PSA Citroën acepta por primeira vez unha mediación externa tras dous días de paros na fábrica viguesa

Manifestación durante a xornada de paros deste mércores en PSA Vigo Dominio Público @ccoopsavigo

O Consello Galego de Relacións Laborais intentará achegar posturas entre empresa e sindicatos, que denuncian que a sobrecarga de traballo dunha liña de montaxe está a danar a saúde do persoal

Tras dous días de folga dos traballadores, o xoves da pasada semana e o mércores desta, en protesta pola sobrecarga de traballo nunha liña de montaxe, a dirección da fábrica viguesa de PSA Peugeot-Citroën vén de aceptar a mediación do Consello Galego de Relacións Laborais no conflito que mantén cos sindicatos UGT, CCOO e CIG, convocantes dos paros, co apoio da CUT. Os sindicatos salientan o “fito histórico” de que por “primeira vez” un órgano externo medie nun conflito laboral na fábrica viguesa de PSA.

Os sindicatos veñen alertando de que a sobrecarga de traballo existente nunha liña de montaxe da fábrica de PSA está a afectar á seguridade laboral e a poñer en risco a saúde dos traballadores. A comezos deste mes representantes de UGT, CCOO e CIG pecháronse en oficinas da factoría e ante a negativa da dirección a dialogar convocaron os anteditos paros, que segundo os sindicatos tiveron un seguimento total mentres que a empresa só admitiu “alteracións na produción”. 

Delegados de CCOO, UGT e CIG pechados nas oficinas de PSA © CCOO

UGT, CCOO e CIG, que lideran as protestas, fan un chamamento para que na negociación estean presentes o resto de representantes dos traballadores no Comité de Empresa, no que é maioritario un sindicato independente

Agora, dous días despois, e tras ofrecer a empresa medidas que os sindicatos consideraron insuficientes, estes informan de que a empresa vén de aceptar a mediación externa. Esta iniciarase cunha xuntanza o próximo luns ás 17.00 horas na sede do Consello Galego de Relacións Laborais, en Santiago. Os tres sindicatos que solicitaron a mediación, UGT, CCOO e CIG, fan un chamamento para que na mesma estean presentes o resto de representantes dos traballadores no Comité de Empresa, no que é maioritario un sindicato independente da propia factoría menos belixerante coa súa dirección.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.