Nas últimas semanas, campañas publicitarias de diferentes bufetes de avogados animan granxas galegas a unirse a demandas contra o denominado cártel do leite, un conxunto de empresas lácteas ás que a Comisión Nacional de Mercados e a Competencia (CNMC) multou o pasado ano por intercambiarse información en prexuízo dos gandeiros, "que se viron privados de liberdade para negociar o prezo e escoller clientes en función deste". A piques de se cumprir un ano daquela sanción de máis de 80 millóns de euros, e de rematar o prazo o vindeiro 11 de xullo para presentalas, son milleiros os gandeiros de Galicia que se están a sumar ás demandas para reclamar as cantidades que terían deixado de percibir pola manipulación do mercado levada a cabo polas empresas entre 2000 e 2013.
Milleiros de gandeiros únense contra o cártel do leite, empresas sancionadas por Competencia por prácticas ilícitas para baixar o prezo do leite entre 2000 e 2013
Sindicatos e organizacións gandeiras, algunhas en colaboración con bufetes de avogados especializados --mesmo chegados de Madrid e Barcelona--, están a ultimar diversas demandas colectivas ás que se uniron xa milleiros de explotacións e polas que se reclaman cantidades de centos de millóns de euros. A merma de ingresos das explotacións durante o período sancionado, segundo a resolución da CNMC e as estimacións de equipos xurídicos e despachos de avogados, roldaría entre o 10 e o 13%, sobre tres céntimos por cada litro de leite vendido.
"Consideramos que cada gandeiro podería reclamar de media máis de 200.000 euros", aseguran desde Eskariam, un dos despachos de avogados especializados neste tipo de casos, que se publicita estes días en Galicia e que asinou un acordo coa asociacion Agromuralla para xestionar as demandas dos seus asociados. Desde este colectivo, xurdido en Lugo ao abeiro das últimas grandes mobilizacións gandeiras, aclárase que son xa 150 as granxas que se uniron á súa demanda.
Organizacións agrarias e bufetes de avogados especializados impulsan varias demandas colectivas: "Cada gandeiro podería reclamar uns 200.000 euros"
"Serán moitos máis nestas últimas semanas", aclaran desde Agromuralla, mentres levan a cabo reunións informativas de última hora e advirten da necesidade de apoiarse en bufetes especializados porque "ante unha batalla coma esta, contra multinacionais, hai que levar as mellores armas". "Isto é semellante ao das cláusulas solo e non se pode ir de calquera maneira a este conflito", din, ademais de aclarar que a demanda "non é só cuestión de cartos, senón de tratar de disuadir as empresas lácteas para que estas prácticas mafiosas non se volvan producir".
As reclamacións inclúen, como aclara Unións Agrarias (UUAA), "non só o diferencial entre o prezo anormalmente baixo pagado por litro de leite e o que os gandeiros deberan ter cobrado, senón tamén a indemnización polo cesamento da actividade de moitas explotacións que se viron obrigadas a pechar". O sindicato, que foi quen puxo a denuncia que deu lugar á sanción da CNMC, compareceu no procedemento desde o inicio e reuniu xa máis de 2.000 gandeiros para a demanda, tamén doutras comunidades como Asturias, Castilla y León ou Extremadura. Non cobra polos trámites aos afectados, que só pagarán unha porcentaxe da indemnización recibida. No caso do despacho Eskariam, o cobro só se levará a cabo se gañan a demanda e en base á cantidade recuperada.
O labor do equipo xurídico das organizacións agrarias --mesmo co persoal reforzado pola abundancia de denuncias-- ou dos despachos de avogados é abondoso e clave pola importancia de achegar todos os documentos e facturas posibles que xustifiquen a venda do leite entre os anos 2000 e 2013. Abonda un repaso a anuncios e campañas publicitarias para se decatar da magnitude dun proceso que implica moitos bufetes, tanto de Galicia como doutras partes do Estado.
"Hai uns 35.000 potenciais demandantes en Galicia", explica o coordinador xurídico de UUAA, que acumula xa 2.000 expedientes para a demanda
Desde o Sindicato Labrego Galego (SLG) destacan tamén a avalancha de peticións de información e de casos que se están unindo á demanda que, no seu caso, é tramitada polo bufete barcelonés Redi, especializado en litixios deste tipo contra cárteles e na reclamación de danos por infraccións do dereito da competencia. "Como adoita pasar, moita xente espera á última hora; nas últimas semanas está sendo moita a xente que se está a unir ao proceso", explica Isabel Vilalba, secretaria xeral do SLG, que leva desde o outono pasado informando en asembleas comarcais das posibilidades que se abren con esta reclamación xudicial. Van centos e centos de persoas xa que presentaron a súa documentación para adherirse ao procedemento. "E serán máis", avisa.
O proceso é inxente, especialmente no caso de Galicia. Hai agora 20 anos, cando as empresas lácteas empezaron con estas prácticas irregulares, operaban no país máis de 30.000 explotacións lácteas, máis da metade do total en España. Entre 2000 e 2013, arredor de 30 millóns de toneladas de leite producíronse nas explotacións galegos, o 40% de toda a produción estatal.
"Son uns 35.000 potenciais demandantes só en Galicia", explica Félix Porto, coordinador xurídico de UUAA, que aclara que a cantidade total a reclamar será moi importante, pero que dependará moito do número final de gandeiros que se unan ás demandas e de cadansúa produción. "Tamén hai que convencer moita xente que é escéptica, ten dúbidas ou non sabe das consecuencias", engaden desde Agromuralla.
De feito, advirte Félix Porto, as organizacións agrarias atópanse "aínda en proceso de captación". "Moitos dos gandeiros non están informados desta posibilidade, algúns porque hai tempo que tiveron que pechar a explotación e outros porque pensan que só pode denunciar aquel que vendese o leite ás empresas que foron sancionadas por Competencia", di. Non é así.
Toda explotación que vendese leite cru de vaca entre 2000 e 2013 ten dereito a reclamar a cantidade que deixou de percibir: uns tres céntimos de media por litro
Aínda que Competencia sinalou unhas poucas compañías (Pascual, Nestlé, Shreiber Food, Capsa, Lactalis, Industrias Lácteas de Granada e Danone) e dúas asociacións (a de Empresas Lácteas de Galicia e Gremio de Industrias Lácteas), o "pacto de prezos fraudulento" que denunciaron as agrupacións gandeiras acabou por fixar uns importes artificialmente baixos. Toda granxa que vendese leite cru de vaca entre 2000 e 2013 pode reclamar, aclaran os despachos de avogados implicados, que advirten tamén de que aqueles que pechasen a explotación ou que estean xa xubilados teñen o mesmo dereito.
Serán, xa que logo, milleiros. "En Galicia, con que só fose un 20% dos potenciais demandantes os que reclamasen, estaríamos falando duns 7.000... As cantidades a reclamar, tendo en conta que se inclúen os intereses, serían moi importantes, pero variarán moito dependendo da produción de cadaquén", insiste Porto, que aclara que queda aínda tamén esperar polos recursos que interpuxeron as empresas lácteas sancionadas por Competencia.
No caso de que a Audiencia Nacional --e no seu caso o Tribunal Supremo-- ratifique, aínda que sexa en parte, as "prácticas ilícitas contra o libre mercado", ábrese a posibilidade á reclamación. Será, daquela, cando milleiros de gandeiros, na súa inmensa maioría galegos, aspiren a recuperar o que deixaron de percibir por mor do acordo do cártel do leite. Centos de millóns de euros e milleiros de explotacións pechadas despois.