Unións Agrarias (UUAA) denunciaou este venres a entrada de cisternas de leite portugués na planta de Inleit en Teixeiro (Curtis). A organización agrogandeira considera "absolutamente inmoral" o emprego de "materia prima foránea por parte dunha industria punteira que publicamente se gaba do seu compromiso co sector produtor galego e que, ademais, se ten beneficiado de inxentes cantidades de cartos públicos".
UUAA considera "inmoral" importar leite foráneo nunha industria "que se ten beneficiado de inxentes cantidades de cartos públicos": 14 millóns, segundo a Xunta
Concretamente, e tal e como destacou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na súa visita a Inleit o pasado 20 de marzo, o Goberno galego outorgou 14 millóns en axudas para a ampliación e mellora das instalacións de Inleit desde que iniciou a súa actividade en Galicia.
Segundo UUAA, cisternas cargadas de leite provinte de Portugal están a entrar "practicamente a diario" na planta "que o propio presidente galego ten gabado como referente na xeración de valor engadido, innovación e desenvolvemento vinculados á transformación láctea no país". Algunhas desas entradas foron gravadas e son achegadas en forma de vídeo pola organización labrega.
O sindicato agrogandeiro considera "completamente inaceptable" a entrada de materia prima foránea nunha planta "que sustenta o seu desenvolvemento nunha enorme inxección económica da Xunta". "Unha firma que, para máis inri, publicamente fai bandeira do local e que en reiteradas ocasións ten feito bandeira do seu compromiso co sector produtor galego", explica UUAA.
Na visita de Rueda a Inleit en marzo, o presidente da Xunta resaltara a importancia de que os promotores "comprometéronse a seguir mercando gran parte do leite a gandeiros galegos" e o Goberno lembrou que só no 2022 adquiriron máis de 200 millóns de litros a 278 explotacións galegas, ademais de contar tamén cos centros tecnolóxicos galegos para os seus proxectos de I+D.
Agora, UUAA condena unhas importacións que, din, están a producirse "ao mesmo tempo que esta e as demais industrias forzan baixadas de prezo nos contratos de aprovisionamento coas explotacións locais". "Son reducións impostas de maneira unilateral, eludindo a negociación e sen razóns de mercado que as xustifiquen que xa se deron no mes de abril, cando numerosos produtores deixaron de subministrar a Inleit debido ás baixas tarifas que pretendía aplicarlles", denuncia.
UUAA asegura que moitos produtores deixaron de subministrar a Inleit polas baixas tarifas que aplica e acúsaa de ofrecer cinco céntimos menos que outras firmas
A organización agrogandeira advirte de que a última redución imposta polas industrias "supuxo a maior baixada intermensual rexistrada desde 2007 e significou un duro golpe ás ganderías, que se viron forzadas a aceptar un recorte do prezo do leite do 10% que non tivo en conta o aumento dos custos de produción das explotacións".
UUAA explica que, segundo todos os indicadores, esta tendencia á baixa "pretende ser repetida polas industrias na próxima renovación de contratos prevista para agosto", para a que Inleit, lembran, "está a ofrecer tarifas ata cinco céntimos inferiores ás doutras firmas".
"A entrada de leite portugués na planta de Inleit súmase ao regueiro de incumprimentos, abusos e comportamentos moralmente reprobables por parte dunhas industrias lácteas que, cabe lembrar tamén, teñen recorrido no Tribunal Supremo a prohibición de compra a perdas introducida na Lei de Cadea Alimentaria", remata UUAA.
Precisamente, a pasada semana, o BNG instou a Xunta a anular a orde na que se rectificaron as bases para acceder ás axudas de transformación e comercialización de produtos agrarios e que, segundo o Bloque, “xustifica os abusos da industria contra os produtores e produtoras”.
O BNG censura as prácticas de Inleit, "empresa amiga do PP"
O deputado Xosé Luís Rivas, Mini, explicou que a Orde de 30 de decembro e 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para os investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios, cofinanciadas polo FEADER, incluía no artigo 6 a disposición para “non conceder nin pagar axudas a solicitantes ou beneficiarios obxecto de sanción firme grave ou moi grave” co fin de mellorar o funcionamento da cadea alimentaria nos dous anos anteriores á data da solicitude ou pago da axuda.
Rivas explicou que se trataba “dunha medida para evitar abusos da industria sobre o colectivo de produtoras de alimentos e para salvagardar o fondos públicos nas man das industrias que usan prácticas de extorsión”. "Pero, o que a lei non tiña previsto era a sanción da Axencia de Información e Control alimentario á empresa amiga do PP, Inleit, cunha sanción grave de 9.000 euros por irregularidades nos contratos cos produtores de leite".
O BNG acusa a Xunta de modificar unha orde para que a sanción a Inleit por irregularidades nos contratos cos produtores non impedise que recibise axudas públicas
Ante esta circunstancia, destacou o deputado do BNG, a Consellería de Medio Rural "reaccionou o 21 de abril deste ano publicando unha modificación para suprimir o punto 3 do artigo 6 que penalizaba estas prácticas".
Rivas destacou que, malia a sanción, a empresa accedeu nos últimos tempos a axudas de varios millóns por parte da Xunta. Para o nacionalista, a rectificación “interesada” constata a “conivencia do PP con algunhas industrial que levan demostrado un comportamento “desleal” cos produtores lácteos e sitúanos ante unha “chapuza xurídica” modificando unha orde de axudas despois de transcorrido o período de presentación das axudas.