Unha ducia de personaxes do Prestige
O naufraxio do Prestige e a súa xestión compuxeron un relato que, se non fose un drama, podería ser un sainete. A cidadanía, nas rúas e no voluntariado, botouse ás praias e ás rúas para escribir a súa propia historia. Tras a controvertida sentenza rememoramos algúns dos nomes e das caras que foron protagonistas daqueles días de hai once anos.
-
01
José María Aznar
Presidente do Goberno de España. Asegurou sentirse moi "cerca de Galicia" dende o o momento do naufraxio, pero que non ía acudir ata que o puidese facer con "compromisos baixo o brazo". Eses compromisos traducíronse no chamado Plan Galicia, máis virtual que real. Para Aznar, quen protestaba pola súa xestión da catástrofe só tentaba "aproveitar a dor allea" mentres "ladraba" o seu "rancor polas esquinas".
-
02
Manuel Fraga
Presidente da Xunta. De cacería cando o barco afundía, o patrón da dereita española rexeitou asumir responsabilidades políticas porque á "xente" da oposición non se lle podía "deixar o temón" de Galicia "de ningunha maneira". A "decisión" de afastar o barco era a "menos mala, aínda que a menos mala foi máis mala do que estaba previsto", concluía nuns días nos que se declaraba disposto a "matarme por Galicia".
-
03
Mariano Rajoy
Vicepresidente e voceiro do Goberno de España. Aznar enviou a Rajoy a Galicia para ser a cara e a voz do seu gabinete ante a catástrofe. Ao actual presidente español perténcenlle algunhas das sentenzas máis célebres daqueles días, xa fose en forma de previsións -"la marea negra no va a llegar a las Rías Bajas"- ou de descricións -"se piensa que el fuel está aún enfriándose, salen unos pequeños hilitos, los que se han visto, hay en concreto cuatro regueros que se han solidificado con aspectos de plastilina en estiramiento vertical".
-
04
Francisco Álvarez-Cascos
Ministro de Fomento. Explicou a carencia de medios asegurando que "non éramos profetas para saber que o Prestige íra rebentar fronte ás costas galegas". De cacería durante o naufraxio, asegurou que as "responsabilidades políticas" só as observaba "a oposición" e a súa "corte mediática". A Xunta de Fraga outorgoulle a Medalla de Ouro de Galicia pola súa xestión da catástrofe.
-
05
Arsenio Fernández de Mesa.
Delegado do Goberno central en Galicia. Cando o Prestige afundiu De Mesa levaba vinte anos na política orgánica e máis aínda de militancia. Autor de sentenzas como "probablemente el fuel no toque la costa galega" ou "el destino del fuel en el fondo del mar es convertirse en adoquín" tiña claro que "a única cifra clara" era que a cantidade de combustible vertida "non se sabía". Rajoy 'premiouno' coa dirección xeral da Guardia Civil na súa volta ao poder.
-
06
José Luis López-Sors
Director xeral da Mariña Mercante. Foi responsable das primeiras decisións dende que a voz de alarma chegou dende o Prestige. Durante a crise do petroleiro aseguraba que "non se pode falar de marea negra", senón de "manchas dispersas".
-
07
Rodolfo Martín Villa
Comisionado do Goberno central para o Prestige. Tras desempeñar numerosos cargos no franquismo, Martín Villa foi elixido por Aznar para xestionar a crise do naufraxio. "Admito que aún no sé nada del Prestige", advertiu ao ser elixido.
-
08
Francisco Vázquez
Alcalde da Coruña. Especialmente interesado en afastar o barco da cidade dende o inicio da crise, deulle acubillo ao Goberno de Aznar na casa consistorial para celebrar o Consello de Ministros no que se aprobou o Plan Galicia.
-
09
Apostolos Mangouras
Capitán do Prestige. Foi presentado inicialmente polas autoridades como principal e case único responsable do naufraxio, o que espertou numerosas mostras de solidariedade cara a el. Finalmente, a sentenza di que só foi culpable de "desobediencia".
-
10
Alberto Núñez Feijóo
Novo conselleiro de Política Territorial. Se a catástrofe do Prestige fose unha novela, o actual presidente sería un actor secundario beneficiado pola mala fortuna dun dos protagonistas. A caída en desgraza política de Xosé Cuiña trasladou a Feijóo da presidencia de Correos á Xunta e un ano máis tarde xa era vicepresidente.
-
11
A cidadanía
Nas rúas e nas praias, a crise do Prestige supuxo toda unha demostración de conciencia cidadá no país, xa fose esixindo responsabilidades ás autoridades ou axudando a limpar a costa galega.
-
12
Os tribunais de Xustiza
Once anos e moitos cartos gastados despois, a sentenza deixou abraiada a boa parte da poboación e a parte dos dirixentes políticos. Segundo o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia non hai culpables da catástrofe ecolóxica.