A primeira edición dos Premios do Castro para profesionais da xestión cultural recoñece a Madó Santos

Nacen os Premios do Castro á xestión cultural galega CC-BY-SA Xestores Culturais

A Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural promove os Premios do Castro á Xestión Cultural Galega para poñer en valor unha profesión que é, en boa medida, responsable da cultura viva e diversa que nos rodea

Os Premios do Castro á Xestión Cultural Galega chegan para poñer en valor unha profesión que é, en boa medida, responsable da cultura viva e diversa que nos rodea. A Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) quere recoñecer cada ano a traxectoria de figuras destacadas neste eido dentro do noso país e faino dende a propia denominación dos premios, unha homenaxe ao proxecto cultural e empresarial de Isaac Díaz Pardo e Carmen Arias "Mimina".

A primeira edición recoñece a traxectoria da María Dolores Santos Maneiro, técnica de cultura do Concello de Muros, coñecida no sector como Madó. É socia de honra da AGPXC e traballou entre 1987 e 2024 na programación de espectáculos ao vivo e obradoiros culturais no ámbito municipal, destacando no seu labor as Xornadas de Cultura Mariñeira Muros Mira ao Mar, caracterizadas pola implicación e participación das entidades sociais e a veciñanza da vila.

Este xoves, 16 de outubro, o Pazo de Mariñán acolle a entrega do galardón no contexto da xornada O papel da xestión cultural no fortalecemento da cultura, na que se presentarán recursos e perspectivas laborais para o autocoidado das persoas que traballan nesta área da cultura e na que tamén se traballará sobre a aplicación dos manuais de boas prácticas presentados pola asociación arredor das artes visuais e os espectáculos ao vivo.

Madó Santos Maneiro, primeira premiada CC-BY-SA Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural

Nesta primeira edición, os Premios do Castro recoñecen a traxectoria da Madó Santos Maneiro, técnica de cultura do Concello de Muros entre 1987 e 2024

"Non hai ningún premio que sexa absolutamente xusto; eu desenvolvín o meu traballo con dedicación e cariño, pero son unha máis, fixen o que puiden cos medios e limitacións que tiña igual que tantas outras técnicas e técnicos", recoñece Madó Santos, que mesmo así valora moi positivamente o nacemento destes premios: "Recoñezo que a profesión non está o suficientemente consolidada nin recoñecida e, nese sentido, penso que os premios poden axudar a poñela en valor; nas programacións que desenvolvemos hai moito traballo que non se ve, moita xestión invisible para os públicos pero fundamental para levar os proxectos a bo termo", salienta.

Madó Santos: "Eu aprendín a tecer coa comunidade porque é a xente a que pode garantir a continuidade das programacións; que a xente se implique e demande as iniciativas culturais nas que lle gusta participar é a única forma de que os programas permanezan no tempo"

Nos 37 anos que Madó Santos traballou como técnica no Concello de Muros nunca repetiu responsable de área, o que dificulta desenvolver programacións estables dende as institucións públicas. É por iso que defende o traballo man a man coa veciñanza para garantir o éxito dos proxectos: "Eu aprendín a tecer coa comunidade porque é a xente a que pode garantir a continuidade das programacións; que a xente se implique e demande as iniciativas culturais nas que lle gusta participar é a única forma de que os programas permanezan no tempo, porque se te dedicas a facer os caprichos do responsable de turno, cada catro anos vas ter que cambiar de proxecto", defende.

Madó Santos ten claro que "non se poden facer propostas alleas á cidadanía, hai que investigar e descubrir os intereses e potencialidades da comunidade e da localidade coa que traballas". Neste sentido, explica que sempre procurou ser unha tecedora de corres: "Hai moitos tipos de corres para facer cestos, podes tecer con madeira rachada, con colmo, con bimbios... hai moitos tipos de fibras vexetais pero só podes tecer coas que non rachan e a comunidade non racha, a comunidade apuntala os proxectos e dálles sentido". "Nos territorios xa hai cultura, o noso labor como técnicas é a de facilitar que se desenvolva todo ese potencial e se protexa o patrimonio cultural tanto material como inmaterial", asegura.

Xunta Directiva da Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural, presidida por Clara R. Cordeiro CC-BY-SA Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural

Durante a xornada O papel da xestión cultural no fortalecemento da cultura, Andrea Barreira, socia de 7h Cooperativa Cultural, achegará as recomendacións do Manual de boas prácticas na xestión cultural das artes visuais que, ante a carencia dun marco legal, propón unha serie de instrumentos útiles para acadar unhas condicións dignas, xustas e respectuosas para as persoas vinculadas a esta área.

Patricia Hermida, xestora cultural e avogada, presentará a segunda edición do Manual de boas prácticas na xestión cultural para espectáculos ao vivo, e fará unha actualización das propostas formuladas para adaptalas ás novas necesidades xurdidas dende a súa publicación en 2021.

Na xornada 'O papel da xestión cultural no fortalecemento da cultura' vanse presentar recursos e perspectivas laborais para o autocoidado das persoas que traballan nesta área da cultura e manuais de boas prácticas arredor das artes visuais e os espectáculos ao vivo

Ademais, o xestor cultural Sergio Lago presentará a proposta Coidar de Nós: recursos e perspectivas laborais para a profesión, tocando temas como o recoñecemento profesional, a saúde e o benestar das persoas que sosteñen a actividade cultural nos seus territorios. Este proxecto, inspirado nos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable da ONU, desembocará nos próximos meses na publicación dunha diagnose onde se recollerán iniciativas inspiradoras e solucións prácticas.

A xornada servirá tamén para explicar os obxectivos da Enquisa a Profesionais da Xestión Cultural que a AGPXC está a realizar coa colaboración da Deputación da Coruña. A secretaria da entidade, Berta Álvarez Buylla Falces, será a encargada de presentar os desafíos que pretenden abordarse con esta investigación sobre o papel da xestión cultural na provincia da Coruña. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.