Feijóo anuncia novas subvencións para mercar coches ao inaugurar unha senda peonil en Oleiros

Feijóo, coa conselleira de Infraestruturas e o alcalde de Oleiros na inauguración da senda peonil de Montrove CC-BY-SA Xunta

O adianto das eleccións xerais do pasado 28 de abril e con el, o anticipo do veto legal aos actos de autobombo, impediu a gobernos de todos os niveis inauguraren obras cuxos cronogramas ían rematar máis ou menos preto das eleccións municipais de maio. Esta circunstancia, unida ao feito de que a precampaña das eleccións galegas previstas para 2020 estea xa lanzada a efectos prácticos, está a provocar que dende hai semanas o presidente da Xunta estea a ser protagonista de múltiples inauguracións e presentacións de toda caste de actuacións do seu Goberno.

Este venres a quenda foi para a senda peonil de Montrove ás Pedreiras, un itinerario de algo máis dun quilómetro no cofinanciado pola UE no Concello de Oleiros, municipio lindeiro dende o que cada día se desprazan abondosos volumes de tráfico privado con rumbo á Coruña.  Alí, onde Alternativa dos Veciños revalidou a súa maioría absoluta o 26M con case o 60% dos votos, Alberto Núñez Feijóo aproveitou a apertura oficial deste "itinerario peonil integrado na paixaxe" que ten como "obxectivo" que a veciñanza "poida desprazarse de forma segura e saudable sen necesidade de coller o coche" para anunciar a inminente publicación dunha nova orde de subvencións do Goberno galego para mercar automóbiles.

Na inauguración da senda peonil de Montrove ás Pedreiras, concibida para que a veciñanza poida "desprazarse sen necesidade de coller o coche", Feijóo avanzou un novo programa de axudas á compra de coches, que oscilarán dos 500 aos 750 euros

Segundo a información adiantada polo titular da Xunta e completada posteriormente pola Consellería de Economía, o DOG disponse a publicar unha orde de axudas dotada con 1,1 millóns que terá como intención anovar "2.000 vehículos con 10 anos de antigüidade como mínimo" para que as persoas que os conducen opten por "novos modelos máis eficientes" e "menos contaminantes". Serán, concretamente, achegas de entre 500 e 750 euros dirixidas tanto a usuarios particulares como a empresas ou profesionais en réxime autónomo, no seu caso para a compra de furgonetas. Segundo o adiantado pola Xunta, como en anteriores programas, o plan implicará que os concesionarios ofrezan un desconto adicional polo mesmo importe da subvención.

Vehículos na Vedra -avenida Alfonso Molina-, un dos principais accesos á Coruña © Concello da Coruña

Unha década despois doutro programa de axudas máis cuantioso da Xunta para comprar coches, as vendas volven caer e a UE recea das subvencións ao sector

Esta non é a primeira vez que a Xunta ofrece subvencións á compra de coches. Un dos programas máis cuantiosos do Goberno de Feijóo foi o denominado Remóvete, impulsado en 2010 dende a Consellería de Industria que daquela dirixía Javier Guerra. Daquela a primeira intención declarada polo Goberno galego era a de paliar a caída nas vendas de automóbiles en plena crise económica e a subvención chegaba aos 1.200 euros. A dotación daquel programa chegara aos 12 millóns de euros. O pasado abril a propia Consellería que agora lanzará a liña de axudas anunciada por Feijóo puxo en marcha subvencións para mercar vehículos eléctricos ou de gas.

O anuncio lanzado por Feijóo en Oleiros chega nun contexto de caída xeneralizada da compra de coches, tamén en Galicia, co cambio tecnolóxico e as restricións aos combustible máis contaminantes como pano de fondo. Os datos máis recentes dos fabricantes indican unha caída do 14,29% nas matriculacións de turismos ata xuño con relación ao mesmo período do ano anterior. Prodúcese tamén poucos días despois de que a Comisión Europea evidenciase os seus receos sobre as axudas ao sector fixándose especificamente en Galicia. Así, a comisaria europea da Competencia anunciou a apertura dunha investigación ao dubidar da legalidade da axuda de 20 millóns de euros do Goberno de España -canalizada inicialmente a través da Xunta- á factoría viguesa de PSA Citroën.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.