Na última década Galicia perdeu un terzo das súas explotacións de gando bovino, dende as 51.796 que había no ano 2007 ata as 34.440 que existen na actualidade. Un descenso de máis de 17 mil granxas que se mantivo o pasado ano, cunha nova redución, de ao redor de 800. O descenso é aínda maior se comparamos a cifra actual coa que se daba no ano 2002 (63.414).
A tendencia é que desparezan as explotacións de menor tamaño; por exemplo, hoxe hai 5.535 granxas menos de unha ou dúas vacas que no ano 2007. E, pola contra, increméntanse as de máis de 100 animais. Isto fai que o número total de vacas nas granxas galegas sexa hoxe (536.948) moi semellante ao de hai unha década (551.291) e que a cifra total de cabezas de gando bovino sexa mesmo superior (960.413) ao de 2007 (954.325).
Cambia, pois, o mapa e a destribución das granxas, que en determinadas comarcas antes se multiplicaban por todo o territorio e que agora tenden a concentrarse en empresas dun tamaño meirande. Atendendo aos datos por concellos, observamos que o descenso no número de explotacións é xeral, pero afecta en maior medida ás provincias da Coruña (-37%), Ourense (-39%) e Pontevedra (-37%) e moito menos ás comarcas lucenses (-27%).
Se nos fixamos unicamente nas comarcas nas que as explotacións de gando vacún teñen unha maior importancia, atopamos grandes diferenzas entre o comportamento de Lugo (-23%), Os Ancares (-20%) ou Sarria (-20%), con descensos menores; o de Terra Cha (-29%), Terra de Melide (-26%) ou Arzúa (-30%), aínda por debaixo da media galega; e os de Santiago (-45%), Betanzos (-36%), Ordes (-34%) ou Bergantiños (-45%). En calquera caso, os descensos máis significativos danse en comarcas (O Morrazo, O Salnés, A Coruña, Pontevedra, Muros...) nas que as granxas bovinas xa eran previamente menos numerosas. Nestas zonas practicamente se reduciron á metade dende o ano 2007.
Así pois, o mapa resultante da distribución das explotacións de gando bovino por concellos é moi semellante ao de hai unha década, pero consolídase a tendencia á á súa concentración nunhas comarcas determinadas, no centro da provincia de Lugo (Terra Cha, Lugo, Sarria, Os Ancares, A Ulloa, Chantada...), no interior da da Coruña (Arzúa, Terra de Melide, Santiago, Betanzos, Xallas...) e tamén nas pontevedresas Deza e Tabeirós-Terra de Montes.
Lalín, Vilalba, A Estrada, Lugo, Santa Comba, Sarria, Friol, Silleda, Mazaricos, A Pastoriza, Ordes e Arzúa son, por esta mesma orde, as doce localidades cun maior número de granxas, superando as 700 nos casos de Lalín e Vilalba.
A relación de concellos cun meirande número de vacas é semellante e está encabezado por Lalín con 15.116, aparecendo despois A Pastoriza, Mazaricos, Sarria, Castro de Rei, Santa Comba, Vilalba e Friol, con máis de dez mil animais en cada caso.