O Goberno galego organizou unha campaña acusando o español de “marxinar” concellos nunha convocatoria de axudas e a Comisión Europea responde que hai outros investimentos para eles pero que tamén se poden beneficiar dos previstos para localidades maiores se a Xunta o planifica
Dende comezos de ano a Xunta vén desenvolvendo unha campaña con comunicados e reunións coa que acusa ao Goberno de España de “deixar á marxe” aos concellos pequenos, de menos de 50.000 habitantes, “dos fondos Next Generation destinados a mobilidade sostible”. O eurodeputado popular pontevedrés Francisco Millán Mon formulou unha pregunta ao respecto á Comisión Europea e a resposta do executivo comunitario é que esa convocatoria de axudas do Ministerio de Transportes criticada pola Xunta vai dirixida aos municipios con peor calidade do aire, que son os de maior tamaño, e que o plan do Goberno de España inclúe outros investimentos no medio rural tamén en materia de conectividade.
Aínda así, a Comisión salienta que mesmo nesa convocatoria de axudas os concellos máis pequenos poden resultar beneficiados se a Xunta os inclúe en proxectos de mobilidade sostible de zonas metropolitanas próximas. Pola súa banda, o Goberno galego incluíu nos plans cos que aspira a conseguir fondos europeos estradas prometidas hai dúas décadas co argumento de que cumpren cos obxectivos comunitarios ao facilitar a accesibilidade a servizos sanitarios ou loxísticos ou incluír sendas peonís.
A Xunta chegou a impulsar unha “declaración institucional” asinada por 153 concellos en contra dunha convocatoria estatal de fondos europeos para a mobilidade sostible dirixida a municipios de máis de 50.000 habitantes ou de 20.000 se contan con determinadas características. O pasado 14 de setembro o eurodeputado Millán Mon preguntou á Comisión Europea pola cuestión comezando a súa pregunta admitindo que esa era “a primeira convocatoria” do ministerio pero asegurando que “discrimina ás zonas rurais” e salientando a declaración institucional da Xunta e os concellos. Concluía preguntando se “considera a Comisión que a decisión do Ministerio de excluír aos concellos de menos de 50.000 habiatntes dos fondos europeos para mobilidade sostible é compatible coa súa Visión a longo prazo para as zonas rurais”.
"A finalidade principal deste investimento é acelerar a creación de zonas de baixas emisións nos grandes municipios, xa que son os máis necesitados de medidas destinadas a mellorar a calidade do aire”, explica a Comisión Europea
A resposta da Comisión Europea [aquí o PDF], asinada polo seu vicepresidente Valdis Dombrovskis, chegou este 24 de novembro. Comeza salientando que efectivamente a UE insta aos estados membros a cubrir a carencias do rural, e que o plan de recuperación presentado por España “inclúe varios investimentos que apoian o medio rural, incluída a súa conectividade, nos compoñentes dedicados á agricultura, a conectividade, o turismo, os ecosistemas e a biodiversidade”. Pero engade xusto a continuación que “a convocatoria mencionada refírese a un investimento específico centrado en contornas urbanas e metropolitanas”.
A Comisión Europea salienta que a convocatoria dirixida a concellos de máis de 50.000 habitantes vai dirixida a “investimentos en zonas de baixas emisións e na transformación do transporte urbano metropolitano”. E matiza que tamén poden acceder a ela os concellos de máis de 20.000 habitantes se contan “cun plan de mobilidade urbana sostible aprobado e un sistema de transporte público local”, algo do que carecen os concellos galegos máis pequenos.
O executivo comunitario explica que eses límites establécense “porque a finalidade principal deste investimento é acelerar a creación de zonas de baixas emisións nos grandes municipios, xa que son os máis necesitados de medidas destinadas a mellorar a calidade do aire”, e lembra a Lei de cambio climático española, que establece que os municipios de máis de 50.000 habitantes deberán establecer áreas de baixas emisións con limitacións a determinados vehículos en 2023.
Aínda así, a Comisión Europea remata a súa resposta salientando que esa convocatoria concreta que a Xunta considera discriminatoria para os concellos pequenos “tamén inclúe proxectos presentados polas Comunidades Autónomas, o que podería potencialmente incluír zonas urbanas máis pequenas, se estes proxectos contribúen a mellorar a mobilidade sostible da zona metropolitana na que están situadas”.
A comezos de ano a Xunta confiou aos fondos europeos estradas prometidas hai décadas con argumentos para cumprir cos requisitos comunitarios de sostibilidade como que facilitarían o acceso a servizos sanitarios ou loxísticos ou incluían sendas peonís
A comezos de ano, cando a Xunta presentou os proxectos cos que dicía aspirar a recibir fondos europeos para a mobilidade, fixo público un listado de actuacións por importe de preto de 400 millóns dos que 91 irían a “mellora das infraestruturas de comunicacións no rural”, con “21 actuacións de acondicionamento de estradas” das que xustificaba que garantirían “o acceso a servizos públicos como sanidade, educación e coidado de maiores, facilitar a produción agraria e gandeira, e fomentar o transporte público no rural”.
95 millóns xustificáronse como melloras loxísticas como aparcadoiros de camións ou accesos a polígonos industriais. Outros 92 millóns de euros ían destinados a “sendas peonís e ciclistas para facilitar os desprazamentos non motorizados no ámbito urbano e rural”. 40 millóns de euros prevíanse para as estacións intermodais da Coruña, Ferrol e Lugo; 25 millóns para carrís exclusivos para transporte público nos accesos ás cidades e 12,5 millóns para aparcadoiros disuasorios “con puntos de recarga eléctrica”. Tamén se incluían partidas con contías menores para dixitalización do transporte público (13 millóns) ou desenvolvemento de “novos servizos baixo demanda mediante condución autónoma e/ou semiautónoma (20 millóns).