Este mercores o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, presentou a "nova estratexia do sector lácteo" galego, centrada no impulso da I+D+i e na "profesionalización" desta industria, apostando pola diversificación de produto e co obxectivo de chegar a transformar o 75% do leite que se produce no país.
Este mercores o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, presentou a "nova estratexia do sector lácteo" galego
Con esta Estratexia de Dinamización do Sector Lácteo 2020-2025 o Goberno galego busca tamén garantir a continuidade das granxas con viabilidade, creando un Banco de explotacións que acolla as que non teñan relevo e establecendo un programa de preparación para a sucesión. Así mesmo, fomentarase a entrada das cooperativas no capital de novos investimentos industriais en Galicia e apostarase polo "asociacionismo" tanto dos produtores coma dos empresarios.
Non é a primeira vez que nos últimos anos dende o Goberno galego se pon sobre a mesa unha "estratexia" ou un "plan" para relanzar a industria leiteira. Porén, dende os sindicatos agrarios lémbrase que a situación das granxas non mellorou, cun nivel de prezos que se mantén estancado mentres en moitos casos medraron os custos de produción. E, ademais, cunha tendencia continuada ao peche de explotacións, especialmente das máis pequenas, nun claro proceso de concentración.
O SLG denunciou o "triunfalismo inxustificado do Goberno da Xunta, que se esforzou en bosquexar unha imaxe idílica do sector lácteo galego que pouco ou nada ten que ver coa realidade"
A "nova estratexia" anunciada por Alberto Núñez Feijóo foi xa duramente criticada polo Sindicato Labrego Galego, que denunciou o "triunfalismo inxustificado do Goberno da Xunta, que se esforzou en bosquexar unha imaxe idílica do sector lácteo galego que pouco ou nada ten que ver coa realidade". Para o SLG os "anuncios triunfalistas" do Goberno galego contrastan "coa dura realidade do día a día das nosas granxas extorsionadas pola industria, encaixando constantes rebaixas no prezo, obrigadas a producir por baixo dos custes, moitas sen poder acceder a máis base territorial para mellorar o seu sistema de xestión e rendibilidade".
O SLG lembra que o prezo que reciben polo leite os produtores galegos segue estando por debaixo da media do Estado español e é "un dos máis baixos da Unión Europea"
O SLG lembra que o prezo que reciben polo leite os produtores galegos segue estando por debaixo da media do Estado español e é "un dos máis baixos da Unión Europea". O sindicato subliñou, ademais, que "nos últimos meses os contratos estiveron negociándose á baixa, decotío baixo extorsión das industrias en caso de que os labregos e labregas se negasen a falsear a cláusula dos custes de produción".
"Os 32 céntimos por litro dos que se oufanan Feijóo e González están moi lonxe dos 33 que se cobran no conxunto do Estado ou dos 35 de Asturias. Nada que ver co que cobran as granxas nas principais potencias produtoras da UE: Francia (37 céntimos), Italia (35), Holanda (34), Austria (38), Alemaña (33,2) ou Irlanda (36)", di o SLG.
O prezo que reciben os produtores exprimentou subas e baixas nos últimos anos, chegando a roldar os 40 céntimos por litro no ano 2013, pero caendo tamén por debaixo dos 30 céntimos nos anos 2010, 2012, 2015 e 2016. Dende entón mantense máis estable, pero sen superar nunca os 33 céntimos por litro.
O número de explotacións gandeiras galegas que entregan leite pasou de 9.606 a 6.857 nos últimos 5 anos
O SLG afirmou igualmente que "outro dos espellismos nos que porfiou o presidente da Xunta foi o do rexuvenecemento do sector, cun 10% do sector de titulares menores de 30 anos". Porén, o sindicato denuncia que "a sangría de granxas que pechan definitivamente non para de aumentar", pasando en menos de 5 anos de 9.606 a 6.857 o número de explotacións gandeiras galegas que entregan leite. Cando Alberto Núñez Feijóo accedeu á Presidencia da Xunta, en 2009, a cifra de explotacións leteiras roldaba as 13.000.
Fronte a esta redución no número de explotacións gandeiras que entregan leite, a produción total en Galicia mantense estable, cunha lixeira tendencia de ascenso, que fai que se se sitúe nestes momentos algo por debaixo dos 250.000 toneladas ao mes, fronte ás ao redor de 230.000 de hai 5 anos.
"Máis alá do triunfalismo, comprobamos que vén sendo máis do mesmo, que a copla xa soa doutros planos estratéxicos presentados no pasado e que, un tras outro, foron quedando en auga de castañas"
"Máis alá do triunfalismo, a pouco que rañemos nos anuncios feitos, comprobamos que vén sendo máis do mesmo, que a copla xa soa doutros planos estratéxicos presentados no pasado e que, un tras outro, foron quedando en auga de castañas", conclúe o SLG, que resta relevancia a varios dos anuncios realizados esta semana polo Goberno galego, coma a redución da presión fiscal sobre as granxas ou o reforzo da rede de oficinas agrarias comarcais "cando en realidade levamos anos asistindo ao seu completo desmantelamento".
"A tendencia do sector lácteo galego coas políticas da Xunta é a de ir cada vez cara a explotacións máis concentradas, con máis cabezas de gando por granxa e xestionadas con modelos cada vez máis intensivos", denuncia o SLG
Outro dos anuncios realizados pola Xunta foi o de investir para conseguir un sector lácteo máis sostible. Para o SLG este é un obxectivo "loable" pero engade que "nos parece de difícil realización se non se apoian directamente modelos como a gandería ecolóxica ou o pastoreo". Pola contra, lembra o sindicato, "a tendencia do sector lácteo galego coas políticas da Xunta é a de ir cada vez cara a explotacións máis concentradas, con máis cabezas de gando por granxa e xestionadas con modelos cada vez máis intensivos". "Ese modelo axuda a que cada vez quede menos xente no rural, destruíndose emprego agrario, e recorre a prácticas menos sostibles para o medio ambiente", conclúe o SLG.
O número de granxas con máis de 100 vacas duplicouse entre 2009 e 2019
En efecto, en paralelo coa redución no número de explotacións gandeiras que entregan leite vén producíndose unha tendencia á concentración da produción en cada vez menos granxas que teñen un número de vacas maior. Así, mentres a cifra de explotacións con menos de 10 animais descendeu de forma moi importante nos últimos anos, ata ser case testemuñais no país (pasaron de 1.581 a 242 na última década), o número de granxas con máis de 100 vacas duplicouse entre 2009 e 2019, pasando de 850 a máis de 1.500.
O número total de explotacións gandeiras (non só leiteiras) reduciuse en todos os concellos do país, pasando de 47.000 a menos de 31.000 en toda Galicia. O descenso produciuse en todas as localidades, tanto as eminentemente gandeiras como en aquelas que xa contaban cun número reducido de granxas. O número de vacas, en cambio, mantívose relativamente estable, apenas cunha pequena diminución nos últimos dez anos.