'Encallados': o boca-orella que permite que o cinema se estenda

Un momento do filme © Encallados

O pasado 13 de xuño o Salón Teatro de Compostela acolleu a proxección de Encallados, un filme de Alfonso Zarauza que xa se puidera ver no Festival de Cans. A película, unha historia sobre as dificultades para gravar unha película sobre o Prestige en Galicia, pareceu durante un tempo que se ía converter nunha obra maldita, tanto polas dificultades que xurdiron na súa produción coma polos obstáculos que atopou (como tantos outros traballos) para a súa distribución.

Encallados non se pode ver en salas comerciais, pero hai vida alén dos multicines. Ás dúas proxeccións do Salón Teatro, cun grande éxito de público, seguirán outros pases, o 20 e o 27 de xuño na Sala Agustín Magán (Centro Sociocultural de Santa Marta, Compostela), e o 10 de xullo no Teatro Colón da Coruña, coa presenza dos actores e música da BSO en directo. Ao longo do verán o filme continuará o seu camiño por teatros, auditorios e centros culturais de toda Galicia, nunha rede de distribución alternativa na que traballa o equipo da película, e que tamén está aberta ás demandas dos posibles espectadores. "Se queres que Encallados se proxecte na túa vila ou cidade, envía un correo a info@encallados.com, e indicarémosche as posibilidades", indican.

Ao longo do verán o filme continuará o seu camiño por teatros, auditorios e centros culturais de toda Galicia, nunha rede de distribución alternativa na que traballa o equipo da película

"Queremos que se vexa, por iso estamos traballando moito para que teña unha boa distribución no verán por distintas vilas de Galicia", destacaba Zarauza entrevistado por Praza xusto antes do Festival de Cans. Alí destacaba tamén que "Encallados naceu practicamente dunha crise, como se conta no propio filme, dun marrón. Intentamos facer algo a partir desa crise, e creo que saíu algo fermoso e auténtico, entre o documental e a ficción, un filme bastante singular. E ademais creo que cumpre cos obxectivos que nos propoñíamos: que fose honesto, que fose autocrítico". Zarauza tamén subliñaba a súa sorpresa ante o feito de que "un tema tan importante" coma o Prestige se tratara tan pouco no cinema galego. "Isodi moito das fronteiras que pode haber entre a creación e a realidade e das dificultades para falar deste tema, supoño que por cuestións políticas", engadía.

O filme está recollendo tamén boas críticas. Hai uns días Brais Romero sinalaba no blog Cinema na Praza que Encallados é unha película "radicalmente diferente ao que estamos acostumados ao escoitar cine galego" ou que "os tópicos do cine autóctono séguense a rachar con filmes como Encallados, que aposta por unha estética coidada e única que, á vez que se autoparodia erguéndose como cine de autor, permite crear unha atmosfera perfecta para esa mestura de humor irónico, crítica social e metacinema. Romero tamén destacaba a importancia da "autocrítica do sector audiovisual", comezando polas "dificultades para levar unha película adiante, as condicións que hai tras as (escasas) subvencións, as condicións de traballo e as esixencias da produción, incluso o ego dalgúns actores son tratados en Encallados desde unha perspectiva irónica".

Cando o menú que se ofrece dende as salas comerciais, controladas na súa maioría polas grandes distribuidoras, é cada vez máis reducido, as ganas de ver outros filmes (en pantalla grande) abren novos camiños

Encallados continuará o seu percorrido polas salas de toda Galicia, estendéndose grazas ao boca-orella. Cinemas máis grandes ou máis pequenos, algúns case domésticos, para un filme que traballa para ser visto. Cando o menú que se ofrece dende as salas comerciais, controladas na súa maioría polas grandes distribuidoras, é cada vez máis reducido, as ganas de ver outros filmes (en pantalla grande) abren novos camiños. Hai uns meses presentose Screenly, unha plataforma de cinema baixo demanda. O funcionamento é sinxelo: unha persoa ou grupo de persoas escollen un filme dende o catálogo de Screenly. Despois, crearán un evento para a súa proxección nunha das salas afiliadas ao proxecto (salas comerciais pero tamén centros culturais ou sociais de todo tipo). Ese evento difundirase polas redes sociais e por outros medios, e cando se chegue a un número mínimo de espectadores que garantan o éxito e a rendibilidade da proxección, esta levarase a cabo

Cartaz de 'Encallados' © Encallados
Un momento do filme © Encallados
Alfonso Zarauza na preestrea de 'Encallados', o pasado ano en Cans © Rafa Costas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.