A UE investiga axudas de 20,7 millóns do Goberno de Rajoy a Citroën en Vigo por "dubidar" se son legais

Cadea de produción de PSA en Vigo © PSA

O 21 de decembro de 2017 a Comisión Delegada para Asuntos Económicos do Goberno de España deu luz verde a varias subvencións concedidas ao abeiro dos "incentivos rexionais para a corrección dos desequilibrios económicos territoriais" que o Estado asigna dende mediados da década dos 80 do século pasado. Entre as axudas asignadas figuraban 20,7 millóns de euros para Peugeot Citroën Automóviles España, S.A., nomeadamente para as novas liñas de produción da súa factoría de Vigo, "condicionadas" á supervisión da Unión Europea, que agora vén de abrir unha investigación ao respecto por dubidar da legalidade da operación no caso de que chegase a culminar.

Xunto á axuda para PSA en Vigo tamén foran publicadas subvencións para outros cinco proxectos empresariais -un deles, a fábrica de Goodleit en Curtis-, se ben a da compañía de automóbiles era a única que non prevía creación de novos empregos. O ministerio daquela dirixido por Cristóbal Montoro incluíu na de Peugeot Citroën unha cautela que non anexou ás demais: a concesións dos 20,7 millóns estaría "condicionada" á súa "autorización pola Comisión Europea" e por iso cumpría notificala a Bruxelas ante a posibilidade de que puidese consideralas como axudas de Estado irregulares.

A Comisión Europea "dubida" de que os 20,7 millóns de euros concedidos a PSA para as súas novas liñas de produción sexan "realmente necesarios" para que a empresa "invista en procesos verdadeiramente innovadores en Vigo"

O primeiro resultado desa avaliación fíxoo público este 1 de xullo a comisaria europea da Competencia, Margrethe Vestager. O seu departamento decidiu abrir "unha investigación en profundidade" para "avaliar se o plan de España de conceder" os devanditos 20,7 millóns á fábrica viguesa de PSA "se axusta ás normas da UE sobre axudas estatais de finalidade rexional". Trátase, explica Vestager, de investigar "meticulosamente" se estess subsidios "son realmente necesarios para que Peugeot invista en procesos de produción verdadeiramente innovadores en Vigo" e "se van desenvolver" Galicia "sen falsear indebidamente a competencia ou ir en detrimento da cohesión" da Unión Europea.

Referencia no BOE ás axudas estatais a PSA Peugeot Citroën agora investigadas pola Comisión Europea CC-BY-NC-SA Praza Pública

Os receos da Comisión baséanse en que PSA é xa "un gran grupo do sector do automóbil" que "está investindo arredor de 500 millóns de euros en novas liñas de produción para lanzar vehículos novos e en melloras do proceso produtivo" na fábrica de Vigo. Concretamente, especifica, o "traballo nos novos proceso e liñas de produción" que España pretende subvencionar remóntase a abril de 2015.

A Comisión lembra que PSA xa é "un gran grupo do sector do automóbil" que contempla "arredor de 500 millóns de euros" de investimento nos proxectos subvencionados

As axudas estatais como esta, detalla a comisaria da Competencia, deben axustarse á normativa vixente na UE e para facelo deben "cumprir determinadas condicións" como, por exemplo, "incentivar o investimento privado, limitarse ao mínimo necesario e non atraer o investimento dunha rexión igualmente ou máis desfavorecida doutro Estado membro". E o certo é que "polo momento", a Comisión "dubida que as axudas" previstas para PSA en Vigo "se axusten a todos os criterios das directrices" que converterían a subvención en legal.

Presentación do último vehículo producido en PSA Vigo, o Peugeot V20, o pasado xuño CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

Entre as dúbidas do Executivo comunitario sobre estas axuda figura o "temor" de que "puidesen atraer o proxecto fóra dunha rexión máis desfavorecida economicamente noutro Estado membro" ou que PSA puidese "realizar o investimento en calquera caso en Vigo", aínda que non tivese axudas públicas. Neste sentido, resaltan que as grandes empresas só poden recibir subvencións coma estas para fábricas que xa existen se "permiten cambios fundamentais e innovadores no proceso de produción que se apliquen por primeira vez no sector" en todo o Espazo Económico Europeo. "Polo momento -advirte- a Comisión dubida de que o proceso de produción previsto" en Vigo sexa "innovador dabondo" como para "poder acollerse a esta excepción".

Entre as dúbidas das autoridades da UE sobre a subvención a PSA figura que a empresa puidese "realizar o investimento en calquera caso en Vigo", o cal tería o efecto de "reducir custos normais" que os seus competidores terían que "sorportar sen axuda"

A "Idoneidade" e "proporcionalidade" desta achega de 20,7 millóns son outras das dúbidas das autoridades comunitarias sobre unha subvención a Peugeot Citroën das que, sinalan, "non pode desbotar" que "teñan efectos negativos na competencia en determinados segmentos do mercado de turismos". No caso de que Citroën fose facer o investimento en calquera caso o efecto das axudas só sería "reducir os seus custos normais", de xeito que os seus competidores "terían que soportar" os mesmos custos, pero "sen axuda".

Por todo isto, a Comisión Europea decide "seguir investigando" co obxectivo de aclarar "se se confirman ou non" estas dúbidas. Agora é o momento de que tanto o Goberno de España e "terceiros interesados" poidan "formular observacións sobre a medida". Competencia "non prexulga de ningúnx eito o resultado da investigación", agrega o departamento comunitario.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.