As movidas: a madrileña, a viguesa (semellantes pero distintas), a barcelonesa (esta si, moi diferente) viven un revival musical, o mesmo que outros estilos, que regresan unha ou dúas xeracións despois. Velaí están os retornos, máis ou menos efémeros dos Resentidos, de Aerolíneas Federales, de Radio Océano ou de Los Cafres. Pero, ademais, os decorados resúltannos familiares: Crise económica, desemprego, reconversión naval, Vigo, a música como elemento de ruptura, de evasión e de provocación. 1980? 2012?
De aí parte Galicia Caníbal, o o musical sobre a movida galega, que se estreará o vindeiro 12 de xullo en Vigo e que no resto do verán se representará en Compostela (do 18 ao 21 de xullo), Vilagarcía (do 5 ao 8 de agosto) e A Coruña (do 9 ao 12 de agosto). En setembro estará en Madrid, para regresar en outubro e novembro a Monforte, Pontevedra, Ourense e Lugo. En 2013 a xira continuará polo resto de España.
O musical quere contar dende o presente, dende a historia dunha rapaza que un día por casualidade descobre a música que se facía en Galicia nos oitenta. A produción conta coa participación destacada de Antón Reixa (idea orixinal), Fran Peleteiro e Antela Cid (guión), Quico Cadaval (dirección escénica), Pablo Novoa (dirección musical) e Mónica García (coreografía) e coas actuacións de Ana San Martín, Víctor Mosqueira, Teté Delgado, María Costas, Juanillo Esteban ou Iolanda Muíños. No espectáculo soarán cancións de Siniestro Total, Os Resentidos, Aerolíneas Federales e Golpes Bajos, pero tamén de Bar, Los Limones, Los Cafres, Moncho e mailos Sapoconchos ou Semen Up.
Falamos con Quico Cadaval nos días previos á estrea, que terá lugar dentro de dúas semanas no Centro Cultural Novacaixagalicia. Cadaval confesa que "cada día que pasa estou máis contento de estar metido neste movidón, que está a medio camiño entre un espectáculo teatral e o rock and roll" e salienta sobre o musical que "é un xénero estraño porque é unha obra ao servizo dunhas cancións, ao servizo dunha memoria".
O musical é un xénero máis difícil que outros?
É un dos xéneros que require dunha maior pericia. Temos a sorte de contar con Pablo Novoa, que garante o carácter do musical, o carácter desafiante, lúdico e liberador da música dos oitenta, e é o que impide que a obra se constrúa con versións adocicadas. E tamén, Mónica García; un musical ten como base a danza e o punk, o pop oitenteiro e a new wave non tiñan unha forma de bailar codificada que agora se poida lembrar. En poucas palabras: bailábamos coma o carallo. Mónica García converte o humor e o atrevemento da música da movida viguesa en danza, nunha creación completamente persoal.
"Un musical ten como base a danza e o punk, o pop oitenteiro e a new wave non tiñan unha forma de bailar codificada que agora se poida lembrar. En poucas palabras: bailábamos coma o carallo"
Neste caso, ademais, hai que construír unha obra con elementos -esas cancións- que todos coñecemos e temos interiorizadas. Iso dificulta máis aínda o proceso creativo?
Nós traballamos co libreto que fixeron Fran Peleteiro e Antela Cid, e eles son os responsables da historia. Eles poderían ter feito algo máis sinxelo: situar a historia nos anos oitenta e que un chaval da aldea chegase a Vigo e coñecese unha rapaza, pero como ela era promiscua, iso levábao a coñecer a movida viguesa. Por exemplo. Pero houbo un desexo de que a obra fose de actualidade, para que a xente que non viviu a movida non asistise só a un espectáculo histórico.
Porque a música daqueles anos segue soando fresca, non?
Si, con isto o que queremos dicir é que esta música non é unha música para a radio nostalxia, senón que é unha música que está volvendo porque é caralluda. Hai unha enerxía segreda que vén daqueles anos; e non é que eu teña saudade e non quero que ninguén pense que aqueles anos foron a hostia nin nada, é só que hai unha enerxía que se produciu naquel tempo e que provocou un gran aumento da autoestima en Galicia. No momento en que nós poidamos facer outro produto igual de exportable, volverá aquela autoestima.
