Producir un litro de leite ten un custo de 0,69 euros, segundo datos dun estudo encargado polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación publicado en xuño deste mesmo ano, o prezo mínimo necesario para cubrir os custos de produción e remuneren o traballo do sector produtor. Porén, é posible adquirir un litro de leite (sobre todo en supermercados e grandes superficies comerciais) a prezos moito máis reducidos, principalmente de determinadas marcas brancas que estes cadeas de distribución empregan como "produto reclamo", para así atraer compradores, que de paso realizan o resto da compra diaria ou semanal.
As grandes cadeas de distribución empregan o leite como "produto reclamo", para así atraer compradores, que de paso realizan o resto da compra diaria ou semanal
No ano 2015 Goberno central, distribución, industrias e algunhas organizacións agrarias asinaron o Acordo Lácteo que buscaba, entre outras cousas, pór fin a estes abusos, habilitando á Administración pública para iniciar expedientes e interpor sancións. Porén, a práctica mantívose de forma recorrente, como alerta o Sindicato Labrego Galego, que vén de denunciar que as cadeas de Lidl, Alcampo, Eroski, Gadis e Froiz en Galicia están a vender leite por debaixo dos custos de produción "coa permisividade da Xunta", con prezos que varían entre os 0,56 e os 0,59 euros por litro, máis de dez céntimos por debaixo do compromiso acadado.
“O establecemento do prezo do leite parte dunha anomalía histórica. A distribución pon un prezo, a industria queda coa parte que considera para obter o seu beneficio, e logo impón un prezo ao sector produtor", explica Seivane
“O establecemento do prezo do leite parte dunha anomalía histórica”, denuncia a secretaria xeral do SLG, Isabel Vilalba. “Non se ten en conta primeiro o custo de produción e logo establécense os elos seguintes, senón ao revés. De arriba cara abaixo", sinala, explicando que "a distribución pon un prezo, a industria queda coa parte que considera para obter o seu beneficio, e logo impón un prezo ao sector produtor". "A día de hoxe existe un marco regulatorio que a Administración debería estar facendo respectar para facer fronte a estas prácticas abusivas", lembra a secretaria xeral.
"A baixada de prezo final é unha práctica desleal que arrastra os prezos á baixa na cadea, ademais de potenciar esas mesmas actuacións noutras superficies comerciais e dificultar aínda máis que se poda pór fin á banalización do leite como produto alimentario", subliña, e denuncia a inacción do Goberno galego nesta cuestión. "Dado que a Xunta ten competencias para vixiar, evitar e sancionar estas prácticas abusivas, esiximos a inmediata actuación da Administración, asumindo as súas responsabilidades e freando a chegada destes prezos ruinosos ás granxas”, di.
"A política de brazos cruzados da Administración galega para facer cumprir o Acordo Lácteo, un texto que Núñez Feijoo se fartou de cualificar de 'histórico', segue a empurrar á quebra as pequenas e medianas explotacións galegas", di o SLG
O pasado ano o agro galego acolleu con esperanza e cautela a prohibición da venda a perdas e esixiu que se cumprise. O Goberno central reformou a lei da cadea alimentaria, establecendo que "cada operador" da cadea debe "pagar ao inmediatamente anterior un prezo igual ou superior ao custo efectivo de produción"; non facelo sería considerado unha infracción grave con sancións de ata 100.000 euros. Porén, a realidade amosa o incumprimento desta medida.
Galicia é a maior produtora de leite do Estado, cun 39,1 % do total de entregas, moi lonxe da súa inmediata seguidora, Castela e León, cun 12,5%, de aí a importancia de fixar un prezo xusto para o leite. Hoxe, malia que o prezo de produción dun litro de leite oscila entre os 33 e os 38 céntimos por litro, as gandeiras e gandeiros galegos cobran entre 32 e 34 céntimos por litro, "moi lonxe dun prezo digno que cubra custos de produción e traballo", lembra o SLG, que conclúe: "O sector leiteiro é esencial económica e socialmente no noso país. Porén, a política de brazos cruzados da Administración galega para facer cumprir o Acordo Lácteo, un texto que precisamente Alberto Núñez Feijoo se fartou de cualificar de 'histórico', segue a empurrar á quebra as pequenas e medianas explotacións galegas".