, en metáforas, é sinxela: o rizoma volta á escuridade, a Zona Temporalmente Autónoma desaparece na néboa e Blogaliza pecha as súas portas. Foron moitos esforzos, moitas ledicias e unha enchente de amizade e vida. Foi un placer. Ate sempre", remata o texto e con el Blogaliza, que o 25 de abril desaparecerá para sempre, tras escribir un dos capítulos imprescindibles da historia galega de Internet e das novas tecnoloxías.