O primeiro Retrocorenta percorre a "explosión" creativa da Movida viguesa con algúns dos seus protagonistas
No primeiro episodio do podcast Retrocorenta achegámonos a Vigo porque se tivésemos que escoller unha capital para os oitenta galegos, esa sería a cidade olívica. A Movida viguesa perdura no imaxinario colectivo e segue a ser obxecto de debates. Que destacan agora os seus protagonistas? Falamos con Nicolás Pastoriza, Menchu Lamas, Pablo Novoa, Mara Costas, Fernando Franco, Rosa Costas, Teo Cardalda e María Monsonís para revisitar aqueles anos de "explosión" creativa.
″Facíamos unhas performances totalmente explosivas para o que era a cidade de Vigo, o que era Galicia e as actividades que se facían″, lembra a artista plástica Menchu Lamas nunha conversa na que tamén desvela como se salvou de participar no accidente que lle deu nome ao grupo Siniestro Total. ″Julián Hernández vén coa maqueta de ′Las tetas de mi novia′ e dixemos: hai que facer algo, isto é moi potente″.
"Facíamos unhas performances explosivas para o que era Vigo", di Menchu Lamas
Na década dos oitenta Vigo era unha cidade de clase traballadora, que se recoñecía como tal, na que os menores de trinta anos só tiñan un lugar de encontro, a falta dun tecido cultural, os bares. Do escenario do Satchmo, pasando polo auditorio dos Salesianos, ata o parque de Castrelos. A cidade converteuse nun reclamo, como conta Emilio Alonso no libro ′Vigo a 80 revolucións por minuto′, editado por Xerais: ″Foron anos nos que ser de Vigo era sinal de prestixio, e cando se viaxaba fóra e se amosaban as credenciais olívicas a xente case nos rendía acatamento″.
″Chegas a Madrid e parece que en Vigo hai locais de ensaio, que isto é Londres... Alí somos catro gatos que nos estamos buscando a vida e facemos o que podemos″, lembra o músico Pablo Novoa sobre o momento no que se deu a coñecer Golpes Bajos, sobre o que tamén conversamos con Teo Cardalda, co que lembramos a Germán Coppini.
"Era un momento de liberdade para todo", salienta Mara Costas
Referímonos ás movidas de Vigo en plural, pois non só estaba a parte musical. Mara Costas repasa a estética e lévanos con ela ás rúas do post franquismo. ″Era un momento de liberación para todo″, salienta Costas, que tamén participou dun colectivo feminista que xurdiu naqueles anos: a Asociación Galega da Muller.
Queda claro que existía un Vigo de día, sumido nunha crise económica e industrial, pois foron os anos da reconversión naval; e outra cidade que só tiña presencia nocturna. ″Foi un período de axitación preñado de día por sucesos políticos ou económicos de envergadura, mentres pola noite era unha tribo de modernos que mesturaba a euforia creativa cun desenfreado espírito lúdico″, describe o xornalista Fernando Franco.
"De repente en Vigo colapsou todo cando McNamara tirou a taza", lembra Nicolás Pastoriza
″Cando a policía irrompeu no comedor de Castrelos moitos vimos o fin de todo aquelo″, conta o músico e cantante Nicolás Pastoriza sobre aquela experiencia que se chamou ′Madrid se escribe con V de Vigo′. ″De repente en Vigo colapsou todo cando McNamara tirou a taza. Se tiña que haber un final ese foi o mellor″, asegura Pastoriza sobre a anécdota que marcou, cando menos, o principio do fin da Movida viguesa.