A factura impagada e "á baixa" da marea negra

Marea negra do Prestige © Greenpeace

A polémica sentenza sobre o Prestige non atopou responsabilidade penal ningunha nos tres acusados por delitos contra o medio ambiente e danos en espazos naturais protexidos. Deste xeito, os acusados líbranse da condena, pero hai outra conclusión: os damnificados dunha das maiores catástrofes ambientais da historia non serán indemnizados polos danos e prexuízos sufridos. Segundo o ditame do tribunal, non se lle pode exixir responsabilidade civil a ninguén.

A peritaxe encargada pola Fiscalía elevaba os danos a máis de 4.300 millóns de euros que quedarán sen pagar

E non é pouca a factura. O fiscal de Medio Ambiente de Galicia, Álvaro García Ortiz, sinalara que o importe que agora queda sen pagar ascendía aos 4.328 millóns de euros ao Estado, dos que case 2.500 correspondían a Galicia, 86 millóns a Francia e 1,2 á Xunta. A cifra xorde da peritaxe realizada pola profesora de área de Fundamentos de Análises Económicas da Universidade de Santiago, María Loureiro, a quen a Fiscalía lle encargou este informe pericial que cuantifica os danos "a medio prazo".

A perito explica agora a Praza de onde xorden estas cantidades que valoran os danos ocasionados pola catástrofe e que a resolución xudicial deixa sen pagar, así como os gastos ocasionados para combater o impacto da marea negra. A propia sentenza certifica que o Prestige fíxolle gastar ao Estado 368 millóns de euros, 145 millóns á Xunta e 67 a Francia, ademais doutros "inxentes danos e prexuízos" a empresas e particulares. No entanto, tan só se fixo referencia aos 22,7 millóns de fianza que a aseguradora do petroleiro depositou en 2002 no xulgado de Corcubión. Será a Audiencia Provincial quen decida sobre o futuro desta ridícula cantidade, que podería ser devolta á aseguradora ou repartida para indemnizacións. O ditame pode ser recorrido ao Supremo, o que supón o único fío de esperanza para os afectados, aínda que o complexo sistema de compensacións internacional fai xa imposible recuperar todos eses cartos que, como explica a profesora da USC, son unha estimación "á baixa".

María Loureiro aclara que a estimación "foi feita á baixa e a medio prazo" ao non poder valorar algún concepto e limitarse ao período 2002-2006

"É unha estimación feita á baixa e a medio prazo porque houbo conceptos que non puidemos valorar, ao non ter datos completos, e porque o estudo detense en 2006 para illalo doutros posibles fenómenos de relación causa-efecto con determinadas perdas", explica María Loureiro, que pon como exemplo os danos no sector pesqueiro e a posible relación coa grave vaga de incendios de 2006 e cuxas cinzas tamén afectaron recursos marisqueiros. "Decidimos parar aí, pero iso non significa que os ecosistemas estean totalmente recuperados", explica. Ademais, tamén dá conta doutros aspectos que non se chegaron a cuantificar, como "o esforzo e empurrón que tiveron que dar empresarios para vovler comercializar peixes e mariscos galegos nos restaurantes de primeira liña" ou "o impacto na saúde dos voluntarios a medio prazo".

Pero aínda así, a peritaxe abrangueu varios ámbitos a través dun método baseado no que se empregou na catástrofe do Exxon Valdez, pero "mellorándoo, completándoo e engadíndolle as especificidades sociais e culturais" do caso do Prestige. Unha das valoracións é a dos ecosistemas perdidos, o que se comproba a través dos datos dos mercados, "comparando a situación inicial antes da marea negra e contrastando estas variables ao longo do tempo até 2006". Como exemplo, a pesca extraída ou o número de visitantes ás zonas afectadas, para logo comprobar se este descense se debe ao impacto do petroleiro na costa galega.

A peritaxe inclúe a valoración dos danos económicos, dos danos comerciais interrelacionados e dos danos morais

Tamén se cuantifican -por primeira vez nunha peritaxe deste tipo no noso ámbito- o dano moral, ese "intanxible" que tamén se peritou no caso do accidente do Exxon Valdez e que se basea en preguntas a máis dun milleiro de persoas no Estado ás que se lles cuestiona "canto estarían dispostas a pagar por non ter outro Prestige". Ademais, tamén se cuantifican "os danos comerciais interrelacionados", que non son máis que os datos das denominadas "perdas correlacionadas ou enlazadas" e que moitas veces non se teñen en conta. María Loureiro pon  un exemplo: "Se unha peixería non vende peixe, tampouco precisa xeo e se non precisa xeo, o que o transporta tampouco o vai repartir". E así en centos de casos máis. En definitiva, danos e prexuízos económicos moito maiores dos que se poden pensar. Case 4.500 millóns de euros que poderían ser moitos máis e que agora quedan en nada. Quen contamina, neste caso, non paga.

A profesora da USC evita cualificar a sentenza, pero si fai algunha reflexión. "O único que podo dicir é que a valoración da Fiscalía e o estudo permítennos comprobar a gran diferenza entre o dano económico do Prestige e o máximo que poderiamos acadar na fase de reclamacións. Se a sentenza fose condenatoria, sabemos que unha aseguradora podería pagar un máximo de 1.000 millóns. É o máximo que as entidades externas poderían pagar polo dano", destaca.

"Os sistemas de compensación vixentes menospreza o dano económico ocasionado porqueu o límite a pagar polas entidades externas é de 1.000 millóns"

"Todos os sistemas de compensación que están vixentes hoxe en día menosprezan de forma moi considerable o dano económico total ocasionado. E isto é moi importante para o de hoxe e para o futuro. Ou se cambian os fondos internacionais de compensación e se aumentan os límites, ou imos afrontar novas situacións nas que os danos económicos e sociais son catro veces máis dos que o que as institucións externas ao Estado poden pagar", aclara Loureiro respecto da lexislación actual neste ámbito.

"Se maña ocorre outro Prestige, teremos o problema de que as compensacións tampouco cubrirían os danos"

Por todo isto, a perito chega a unha conclusión: "A sociedade española está un pouco desprotexida neste ámbito. Se acontece calquera accidente que provoque un dano maior a 1.000 millóns, non pode ser indemnizada por máis que o máximo que marca o Fidac actualmente". "Esta cantidade, no caso dalgunhas catástrofes, non supón nada", insiste, tras advertir de que "é ben posible" que se mañá ocorre outro Prestige, coas mesmas características e afectación, "teremos o problema de que os sistemas de compensación non cubrirán os danos". E todo iso se a sentenza fose condenatoria. Como non o é, a factura dos 4.328 millóns quedará sen pagar. Nin 1.000 millóns nin nada de nada.

Voluntarios recollendo chapapote Dominio Público Praza Pública
A sala do tribunal, antes de ler a sentenza do Prestige © Cerna

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.