A planta de produtos lácteos construída pola empresa InLeit -inicialmente denominada GoodLeit- no polígono industrial de Teixeiro (Curtis) recibiu aval da Xunta dende o seu inicio. O propio Alberto Núñez Feijóo se implicou persoalmente na promoción do proxecto en vésperas das eleccións de 2016, cando a compañía bosquexaba un plan industrial que aínda transitaría por diversas mudanzas nos anos seguintes.
A Xunta promocionou abertamente a implantación de InLeit, que agora di verse "abocada" á rebaixa de prezos aos gandeiros por mor da pandemia e pide "marxe de tempo" para poder "encarar o máis que próspero futuro" que augura para o proxecto empresarial
Alén deses avatares, a fábrica de InLeit botou a andar e fíxoo sinalando que o seu despregamento traería consigo diversas vantaxes para os gandeiros. Entre outras, un prezo mínimo garantido de 29 céntimos por litro de leite máis diferentes suplementos, que protexería as explotacións dos "máis que posibles vaivéns do mercado". Pero, como informou Campo Galego, o pasado xuño ata 146 granxas recibiron unha carta de InLeit comunicando unha rebaixa de prezos que a empresa atribúe aos efectos da crise do coronavirus, pero que para varios sindicatos agrarios é unha manobra irregular e sen relación ningunha coa pandemia.
InLeit asegurou verse "abocada" a "propoñer modificar de mutuo acordo e de maneira temporal" os contratos pechados cos gandeiros. As razóns alegadas foron o impacto da pandemia no mercado dos produtos lácteos a nivel internacional, pero tamén as "dificultades para a finalización da fábrica" en Teixeiro. Por iso, argumentou, solicitou dos gandeiros "marxe de tempo" para "encarar o máis que próspero futuro que nos espera a medio e longo prazo, cita Campo Galego.
Denuncias formais e lembranzas do apoio da Xunta
As misivas de InLeit tiveron a súa resposta dende varios sindicatos e plataformas agrarias durante todo o mes de xullo. Pola vía da crítica pública, pero tamén a través dunha denuncia ante a Axencia de Información e Control Alimentario (AICA), dependente do Ministerio de Agricultura, formulada polo sindicato Unións Agrarias.
"Esta práctica é a todas luces contraria á normativa vixente que se recolle na lei da cadea alimentaria", di Unións Agrarias
InLeit, acusa UU.AA., modifica os prezos e propón unha entrada en vigor -1 de xullo de 2020- que "en moitos casos" mesmo é "posterior á recepción da comunicación por parte do gandeiro", ademais de "reducir a duración do contrato a 3 meses, incumprindo o mínimo dun ano". "Esta práctica é a todas luces contraria á normativa vixente que se recolle na lei da cadea alimentaria", acusa Unións Agrarias, que tamén reclama unha investigación que "garanta o anonimato" dos gandeiros para "comprobar a veracidade do mutuo acordo" ao que alude InLeit, pero "evitando represalias".
Agromuralla ve unha "escusa" as alusións á pandemia e acusa a InLeit de "coaccións" aos gandeiros
Deses acordos recea igualmente a asociación lucense Agromuralla. Non existiron "acordos", asegura o seu presidente, Roberto López, senón "coaccións intolerables aos produtores aos que recollen o leite" para "rachar os contratos asinados en marzo e cambialos por outros con peores condicións". "A empresa leva semanas celebrando reunións individuais cos gandeiros para presionalos e que acepten as rebaixas", asegura López
Para Agromuralla, que InLeit aluda á crise do coronavirus non é máis ca unha "escusa", algo co que concorda Unións Agrarias. "Dicir, tal e como afirman nun burofax aos gandeiros, que a crise do coronavirus afectou á comercialización e ao prezo do leite e derivados nos supermercados, non se sostén só co revisar calquera ranking oficial de consumo dos fogares ou mesmo o IPC" dos últimos meses.
"Non é unha empresa calquera, é unha que o señor Feijóo anunciou como se fose o Plan Marshall para os sector lácteo galego", di a Fruga
"Do mesmo xeito -agregan- cando Inleit fala de que as cotizacións baixaron, debe saber que o prezo do leite non depende só do desnatado en po" e mesmo así, manteñen, as caídas son inferiores que ás aludidas pola empresa. "Non estamos ante unha situación de forza maior, a industria alimentaria non foi confinada", polo que para este sindicato máis ben semella "unha deficiencia de planificación e do seu produto".
Tamén a Federación Rural Galega (Fruga) censura a baixada de prezos e faino lembrando, ademais, o apoio da Xunta a InLeit. "Non estamos a falar dunha empresa láctea calquera, senón dunha que o señor Feijóo visitou o pasado 23 de xuño anunciando unha recollida diaria de 700.000 litros e que, dende o primeiro momento, anunciou como se fose a chegada do Plan Marshall para o sector lácteo galego". "Eran frecuentes as xuntanzas de alcaldes do PP con gandeiros dos seus concellos para comentarlles as grandezas deste proxecto", asegura Fruga. Neste sentido, UU.AA. di intuír que as "substanciosas subvencións" coas que a Xunta "regou" a InLeit non levaron aparellados os "controis oportunos".