BNG e PSdeG acusan a Xunta de "mirar para outro lado" ante incumprimentos de Monbus coas liñas de autobús

Autobuses de Monbús na antiga estación de autobuses de Santiago CC-BY-NC-SA Praza.gal

Os socialistas presentaron unha iniciativa no Parlamento, apoiada polos nacionalistas, coa que reclamaron “que os servizos sirvan ao interese xeral, e non ao interese dunha única empresa”, pero o PP defendeu que o transporte funciona “ben” e culpou o Goberno de España de abandonar o rural

O PSdeG defendeu este xoves na comisión de ordenación territorial do Parlamento de Galicia unha proposición non de lei, apoiada polo BNG, coa que os dous partidos reclamaron ao Goberno galego que deixe de “mirar para outro lado” ante os incumprimentos “reiterados” do grupo Monbus nas liñas de autobús que presta por concesión da Xunta. 

Os dous partidos coincidiron en cifrar no “80%” as liñas de transporte que Monbus opera en Galicia a través dalgunha das empresas do grupo ou en asociación con outras firmas, situación á que se chegou polo que os nacionalistas consideran unha estratexia planificada pola Xunta para favorecer o monopolio do conglomerado que lidera o empresario lucense Raúl López.

Patricia Otero, deputada do PSdeG que presentou a iniciativa, e Paulo Ríos, do BNG, que a apoiou CC-BY-SA Praza Pública

Pola contra, desde o PP defendeuse que o transporte público dependente da Xunta está a funcionar “ben” e cargou contra supostos intentos do Goberno de España de prexudicar as comunicacións no rural galego.

Segundo o PSdeG, a empresa adecúa o servizo ás súas propias necesidades e non ao interese xeral, mentres que para o BNG a Xunta facilitoulle un monopolio de feito coas condicións que puxo para prestar os servizos

A iniciativa socialista reclamaba á Xunta revisar e solucionar as queixas, sancionar os incumprimentos e corrixir os pregos de condicións dos servizos de transporte para poder realizar os cambios necesarios para dar unha resposta axeitada ás necesidades da cidadanía. A proposición socialista foi defendida pola deputada Patricia Otero, que na súa intervención evitou pronunciar o nome de Monbus, como si verbalizou ou nacionalista Paulo Ríos. Pero os dous coincidiron en dar voz ás queixas que as persoas usuarias veñen lanzando sobre demoras das liñas, mal estado dos vehículos ou denuncias sobre abusos laborais por parte do persoal. 

A socialista acusou á Xunta de “abdicar das súas responsabilidades” e “deixar facer” e reclamoulle que garanta “que os servizos sirvan ao interese xeral, e non ao interese dunha única empresa” que, segundo di, o que fai é “adecuar o servizo” ás súas propias necesidades e non ás dos usuarios.

Publicidade do propio grupo Monbus das múltiples empresas do grupo Dominio Público Grupo Monbus

Similares críticas lanzou o nacionalista, que acusou ao Goberno galego de facilitar un monopolio de feito de Monbus no transporte por estrada coas condicións que estableceu nos pregos do servizo, imposibles de cumprir para empresas máis pequenas.

Porén, desde o PPdeG a deputada Begoña Freire asegurou que “o constante incremento de usuarios é o mellor expoñente de que o plan de transporte público de Galicia funciona ben”. A popular só admitiu que “pode haber desaxustes puntuais que obedecen a diferentes circunstancias” e asegurou que a Xunta está a corrixir constantemente o sistema en función das incidencias que se rexistran ou das necesidades da cidadanía. "Veñen a pedir cousas que xa se están facendo", dixo.

Pola contra, Freire cargou contra o Goberno de España, ao que acusou de estar “atentando constantemente contra as necesidades de mobilidade dos galegos”. Cita, entre outras cuestións a “desatención do ferrocarril” ou a proposta de que os autobuses de liñas de longo percorrido entre comunidades non paren nas poboacións máis pequenas.

Pasaxeiras na estación de autobuses de Lugo en marzo de 2021 © Monbus

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.