O proxecto presentarase no venres 23 de novembro no Auditorio de Galicia, en Compostela, o mesmo lugar no que naceu a Plataforma contra a Burla Negra
O 25 de novembro de 2002 constituíuse no Auditorio de Galicia, en Compostela, a Plataforma contra a Burla Negra. Poucos días antes afundira o Prestige, o chapapote comezaba a chegar á costa galega e a nefasta xestión política da crise empezaba a facerse evidente. Os seus integrantes levaron a cabo nos días seguintes un peche na Casa da Cultura de Laxe (que precedeu á manifestación do 1 de decembro) e nos meses seguintes esta plataforma artística desenvolveu unha vizosa actividade cultural, en paralelo á acción de Nunca Máis, organizando por exemplo o proxecto itinerante O País de Nunca Máis, concertos expansivos por todo o país ou acción de protesta cargadas de simbolismo (o velorio ao mar en Riazor, a manifestación das maletas...). A actividade de Arredemo ou o Hai que Botalos, en 2005, proceden tamén desta Burla Negra que homenaxeaba co seu nome ao pirata Benito Soto.
A vindeira semana preséntase o proxecto Unha gran Burla Negra. Creatividade popular e memoria do Prestige [2002-2019], que analiza este impacto deste movemento no seu 16 aniversario, e que incluirá exposicións e mesas redondas en Compostela, A Coruña, A Pobra do Caramiñal, Muros, Rianxo e outras localidades. O venres 23 de novembro o propio Auditorio de Galicia acollerá a partir das 16.30 o acto de presentación, cunha conferencia inaugural de Germán Labrador, profesor da Universidade de Princeton, e unha mesa redonda con tres especialistas que teñen analizado diferentes procesos onde a mobilización social e política se mesturan co creativo: María Ruido, Julia Ramírez e Tono Carbajo.
Incluirá exposicións e mesas redondas en Compostela, A Coruña, A Pobra do Caramiñal, Muros, Rianxo e outras localidades
O proxecto quere recoller e analizar "as experiencias de creatividade civil e popular que se deron dende o outono do 2002 e que foron un levedo para outras formas de cultura e organización política que virían a reproducirse nos anos seguintes, no eido das protestas pacifistas e ecoloxistas primeiro e, despois do 15-M de 2011". "Ata agora non se creara un relato analítico destas prácticas culturais desbordantes que cuestionaran o paradigma dominante", destaca o seu coordinador, Jorge Linheira. "Era necesario poñer en marcha un proceso para investigar e rexistrar correctamente todo aquilo e poñer en valor todo o que aconteceu ao redor de Burla Negra", di, concluíndo que "o Nunca Máis foi un xigantesco 15M e ata agora non lle estabamos dando esa dimensión de revolución cultural".
Un dos grandes obxectivos do proxecto é a creación dun arquivo vivo que facilite a conservación e estudo de todos os materiais que xurdiron da Burla Negra e que documentaron o movemento
Un dos grandes obxectivos do proxecto é a creación dun arquivo vivo que facilite a conservación e estudo de todos os materiais que xurdiron da Burla Negra e que documentaron o movemento. "Producíronse moitos materiais, que se estaban perdendo", sinala Linheira. "Todos estes materiais van ficar na Biblioteca Xeral da USC e tamén colgados na web, dispoñibles para todo o mundo. Creo que este é un dos puntos máis fortes do proxecto. Vai ser un arquivo vivo, porque estará en constante actualización e incorporando novos materiais e convidamos a todas as persoas que teñan algún material relacionado con Nunca Máis ou a Burla Negra, que participen para facelo máis rico e garantir a súa conservación", di.
Que quedou da Burla Negra? Cales foron os seus efectos nos anos seguinte? "Sempre digo que a Burla Negra foi unha gran revolución cultural que non veu acompañada dunha evolución. En decembro de 2003 celebraron o Foro Negro da Cultura, co obxectivo de crear un espazo de encontro e unha rede de difusión que chegase a todo o territorio galego, demandando unha política cultural democrática e participativa con capacidade para vertebrar o ecosistema cultural galego. Todo isto que eles dicían no 2003, no 2018 continuamos igual", subliña Linheira. "O 15 de decembro imos realizar o III Foro Negro da Cultura no Auditorio de Galicia, coordinado por Ania González e Horacio González e as análises e demandas son moi semellantes, seguimos igual", anticipa.