"Eu naqueles anos fun algúns días a Vigo, pero aqueles días xusto a movida estaba pechada. Polo tanto eu a movida vivina en Ribeira"
A movida viguesa ten moitas cousas en común coa madrileña ou era distinta?
Non era o mesmo, non. Viñamos todos do franquismo e neste caso a movida foi a liberación corporal, foi un asusto a las viejas y me pinto de azul. Vale, rematara a ditadura, había eleccións, pero tanto os franquistas coma a oposicións tíñanos condenados a ser uns frades, a sermos só unha xente entregada a unha causa triste. Polo tanto facía falla algo máis que a liberación política. Isto da liberación corporal é unha frase de Julián Hernández.
Falando de Julián Hernández, onde estabas ti o 20 de agosto de 1981, o día que eles tiveron un siniestro total cun Renault 12?
Eu naqueles anos fun algúns días a Vigo, pero aqueles días xusto a movida estaba pechada. Polo tanto eu a movida vivina en Ribeira; en Compostela a movida era outra cousa, habíaa, pero non tiña as mesmas características desafiantes. A nós, dos grandes concertos que houbo en Vigo, en Ribeira non nos faltou ningún, no Tutti Frutti, ou no Boomerang da Pobra, ou no Primeira Liña -que tiña mal posto o nome, porque cando chegabas a maior parte da xente xa se metera máis de unha-. Eu estaba comprometido politicamente na esquerda nacionalista, que vía con estupor o fenómeno. Case ningunha destas cousas se expresaban en galego, agás Resentidos e un par de grupos máis, e polo tanto dende o nacionalismo todo isto mirábase con cautela, porque ademais no nacionalismo tamén había moito cura, o mesmo que en AP, na UCD ou no PCE.
Porque ti daquela tiñas vinte anos ou vinte e poucos...?
Eu tiña a idade de todos estes, de Novoa, de Reixa, de Julián, de Miguel Costas... Eu en 1981 estaba volvendo dunha experiencia traumática, das festas de San Isidro en Madrid, aquel día que o alcalde dixo aquela famosa frase de o que non estea colocado, que se coloque. E iso era porque aquilo estaba acontecendo tres meses despois do Golpe de Estado do 23F. A xente saíu a gozar da vida dunha maneira diferente, había unha especie de entusiasmo. E eu estaba volvendo de Madrid sen cartos e facéndolle dedo aos camións.
"O musical espectacular é un fenómeno dos momentos de excitación capitalista e estamos nun momento de depresión capitalista"
Gustaríache facer máis musicais?
Si que me gustaría, porque é un dos xéneros moi rico. Pero o musical espectacular é un fenómeno dos momentos de excitación capitalista e estamos nun momento de depresión capitalista.
E que outros temas galegos se poderían contar? Imaxinas un musical sobre o Rexurdimento?
Dende logo. O musical permite contar con música todo o que queiras. Por exemplo, a crise económica que estamos vivindo agora daría para un gran musical, e a época da grande emigración nosa, tamén daría para un musical, as grandes migracións que colocan a xente noutros mundos. Todos os galegos temos na cabeza a emigración, pode que agora un pouco menos, pero miña nai cóntame que hai unhas décadas emigrar era algo que estaba nas opcións de vida de todo o mundo, ao mesmo nivel que ir bailar o sábado ou non. Había rituais de separación e de pranto, pero estaba admitido.
"Castelao merecía un musical, porque vive nunha época gloriosa da música popular"
Algún máis?
Castelao merecía un musical, porque vive nunha época gloriosa da música popular: el visita Francia no tempo no que está de moda o charlestón e na chegada do jazz a Europa, e está Kurt Weil inventando as súas operetas e de aí Castelao móvese a Nova York, Cuba e Arxentina, sería perfecto.
Todo listo, logo, para a estrea?
Non, o día 12 estará todo listo. Se estivese listo, estreábamos mañá. Isto é moi complicado: son doce persoas microfonadas, unha banda de rock, cantan e bailan e múdanse de roupa. Ten que estar todo moi ensaiado.