A Galicia post-Prestige chega á maioría de idade: 18 anos da catástrofe

© Xurxo Lobato / Divulgada pola Plataforma Nunca Máis

Ás tres e dez da tarde do 13 de novembro do ano 2002 o capitán do Prestige, un petroleiro cargado con 77.000 toneladas de fuel, escoita un forte ruído e sente como o barco comeza a escorarse rapidamente. É o comezo dunha traxedia medioambiental que provocou tamén a máis importante mobilización social da historia de Galicia, que cristalizou no movemento Nunca Máis. Coincidindo co aniversario da catástrofe, Vinte emitirá ao longo desta fin de semana Encallados, a película dirixida por Alfonso Zarauza, que estes días está a presentar o seu novo filme, Ons.

Ás tres e dez da tarde do 13 de novembro do ano 2002 o capitán do Prestige escoitou un forte ruído e sentiu como o barco comezaba a escorarse rapidamente. Foi o comezo dunha traxedia medioambiental que provocou tamén a máis importante mobilización social da historia de Galicia

"Aquí pasou o que pasou", como ben dixo Manuel Iglesias Corral no Parlamento galego en 1986 en referencia a uns feitos moi distintos. Pasaron 18 anos do inicio da crise do Prestige e aínda que moitos daqueles eventos vaian quedando moi atrás, algúns dos seus efectos chegan ata os nosos días. 

A primeira constatación de que os efectos do Prestige chegan ata nós témola na propia Presidencia da Xunta. Entre as primeiras consecuencias políticas do afundimento do barco estivo o nomeamento, o 18 de xaneiro de 2003, de Alberto Núñez Feijóo como conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, en substitución de Xosé Cuíña. A realidade é que a maioría dos protagonistas políticos do Prestige seguiron ocupando cargos máis dunha década, como analizamos nesta peza interactiva e mais nesta cronoloxía. A crise do Prestige deixou unha chea de personaxes destacados. Nesta ducia destacamos apenas algúns deles.

Manifestación de Nunca Máis en 2002 © Nunca Máis

Os efectos da crise do Prestige déixanse ver, igualmente, nas actuacións derivadas das promesas efectuadas nos meses seguintes á traxedia que, nalgúns casos, non se fixeron realidade ata hai apenas uns meses. É o caso do Parador da Costa da Morte, construído lentamente en Muxía e que non abriu as súas portas ata este ano. Hai dous anos analizamos unha por unha o estado das promesas realizadas ao abeiro do Plan Galicia, 15 anos despois da súa concepción. Estes foron os resultados. Este vídeo, realizado por Chévere para o proxecto Hai que botalos facía unha parodia das promesas, proxectos e anuncios cos que o Plan Galicia encheu o país.

O Prestige ligouse tamén á outra gran traxedia dos últimos anos en Galicia, o accidente ferroviario de Angrois. A finais de 2003, un ano despois do afundimento e no marco do Plan Galicia, o Goberno acelerou o AVE Ourense-Santiago, cuxo remate en 2011 sen conexión con outras liñas derivou nunha cadea de decisións que reduciron a súa seguridade.

Os efectos máis directos do afundimento do Prestige estiveron no propio xuízo, do que coñecemos a súa sentenza o 13 de novembro do ano 2013, hai hoxe exactamente sete anos. Unha sentenza decepcionante e polémica, que absolveu a todos os acusados da rúa responsabilidade penal e que realizou unha estimación á baixa dos danos e indemnizacións. "A sentenza deixa sabor a inxustiza, pero temos que seguir loitando", dicía Manuel Rivas eses días, ao igual que Álvaro García Ortiz, fiscal de Medio Ambiente de Galicia, destacaba que "o Goberno intentou ocultar información co Prestige; o reproche dos galegos era comprensible" .

Unha sentenza do xuízo do Prestige foi decepcionante e polémica e  absolveu a todos os acusados da rúa responsabilidade penal, realizando ademais unha estimación á baixa dos danos e indemnizacións, que aínda non foron cobradas en boa medida

En Praza realizamos unha extensa cobertura daquel xuízo, que se pode consultar neste especial. Independentemente do acertado ou non da sentenza, a realidade é que a día de hoxe o cobro das indemnizacións fixadas pola xustiza pola catástrofe do Prestige continúa o seu camiño inzado de obstáculos. En decembro de 2018 o Tribunal Supremo fixou en máis de 1.500 millóns de euros a cantidade total dos pagamentos; porén o impagamento das pólizas e o Brexit convertéronse nos últimos meses en novos obstáculos para que a aseguradora do Prestige aboe as indemnizacións que aínda debe.

As conexións entre aquel tempo e o tempo presente estiveron, precisamente, na base do proxecto de Unha gran Burla Negra. Creatividade popular e memoria do Prestige [2002-2019], que o pasado ano comezou a crear un grande arquivo público sobre a mobilización social e as creacións culturais asociadas ao movemento de protesta que xurdiu naqueles anos. "O Nunca Máis foi un xigantesco 15M e ata agora non se lle deu esa dimensión de revolución cultural", dicía nesta entrevista un dos seus coordinadores. E, de igual xeito, Germán Labrador salientaba que "No núcleo de Nunca Máis está a crise do Estado. A cidadanía xorde para dar resposta á catástrofe"

Nas moitas actividades organizadas por este proxecto facíase un percorrido pola mobilización de Nunca Máis, que nestoutra entrevista rememoraba Pepe Galán, que dicía: "Estabamos alucinados pola mobilización que existía ao redor de Nunca Máis. Estabamos todos activados". Podes recuperar aquí a ducia de momentos da Burla Negra e Nunca Máis que publicamos hai dous anos.

Coincidindo co aniversario da catástrofe, Vinte emitirá ao longo desta fin de semana Encallados, a película dirixida por Alfonso Zarauza, que estes días está a presentar o seu novo filme, Ons

O papel de Nunca Máis foi analizado por teses de doutoramento ("Nunca Máis tivo forza por ser unha única voz, a da sociedade galega afectada pola catástrofe") e a crise política motivou tamén libros de análise, coma o publicado por Xosé Manuel Pereiro ("Nun país civilizado, calquera político relacionado co Prestige tería a súa carreira afundida").

A pegada social do sucedido está tamén na base de novelas e filmes de ficción, unhas creacións que buscaban afondar nuns feitos que marcaron profundamente á sociedade galega durante anos. Encallados, que poderemos ver ao longo desta fin de semana de balde en Vinte, é en primeiro lugar unha historia sobre as dificultades para gravar unha película sobre o Prestige en Galicia, un filme singular que sufriu os mesmos obstáculos para a súa distribución que reflectía na súa trama.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.