"Ata agora non se creara un relato analítico destas prácticas culturais desbordantes que cuestionaran o paradigma dominante"
Linheira si destaca os efectos políticos inmediatos que tivo o movemento: "Nunca Máis marca o inicio da fin do réxime fraguiano. Perde o poder en 2005, pero creo que a desastrosa xestión do Prestige e a organización popular que seguiu tivo moito que ver na súa derrota". "A última acción da Burla Negra, xa como Arredemo, foi o Hai que Botalos, que foi o produto audiovisual máis visto da historia de Galicia, estreado un mes antes das eleccións autonómicas. E unha das grandes influencias que quedaron nos anos seguintes foi aquel concepto que eles empregaban moito de mani-festa-acción", afirma. "Así como digo que non houbo evolución cultural, penso que o concepto de manifestación si que cambiou en Galicia, a raíz do sucedido naqueles anos. As manifestacións deixaron de ser algo triste, e gañaron en animación", remata.
Escenario de 'O País de Nunca Máis' | Unha gran Burla Negra
Ademais de Linheira, no proxecto participan Miguel Anxo Rodríguez, Germán Labrador, Daniel L. Abel, Sol Álvarez (comunicación), Sara Pérez e Diego Vites (Caneca: contidos audiovisuais), Berio Molina (programación web), Pancho Lapeña e Mauro Trastoy (imaxe gráfica), Ania González e Horacio González (III Foro Negro), Radio Buguina (Pepe Galán, Pepe Barro...) e coa colaboración de Xesús Ron. O proxecto conta con actividades xa programadas ata ben entrado o ano 2019, pero a medio-longo prazo prevé continuar coa publicación dun Libro-Catálogo editado pola Universidade de Princeton e a estrea dunha longametraxe documental que recolla e analice a actividade da Plataforma contra a Burla Negra.
"A Burla Negra foi un fenómeno sen parangón a nivel estatal que se desenvolveu por todo o territorio galego. O deixamento da clase política provocou que se revolvesen as forzas da cultura de base"
"A Burla Negra foi un fenómeno sen parangón a nivel estatal que se desenvolveu por todo o territorio galego. O deixamento da clase política provocou que se revolvesen as forzas da cultura de base", destaca o proxecto na súa presentación. "O laboratorio da Burla Negra estableceu unha cultura non centralizada que non participaba na estabilidade política de ningún goberno. Retornaba á cultura a súa capacidade de arma de destrución masiva, de obxecto problemático, parcial, combativo e transformador; devolvía á cultura a capacidade de ser unicamente responsable ante ela mesma e non do poder", sinala.
"Foi unha experiencia interxeneracional e que para multitude de mozas e mozos supuxo a súa primeira experiencia política transformadora. Unha revolución cultural acompañando a un movemento ecolóxico, cooperativo, horizontal e auto-organizado nun contexto de parálises informativa e do Estado. Que trouxo unha cultura nova que por desgraza non está suficientemente consolidada no imaxinario popular como si outros acontecementos similares", conclúe.
Carpa voluntaria da Plataforma | Unha gran Burla Negra
Calendario
- 19 de novembro. Aniversario do afundimento do barco. Colocación de paneis explicativos do proxecto no Auditorio de Galicia
- 23 de novembro. Presentación do proxecto no Auditorio de Galicia
- 30 de novembro. Estrea na Pobra do Caramiñal dunha curta documental de elaboración propia, acompañada dunha mesa redonda sobre ecoloxía e o ecosistema mariño
- 15 de decembro. III Foro Negro da Cultura, co obxectivo de "pensar entre todas unha política cultural diferente"
- 11 de xaneiro. Presentación na Coruña do proxecto, coa participación de Amador Fernández Savater
- 17 de xaneiro. Inauguración da exposición na Coruña (Palexco), comisariada por Radio Buguina
- 24 de xaneiro. Mesa de debate no Salón de Plenos de María Pita, na Coruña coincidindo co aniversario do Consello de Ministros celebrado no mesmo lugar en 2003. Coa participación dos xornalistas José Precedo e Xosé Hermida.
- 25 de xaneiro. Inauguración da exposición en Compostela (Igrexa da Universidade)
- Máis adiante: Presentacións en Muros e Rianxo.