Marcos Pérez Pena

Unha ducia de imaxes de Nunca Máis e a Burla Negra

Este 1 de decembro celébrase o aniversario da primeira manifestación de Nunca Máis, que reuniu 200.000 persoas en Compostela. Nos meses seguintes a entidade, xunto coa Plataforma contra a Burla Negra, desenvolveron unha intensa actividade na que a protesta empregou amplas doses de creatividade. O proxecto Unha gran Burla Negra está a investigar e a arquivar os elementos daquel repertorio de mobilización, que deixou un gran número de imaxes, que poderán ser vistas na exposición que en xaneiro se inaugurará na Coruña e Santiago.

  1. 01

    Manifestacións

    Houbo manifestacións en todas as cidades e vilas galegas, e tamén en Madrid, Barcelona, Bruxelas... Algunhas máis ou menos convencionais e outras dotadas de gran simbolismo, coma a das maletas da Coruña ou o Velorio do Mar

  2. 02

    As maletas

    O 9 de febreiro de 2003 milleiros de persoas manifestáronse na Coruña nunha marcha convocada baixo o lema "Salvemos o mar, ou só nos queda a maleta". Centos de maletas (reais ou de cartón) simbolizaban a ameaza da emigración forzada, ante o desastre ecolóxico e a mala xestión.

  3. 03

    Sinalar os responsables

    Nas protestas procedeuse a sinalar algúns líderes políticos como responsables, como anos máis tardes sucedeu durante a crise económica ou a estafa das preferentes. Aznar, Cascos, Rajoy e, moi especialmente, Fraga, foron culpabilizados polo desastre

  4. 04

    Fraga ausente

    Manuel Fraga, que levaba catro maiorías absolutas consecutivas, viu o seu poder posto en cuestión e dous anos e medio despois perdeu o Goberno da Xunta.

  5. 05

    A desaparición do Estado

    Durante unhas semanas houbo unha crise do Estado en Galicia. Incapaz de decidir que facer co barco, incapaz de frear a marea negra e tan sequera de informar á poboación sobre o que sucedía. A cidadanía reaccionou, exercendo a súa soberanía.

  6. 06

    Emerxeu o pobo

    Nas manifestacións, masivas, mesturábanse os líderes políticos e a cidadanía anónima, nun movemento que desbordou aos partidos e que provocou durante uns meses una politización transversal da sociedade

  7. 07

    Un meses que marcaron a unha xeración

    A catástrofe do Prestige e a mobilización de Nunca Máis dificilmente serán esquecidas por quen a viviron. Unha auténtica experiencia "cambiavidas"

  8. 08

    Man, estás aquí

    O movemento tivo tamén os seus mártires. Man "o alemán de Camelle" converteuse nun símbolo, sobre todo trala súa morte o 28 de decembro de 2002.

  9. 09

    Burla Negra

    Man morreu o Día dos Inocentes e casualmente o monicaco que simboliza tradicionalmente esta data foi escollido como un dos símbolos da Plataforma contra a Burla Negra. 

  10. 10

    A 'Baralla do Prestige'

    Un dos obxectos máis lembrados entre os creados polo movemento foi a Baralla do Prestige, cartas que sinalaban a todos aqueles cualificados como responsables do sucedido 

  11. 11

    As paredes falan

    As paredes e muros de Galicia enchéronse de palabras, de denuncias, de peticións de dimisión e de poemas que unían o momento con outros momentos e referentes

  12. 12

    Concerto Expansivo

    A Burla Negra desenvolveu unha intensa actividade cultural durante meses, completamente descentralizada e estendida ademais por todo o país. Por exemplo, o Concerto Expansivo que tivo lugar o 1 de febreiro

  13. 13

    'O País de Nunca Máis'

    A Burla Negra puxo en marcha tamén o espectáculo itinerante 'O País de Nunca Máis', unha experiencia de cultura activista e descentralizada.

  14. 14

    Do Nunca Máis ao Non á Guerra

    A mobilización de Nunca Máis mesturouse coas protestas contra a Guerra de Irak e a participación española no conflito. Un tempo no que se outro tipo de bandeiras penduraban dos balcóns

  15. 15

    Cheiro a chapapote

    O 24 de xaneiro o Goberno de José María Aznar quixo poñer punto e final á crise nun Consello de Ministros celebrado na Coruña con convite do alcalde Francisco Vázquez.

  16. 16

    Marea gaiteira

    O 6 de decembro de 2002 unha Marea Gaiteira xuntouse en Compostela nun acto de “contra-investidura”, impugnando as convocatorias de gaitas coas que Fraga gostaba de acompañar as súas investiduras como presidente da Xunta. Un acto destituínte que anticipou o que sucedería en xuño do ano 2005