Lidl é condenada por "esquirolaxe" a indemnizar con 50.000 euros a 76 folguistas de Narón

Protesta durante a folga en Lidl en 2023 CC-BY-SA CIG

A empresa alterou a súa organización ilegalmente para minimizar os efectos da folga que sufriu en 2023 no seu centro de distribución de Narón

Un xulgado do Social de Ferrol vén de condenar a Lidl Supermercados por "esquirolaxe organizativa" durante a folga que sufriu en 2023 no centro de distribución que ten en Narón. A sentenza considera que a empresa alterou a súa organización interna ilegalmente para tentar minimizar os efectos da folga e agora é condenada a indemnizar con 50.000 euros a 76 traballadores que secundaron os paros. 

Protesta durante a folga en Lidl en 2023 CC-BY-SA CIG

A folga por incumprimento reiterado do convenio colectivo desenvolveuse no centro de distribución de Lidl en Narón durante 97 días, entre o 14 de febreiro e o 21 de maio de 2023. Durante os paros a empresa "desviou a outras plataformas loxísticas da compañía parte da carga de traballo" habitual de Narón. Por esa actuación Lidl xa foi condenada en maio daquel mesmo ano polo mesmo xulgado do Social de Ferrol por vulnerar o dereito fundamental de folga, polo que tivo que indemnizar á CIG, sindicato convocante.

Tras esa primeira sentenza, que acabou sendo ratificada polo Tribunal Supremo en xaneiro deste ano, 76 dos 98 traballadores que secundaron a folga, do total de 143 empregados de base, formularon outra demanda de tutela de dereitos fundamentais, que agora a xustiza volve acoller.

A sentenza reflicte como supermercados galegos da empresa que eran abastecidos desde o centro de Narón recibiron durante a folga camións de fóra de Galicia e volveron a recibilos de Narón cando remataron os paros. Unha actuación que a xustiza considera "esquirolaxe organizativa" para "tratar de minimizar os efectos da folga".

Condena a Lidl por "esquirolaxe organizativa" durante a folga que sufriu en Narón en 2023 CC-BY-SA Praza Pública

No proceso xudicial os traballadores reclamaron ser indemnizados con todo o soldo que deixaron de cobrar durante a folga. A sentenza non recoñece ese dereito porque considera que aínda que foi obstaculizada pola empresa, a folga puido desenvolverse. Pero polos obstáculos admite o dereito dos folguistas a unha indemnización de 50.000 euros a repartir entre todos eles. 

A empresa cifrou en 16 millóns o dano sufrido pola folga e a sentenza salienta que "aceptou finalmente a maioría das pretensións do comité de folga"

Para xustificar que a folga se puidera desenvolver e así ver rebaixada a súa condena, a empresa argumentou que o paro fora un "éxito" e que o subministro reducido ás 53 tendas dependentes de Narón "xerou a Lidl graves danos e queixas, uns danos en torno a 16 millóns de euros aparte do dano de reputación". E a sentenza confirma que pese aos obstáculos postos por Lidl, "produciuse un grave quebranto económico para a empresa demandada, que ademais aceptou finalmente a maioría das pretensións do comité de folga".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.