Tractoradas, mobilizacións de gandeiros ante industrias lácteas e protestas do sector cárnico de vacún volven evidenciar a enésima crise gandeira en Galicia
Gandeiros en protesta, tractoradas, baixo prezo percibido polo leite nas explotacións, advertencias do "afogamento" do sector e demandas para o cumprimento da Lei da Cadea Alimentaria. Podería ser hai uns anos, pero volve ser agora, no enésimo episodio dunha crise gandeira sen resolver en Galicia.
Este xoves, ás portas da planta de Lactalis, Unións Agrarias (UUAA) comezou cunha serie de mobilizacións ante a "intolerable actitude das principais industrias lácteas que operan en Galicia" por non cumprir a lei nin trasladar aos produtores "un incremento do prezo do leite que lles permita afrontar a forte suba dos custos de produción que leva meses afogando as granxas".
Ducias de gandeiros e gandeiras (máis de 500 segundo UUAA) sumáronse -xunto á Asociación Agraria de Galicia (Asaga) e o Sindicato Labrego Galego (SLG) a unha concentración para reclamar unha suba do prezo do leite en orixe que cubra unha suba de custos "sen precedentes" e para protestar por incrementos ofrecidos por empresas como Lactalis, de un euro, que son "ridículos" e mesmo "rozan o insulto".
Únense ás marchas que o mesmo sindicato leva días convocando en varias vilas e cidades contra a "grave crise de rendibilidade" do sector cárnico de vacún, á tractorada que Agromuralla levou a Lugo a pasada semana -e que pretende levar agora a Santiago e Madrid- ou á campaña de denuncia das industrias que se negan a subir os prezos que leva a cabo o SLG, que pretende impulsar mocións nos plenos municipais e que reclama "unidade de acción".
A suba dos custos de produción provoca que gandeiros xa vendan a perdas: o incremento dos pensos encareceu en 2,63 céntimos producir un litro de leite
No fondo, a demanda de prezos xustos ante a importante suba dos custos de produción. Importes que permitan aos gandeiros non vender a perdas. Sobrevivir, en definitiva. No sector lácteo, os datos das organizacións agrarias advirten de que só a suba dos pensos no último ano encareceu en 2,63 céntimos a produción dun litro de leite, que se paga a aproximadamente 33 céntimos nas explotacións galegas mentres os custos súbenlles xa aos 40. Segue a ser o importe máis baixo de todas as comunidades autónomas, un céntimo por baixo da media estatal e dous por baixo do que se paga en Asturias.
O incremento no prezo dos pensos ata un 26%, segundo lembra UUAA, supón nas granxas uns 800 euros máis de gasto ao mes para unha explotación que produza arredor de 30.000 quilos mensuais. Ademais, habería que engadirlle os aumentos no importe dos combustibles, na enerxía -que suporían un sobrecusto do 34%- ou dos plásticos e dos fertilizantes, nos que o sector advirte de subas do 50% o vindeiro ano. Todo acentuado coa crise de subministro que empeora aínda máis a situación.
"A suba dos prezos queda nos petos das industrias que se negan a repercutir o incremento dos ingresos nos produtores", di UUAA, que sinala a Lactalis e Larsa
Mentres, segundo as organizacións agrarias, as industrias benefícianse do aumento das cotizacións dos derivados lácteos, con "nove céntimos de ganancia a maiores por cada litro de leite", ademais da revalorización do leite que a distribución impulsa nalgúns putnos de venda. "Unha suba que queda nos petos das industrias que se negan a repercutir este incremento dos seus ingresos no sector produtor", di UUAA, que sinala a Lactalis e Larsa.
Ao tempo, e en consecuencia, seguen caendo explotacións lácteas. Galicia conta agora con 381 menos que hai un ano e queda en 6.476 ao tempo que en 2020 bateu por quinto ano consecutivo a produción leiteira, ao vender case 2,9 millóns de litros fronte aos 2,33 de hai unha década.
