Manuel Rivas: "A sentenza deixa sabor a inxustiza, pero temos que seguir loitando"

Manuel Rivas © Salvemos Cabana

O escritor Manuel Rivas foi un dos rostros máis coñecidos da plataforma Nunca Máis tras a catástrofe do Prestige. Considera que a sentenza do Prestige supón un "peche en falso" para este caso de contaminación ambiental e lamenta que non sexa "exemplarizante" para saír da "prehistoria" na que viven a política e a xustiza ambientais.

Que lle parece a sentenza que absolveu ao únicos tres acusados do afundimento do Prestige?

É unha sentenza propia da época dos combustibles fósiles, é un fósil. Se fose o final da historia sería un final moi triste, sería unha inxustiza. Establece unha doutrina da irresponsabilidade, porque non hai responsables. Sabiamos que era un proceso complicado, que a xustiza ambiental está en cueiros e que non se puxeron os medios debidos para semellante catástrofe, que levou o caso nun xulgado local; pero o máis grave é esa doutrina que avala dunha forma inverosímil o discurso oficial sobre a actuación do Goberno. É unha sentenza máis que conformista.

"A sentenza é un fósil, máis que conformista; avala dunah forma inverosímil o discurso oficial sobre a xestión do Goberno"

Di que non é o final da historia, significa que Nunca Máis vai recorrer a sentenza ante o Supremo?

Non podo confirmar nin avanzar nada. Falo do final da historia non só en sentido xurídico, senón porque queda mal resolto. Ten a tónica do resto do ronsel do Prestige, é dicir, é un mal peche. Non ten un carácter exemplarizante e deixa sabor de inxustiza. Temos que seguir discutindo que é o que pasou aquí. Ao non recoñecer responsables, non hai dereito a reclamacións. Paréceme significativo que haxa 30 persoas en Rusia encarceradas por colocar unha pancarta contra a especulación no Ártico e en cambio aquí os nosos xuíces son incapaces de atopar unha responsabilidade para máis de 4.000 millóns de euros. Hai 4.000 millóns de dano pero non hai causa dese dano.

Parece que as catástrofes pasan sen que sexa culpa de ninguén, como se lle explica isto á sociedade e como debe tomalo?

É unha ilustración máis do atraso que hai en certos campos da política e a xustiza. É unha forma de violencia as catástrofes ambientais que, neste caso, tiñan causas: un barco que era unha chatarra, o armazón societario, unha absoluta indefensión... Iso é algo que deberían ter como proba a Xustiza e a sociedade e valorar se houbo que establecer normas. Houbo unha época post-Prestige en canto a seguridade marítima (limpeza, cambio na normativa, o fondo de compensación multiplicouse...) e iso foi unha consecuencia da mobilización do Prestige. As mentalidades van por diante e hai aínda un estadio primitivo, prehistórico, no campo da xustiza ambiental. No canto de levarnos as mans á cabeza, hai que seguir loitando.

"No canto de levarnos as mans á cabeza, temos que seguir loitando"

Vostede dixo que tras o Prestige hai máis medios de control, abre isto unha esperanza para que casos como o Prestige non se volvan a producir?

Houbo máis conciencia pola mobilización cidadá. O único bo desta historia é a ética e a solidariedade cidadá á que me parece que a sentenza non fai ningunha referencia. O que temos é que intensificar esa conciencia e esas redes e organizacións que traballan nesta liña. Se tremeu o establishment en España é porque saíron miles de persoas á rúa. É a única defensa que temos seria: a solidariedade e os dereitos. Houbo unha marea negra física e outra que se apropiou da linguaxe e parte dese po tóxico acabou contaminando esta sentenza.

De que serviu a loita de Nunca Máis? Séntese decepcionado tras ver que a loita quedou en nada nos tribunais?

O fracaso sería non facer nada. Falariamos dun fracaso se a sociedade quedase na casa. A sociedade fixo o que tiña que facer. Os outros son os que non fixeron o que tiñan que facer. Nunca Máis non é unha sigla, é a xente, é un movemento de solidariedade que ocupou as rúas e as prazas.

Considera que a sentenza salvou aos cargos públicos de asumir responsabilidades?

Ao acabar a vista, o propio presidente da sala dixo que había máis implicados que non estaban alí. A López-Sors usárono como parapeto, pero o importante é que a xente ten o seu propio xuízo e non é moi positivo.

"Construíuse o relato máis pobre e irracional de todos; ningún experto defende a actuación do Goberno"

Obviáronse as opinións dos expertos que criticaban a decisión destes cargos públicos, como a de afastar o barco da costa?

Evidentemente. Construíuse un relato que é o máis pobre e irracional de todos. Hoxe non hai ningún experto no mundo que defenda esa actuación. Se dicimos que en situacións semellantes se abandona á súa sorte un barco con mercadoría perigosa, non sei que alternativa estamos a dar.

Manuel Rivas © Salvemos Cabana

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.