O grupo PSA é desde o pasado verán o novo dono da factoría Opel de Figueruelas, localidade a 20 quilómetros de Zaragoza, que proporciona uns 5.500 empregos directos, outros 3.000 postos de traballo en firmas auxiliares e de cuxa actividade depende máis do 20% do PIB de Aragón. A pasada semana anunciou que paralizaría todos os investimentos na planta e que buscaría outra ubicación para fabricar o novo Opel Corsa de non alcanzar un acordo cos representantes dos traballadores na negociación do novo convenio colectivo. E puxo como data límite este luns.
PSA ameazou com trasladar a fabricación do Corsa a outra planta e puxo a de Vigo como exemplo onde debía mirarse a de Figueruelas
A anulación do lanzamento do próximo modelo do Corsa -previsto para 2020- e que suporía "levar media fábrica" segundo os operarios, supuxo que PSA ameazase xa coa busca dunha nova factoría para o proxecto, unha reacción que os sindicatos ven como "chantaxe" e estratexia negociadora tras negarse de primeiras ao recorte salarial. Entre as candidatas, Madrid, Kénitra (Marrocos) e a planta de Balaídos en Vigo, que a dirección de Opel en España puxo como exemplo de rendibilidade e eficiencia aos traballadores aragoneses. O seu obxectivo é reducir custos laborais e de cadro de persoal, maior flexibilidade horaria e produtiva, menos tempo na fabricación ou rebaixa nos gastos loxísticos e nos compoñentes. En Galicia, os sindicatos vense tamén "no espello, pero ao revés". "Eles están sufrindo o que nós nas negociacións de 2014".
Abríase (supostamente) unha posibilidade en Vigo, pero a resposta da maioría dos sindicatos da planta de Balaídos foi rotunda. Apoian os seus compañeiros aragoneses, rexeitan pular polo Opel Corsa e ven nas advertencias da empresa unha "chantaxe". Na planta galega a central maioritaria é o Sindicato Independiente de Trabajadores (SIT). O resto de delegados amosaron o seu apoio. CCOO negouse a entrar na "poxa", a CUT amosou a súa "total solidariedade" cos compañeiros de Aragón, ao igual que a CIG, e a UGT agarda que as instalacións de Figueruelas "teñan futuro e se consoliden".
A maioría de sindicatos da planta de Vigo responden negándose a poxar polo Corsa e amosando a "solidariedade" cos traballadores de Aragón
O delegado da CUT na planta de Vigo, Víctor Mariño, aclara que levan anos mantendo contactos con varios sindicatos da planta aragonesa aos que xa advertiron "do que lles podía pasar". "Sabiamos que porían Galicia como referencia e que debían prepararse para afrontar os recortes salariais e de condicións laborais; dixéronnos que era inviable porque levaban anos sufríndoos, pero nós xa coñeciamos a PSA e o tempo acabounos por dar a razón", di en conversa con Praza.gal.
Ademais, os sindicatos tamén advirten de que o volume de produción para o novo modelo Corsa, por riba dos 200.000 vehículos, faría "inviable" que se fabricase en Vigo, onde a planta ensambla máis de 430.000 coches ao ano. "As horas e os días son os que son, non dá para máis", di Mariño, que compara a posición firme e de apoio aos traballadores do alcalde de Zaragoza coa amosada por Caballero en 2014, así como os intentos por mediar na negociación do Goberno de Aragón coa "foto que veu sacar Feijóo". "O grupo PSA é dos máis subvencionados do Estado e as administracións deberían e poderían presionar máis para evitar as súas chantaxes", explica, antes de engadir que "se fai o que fai é porque a situación económica, social e sindical llo permiten".
Os sindicatos ven na aposta por Vigo unha "chantaxe" de PSA na negociación ao ser un proxecto "inviable" para Balaídos
Desde a CIG, a sección sindical en PSA enviou a pasada semana unha carta aos traballadores de Figueruelas amosándolles "toda a solidariedade" coa súa "loita sindical" e o "apoio" ás medidas tomadas na negociación por parte do comité porque "a todo recorte hai que marcarlle límites". "Para iso non hai mellor mediciña que a unidade do conxunto dos traballadores", dilles o sindicato nacionalista.
A CIG advírtelles tamén que, "seguramente", a empresa está a utilizar os "recortes" pactados en 2014 en Vigo como "exemplo" nas súas "negociacións" e acusan o sindicato independente SIT, maioritario na planta galega, de ser "cómplices do señor Tavares [presidente de PSA]" e de asinar "de costas aos seus afiliados, o maior recorte económico e socio-laboral do centro". "Non estades sós nesta loita; e esperamos que non vos pase o mesmo que ocorreu aquí con certos representantes", insisten. "Aínda que non vistamos a mesma funda, todos somos traballadores", rematan.
Feijóo aposta por un "acordo" en Aragón e rexeita pedir a produción para Galicia
Neste mesmo luns, o presidente da Xunta, Núñez Feijóo, apostou por un "acordo" en Aragón e pediu aos traballadores que se adapten "ao modelo vigués". Ademais, rexeitou pedir a produción para Galicia. "Son unha persoa sensata, non faría unha xestión para deslocalizar a planta", insistiu tras destacar a factoría de Balaídos como a "máis produtiva" do grupo PSA.
En Figueruelas, a empresa propuxo primeiro unha ampliación de xornada cunha rebaixa salarial do 6%, modificada logo por unha conxelación de tres anos que elevaría a trece os de perda de poder adquisitivo dos traballadores, para responder coa conxelación dos investimentos na planta e a ameaza de trasladar a ensamblaxe do Corsa a outras fábricas, cando o comité puxo enriba da mesa o documento de cinco reclamacións que as asembleas consideraron un punto de partida innegociable. Este consiste nun plan industrial de futuro e tres quendas de traballo, aplicar contratos de remuda desde os 60 anos, contratar os 170 operarios finiquitados nos últimos meses ou rexuvenecer o cadro de persoal con saídas pactadas aos 61 anos.
As negociacións racharon en canto PSA oficializou a ameaza de traslado do proxecto do Corsa, que se fabrica en Zaragoza desde hai máis de 35 anos, a outras plantas e só a mediación do Goberno de Aragón facilitou que volvesen sentar. Os traballadores alporizáronse e viron na proposta un órdago inaceptable, aínda que confían en chegar a un acordo, logo de intensas asembleas durante toda a fin de semana.