Algo semellante ocorre coa produción de carne vacún, que leva anos superando marcas en Galicia (95.600 toneladas en 2020, unhas 10.000 máis que unha década antes tras o récord de máis de 103.000 en 2019) pero co importe recibido polos gandeiros cada vez máis baixo.
Os gandeiros perciben, segundo os sindicatos, 200 euros menos por becerro que antes da COVID; producir un quilo de carne custa entre 50 céntimos e 1 euro máis
Segundo denuncia tamén UUAA, á caída dos prezos en orixe motivada pola pandemia, que segue sen recuperarse, súmaselle agora a suba nos custos de produción. O resultado: 200 euros menos para gandeiros e gandeiras por cada becerro que venden que antes da chegada da COVID, unha perda pola que os afectados piden axudas directas que a compensen.
Nos últimos 17 anos, segundo os datos das organizacións agrarias, o prezo que os gandeiros galegos perciben pola carne que producen aumentou tan só un 12%, mentres o IPC medrou un 33% e os custos de produción das explotacións, un 38%. Así, a tal hora, producir un quilo de carne supón entre 50 céntimos e 1 euro máis, mentres que a baixada de liquidacións nos matadoiros sitúase nun diferencial negativo de arredor dos 40 céntimos respecto á situación prepandemia.
En resumo, producir un quilo de carne custa arredor de 5,50 euros/quilo canal, mentres que as liquidacións non superan os 4,80, tal e como advirte UUAA sobre un probelma que afecta á 11.000 ganderías de vacún -a maioría delas familiares- en Galicia. Estas, xunto ás máis de 6.000 explotacións leiteiras, básicas no país para o mantemento do rural, a prevención dos incendios forestais e como freo do abandono e do recorrente problema do avellentamento e o despoboamento do interior, tal e como destacan as organizacións agrarias.
Así, os sindicatos e o sector piden o auxilio das administracións, Xunta e Estado, e demandan o cumprimento da Lei da Cadea Alimentaria, tanto no sector cárnico de vacún como no sector leiteiro, para que "inclúa obrigatoriamente as subas de custos de produción e se prohiban prezos que supoñan para os produtores a venda a perdas", tal e como reclama o SLG, que propón tamén que a Xunta "non espere máis" para impulsar un programa de apoi ao sector que "inclúa axudas directas" ás granxas de carne e leiteiras.
O Goberno central recoñece que o incremento nos custos de produción poñen "nunha situación moi difícil" aos gandeiros
Precisamente, este mércores, o secretario xeral de Agricultura e Alimentación, Fernando Miranda, reuniuse con todos os axentes na mesa do sector lácteo e recoñeceu a necesidade de "axustar o funcionamento da cadea de valor ao establecido na Lei da Cadea e, de xeito particular, no relativo a respectar os custos de produción e a creación de valor ao longo dos diferentes elos".
O Ministerio recoñece que o prezo en orixe do leite en España está "entre os máis baixos da UE" e que o incremento nos custos de produción -sobre todo na alimentación animal, que supoñen entre o 50 e o 60% dos totais-, poñen nunha "situación moi difícil ás marxes dos gandeiros". "Ademais, a diferenza entre o prezo que cobran os gandeiros españois é cada vez maior con respecto ao que cobran os europeos", asume.
Desde a Xunta, pola súa banda, insístese en sinalar o Goberno central e reclamarlle que garanta uns prezos xustos para agricultore e gandeiros, ademais de asegurar que o Executivo non está a ter en conta as demandas de Galicia.
Segundo a Consellería do Medio Rural, xa en febreiro do pasado ano solicitou ao Ministerio de Agricultura que a cadea de valor construíse o prezo do produto do sector primaria a partiro do custo de produción dos gandeiros para evitar así a venda a perdas, ademais de reclamar unha revisión da normativa para establecer un marco lexislativo que garanta cubrir os custos de produción mais a marxe de beneficio que se determine.