O Goberno galego argumenta que obras viarias que xa tiña programadas cumpren cos obxectivos comunitarios ao facilitar a accesibilidade a servizos sanitarios ou loxísticos ou incluír sendas peonís
O 20 de xullo de 2001, na precampaña das eleccións que tres meses máis tarde volvería gañar con maioría absoluta Manuel Fraga, o daquela presidente da Xunta e o do Goberno central, José María Aznar, anunciaron en Monforte, xunto ao seu nó ferroviario, un centro loxístico, o Porto Seco. Inaugurado por Feijóo hai agora sete anos, segue sen ter unha soa empresa instalada porque entre outras cousas aínda non ten acceso por estrada á N-120, a principal vía de comunicación da zona. Agora esa estrada vén de converterse nun dos proxectos que a Xunta quere impulsar con cargo aos fondos europeos de recuperación económica tras a COVID, que priman a sostibilidade.
O luns a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, presentou en público un listado de actuacións por importe de preto de 400 millóns de euros que agora solicitará ao Goberno central que inclúa na convocatoria de fondos comunitarios para a mobilidade dentro do denominado Mecanismo Europeo de Recuperación e Resiliencia co que se pretende reactivar a economía tras a crise do coronavirus.
Uns fondos que priman a sostibilidade e a descarbonización da economía, cuestións que para a Xunta se cumpren cos seus proxectos ao facilitar a accesibilidade a servizos sanitarios ou loxísticos ou incluír sendas peonís. “Non o improvisamos, levamos moito tempo traballando”, asegurou Vázquez.
"Non o improvisamos, levamos moito tempo traballando", defende a conselleira de Infraestruturas sobre os proxectos para os que agora pide ao Goberno central 400 millóns de euros de fondos comunitarios
Dos preto de 400 millóns aos que aspira a Xunta, 91 irían a “mellora das infraestruturas de comunicacións no rural”, con “21 actuacións de acondicionamento de estradas” das que argumenta que garantirán “o acceso a servizos públicos como sanidade, educación e coidado de maiores, facilitar a produción agraria e gandeira, e fomentar o transporte público no rural”.
Outros 95 millóns xustifícanse como melloras loxísticas, por unha banda con 10 millóns de euros para a construción de aparcadoiros de camións co argumento de que mellorarán a seguridade das mercadorías perigosas e terán puntos de recarga para vehículos eléctricos, e por outra con 85 millóns para catro estradas de acceso a “polígonos industriais e centros loxísticos”. Son o antedito acceso ao aínda baleiro Porto Seco de Monforte, a prolongación do acceso ao polígono de San Cibrao en Ourense ata a autovía A-52, e novos accesos á A-55 dos polígonos da Granxa e A Veigadaña, no Porriño e Mos.
A Xunta inclúe as estacións intermodais da Coruña Ferrol e Lugo e outros proxectos de dixitalización do transporte na súa lista de proxectos aspirantes a fondos europeos
Outros 92 millóns de euros irán destinados a “sendas peonís e ciclistas para facilitar os desprazamentos non motorizados no ámbito urbano e rural”, un concepto co que a Xunta xustificaría que accedan aos fondos europeos obras de mellora de estradas como as que xa vén executando nas dúas últimas décadas. Igualmente, a Xunta inclúe 40 millóns de euros para as estacións intermodais da Coruña, Ferrol e Lugo, 25 millóns para carrís exclusivos para transporte público nos accesos ás cidades ou 12,5 millóns para aparcadoiros disuasorios “con puntos de recarga eléctrica”.
A Xunta tamén inclúe outras partidas con contías menores para dixitalización do transporte público (13 millóns) ou desenvolvemento de “novos servizos baixo demanda mediante condución autónoma e/ou semiautónoma (20 millóns).