O coronavirus supuxo só o último dunha longa serie de atrasos e mudanzas dun edificio rematado en decembro cuxo custo pasou de 24 a 27 millóns malia ver recortadas as súas habitacións de 80 a 60
O edificio rematouse o pasado decembro, coa súa entrega a Paradores, pero a súa apertura quedou paralizada polo coronavirus. Agora a entidade estatal vén de anunciar que finalmente o Parador de Muxía entrará en funcionamento o xoves 25 de xuño, o mesmo día en que reabrirán o resto de establecementos da rede. Porén, este xoves, ao tempo que Paradores anunciaba a súa apertura, a súa propia web só ofrecía dispoñibilidade para o establecemento de Muxía, de catro estrelas, a partir do domingo 28 de xuño, cunha tarifa de 130 euros a noite en habitación dobre sen almorzo (este supón 36 euros máis), que en xullo e agosto supera a maioría dos días dispoñibles os 200 euros e que en outubro baixa a 100 euros.
O Parador de Muxía foi prometido no Plan Galicia co que o Goberno central de José María Aznar pretendía compensar a catástrofe ambiental do afundimento do Prestige en novembro de 2002. “Construirase un novo parador na Costa da Morte: 24 millóns de euros”, sinalaba a información ao respecto do Consello de Ministros que o anunciou o 24 de xaneiro de 2003. Porén, máis de 17 anos despois o investimento ascendeu a 27 millóns de euros malia que as prazas se reduciron de 80 a 60.
Tras a inclusión no Plan Galicia dun parador na Costa da Morte, o proxecto tardou en arrancar. Malia que o investimento foi estatal, sería a Xunta a encargada de definir o edificio, pero o concurso público para deseñalo non se convocou ata 2008. Coa volta do PP ao Goberno galego, argumentouse que ese proceso fora mal realizado, o que paralizou o proxecto, que non foi desbloqueado ata 2010, cando se anunciou que o edificio contaría con 80 prazas.
Tras colocarse a primeira pedra en 2011, en 2012 o Goberno central anunciou a súa paralización
A súa construción encomendouse á empresa pública Tragsa e en 2011 púxose a súa primeira pedra, pero a crise fixo que os seguintes pasos avanzasen lentamente, ata o punto de que en 2012 o daquela ministro do ramo, José Manuel Soria, anunciou a súa paralización no marco dunha serie de recortes xerais en toda a rede de Paradores. O presidente Feijóo escenificou unha protesta pública contra o Goberno central do seu propio partido, o que na práctica non fixo que a obra se acelerase.
O parador de Muxía, o porto exterior da Coruña e o AVE á Meseta son as únicas obras rematadas ou en avanzado estado de execución das oito grandes actuacións anunciadas no Plan Galicia
A obra volvería coller forza en 2016, cando o Goberno decidiu modificar o proxecto e reducir de 80 a 60 as súas prazas. Malia iso e unha nova ampliación dos prazos de execución, o seu custo fixouse en 27 millóns, tres máis dos previstos cando foi anunciado por Aznar.
Coa súa entrada en servizo, o edificio será unha das tres grandes obras rematadas ou a piques de estalo (xunto co porto exterior da Coruña e o AVE á Meseta) do Plan Galicia das oito que contemplaba aquel documento.