Mexillón en risco pola contaminación e importacións sen control: "Non pedimos privilexios, só xustiza"

Manifestación contra Altri na Pobra do Caramiñal © Altri Non

O ouro negro das rías galegas está en crise, co seu gran potencial (dá traballo a 12 mil persoas) ameazado por un un contexto interno e externo cada vez máis difícil

O sector galego do mexillón vive un momento transcendental para o seu futuro. A produción do ouro negro das rías galegas -especialmente na Ría de Arousa- dá traballo a unhas doce mil persoas no país e xera 160 millóns de euros de beneficios. Pero este potencial, fundamental para moitas comarcas litorais, vese ameazado por un contexto interno e externo cada vez máis difícil.

A produción do bivalvo cultivado nas bateas das rías do país, principalmente na de Arousa, leva anos en descenso e caeu en 2023 e 2024 ao mínimo (ao redor de 178 mil toneladas), despois de moverse entre 2014 e 2021 sobre as 250 mil. 

Internamente, son moitas as voces que alertan, sobre todo, das ameazas ambientais para as rías galegas, especialmente para a Ría de Arousa. Preocupa o quecemento das augas, motivado polo cambio climático, a falla de saneamento das rías e o efecto de vertidos industriais, presentes e futuros, coa sombra da instalación de Altri no Ulla no horizonte, aínda que Altri non é a única ameaza ambiental que paira sobre o mexillón.

"O sector leva anos competindo en desvantaxe mentres entra produto chileno sen aranceis nin información clara ao consumidor", alerta Ricardo Herbón, de Opmega

No exterior, medra a competencia internacional para os produtos galegos do mar, tanto por parte de Chile, cunha industria en crecemento, coma de países asiáticos. A competencia é inevitable, pero os produtores galegos reclaman que esta sexa "xusta", con iguais regras para todos, e neste senso esixen maiores controis e trazabilidade para evitar a invasión de produto foráneo de peor calidade que non tivo que pasar polas mesmas esixencias de calidade.

Como destaca Uxío Labarta, profesor de investigación no CSIC, o mexillón galego é moito máis que un produto, senón que constitúe "un ecosistema en si mesmo", un "modelo sostible que conecta economía, medio ambiente e cultura". As bateas son unha das grandes achegas de Galicia en materia de I+D, un know-how que supuxo unha revolución no pasado e que permitiu consolidar un sector que agora se enfronta a grandes retos. Con dificultades, pero tamén con oportunidades, ao destacar os expertos as potencias do mexillón como produto sostible, saudable e que pode achegar grandes cantidades de proteína con menor pegada medioambiental.

Competencia "inxusta"

“Non estamos pedindo privilexios. Só pedimos que non se premie a quen fai trampas. Porque se todo vale, o que está en risco non é só o noso sector: é a confianza da xente no que come”, engade

Opmega -Organización de Productores de Mexillón de Galicia, que agrupa produtores de todas as rías galegas cun total de 579 bateas- non lle teme á competencia, pero esixe que esta sexa "xusta". "Non se pode falar de competencia xusta cando as regras só se aplican a unha parte", di Ricardo Herbón, presidente da entidade, que leva anos denunciando a falta de control e trazabilidade do mexillón importado e sinala que "o sector leva anos competindo en desvantaxe mentres entra produto chileno sen aranceis nin información clara ao consumidor".

A organización galega de produtores alerta de que mentres o mexillón galego debe cumprir cunha importante serie de esixencias de control e calidade, "ambientais, sanitarias, de calidade, de etiquetado…", estas non se aplican ao importado. "Non é só unha cuestión de prezos. É, sobre todo, un desgaste constante para quen fan as cousas ben e ven como o seu produto perde valor fronte a outro que parece o mesmo, pero non o é", di Herbón. “Non estamos pedindo privilexios. Só pedimos que non se premie a quen fai trampas. Porque se todo vale, o que está en risco non é só o noso sector: é a confianza da xente no que come”, engade.

En xullo, representantes de Opmega estiveron en Bruxelas para manter encontros con representantes da Unión Europea e trasladarlles a súas demandas. "As institucións europeas amosaron interese e vontade de escoitar, pero mudar certas dinámicas non é doado", sinalan dende Opmega, que reclama que "isto non pode quedar nunha rolda de boas intencións. Fan falla decisións claras, visibles e efectivas".

As demandas do sector mexilloeiro galego céntranse, sobre todo, na necesidade de que os mexillóns que cheguen de fóra da Unión Europea, particularmente dende Chile, estean obrigados a pasar polos mesmos controis que os galegos. E, ademais, que se etiqueten correctamente

As demandas do sector mexilloeiro galego céntranse, sobre todo, na necesidade de que os mexillóns que cheguen de fóra da Unión Europea, particularmente dende Chile, estean obrigados a pasar polos mesmos controis de salubridade e calidade que os galegos. E, igualmente, que se garanta a trazabilidade e o correcto etiquetado de todos os produtos. É dicir, que os consumidores saiban que mexillón están mercando e comendo.

Está a entrar en Europa unha gran cantidade de mexillón procedente de Chile e faino sen aranceis que protexan a produción galega, debido á aplicación do acordo comercial UE-Chile. No ano 2024 o valor das importacións de mexillón chileno a España roldaron os 80 millóns de euros, fronte aos 45 millóns do ano anterior. Como referencia, o valor total da produción galega estivo nos 128 millóns de euros.

Ademais, o problema intensifícase xa que hai industrias comercializando mexillón de Chile sen facer constar expresamente que o é. Isto é ilegal por varios motivos, comezando porque a normativa só permite empregar a a denominación mexillón para os produtos elaboradas coas especies Mytilus edulis e Mytilus galloprovincialis (o que se cría en Galicia).

En cambio, o mexillón que se produce en Chile é outra especie (Mytilus chilensis), que non cumpre coas mesmas normas de calidade, e non pode ser chamado simplemente mexillón, senón que no etiquetado debe figurar claramente "Mexillón Chileno” ou “Chorito”, que é como se coñece habitualmente.

Ana Miranda (BNG) alerta da "competencia desleal" provocada polo acordo comercial con Chile, que permite que as importancións de mexillón chileno estean libres de aranceis, desprotexendo o produto galego

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, que en xullo se reuniu con representantes de OPMEGA no marco da visita realizada por estes ás institucións comunitarias, concorda coas súas preocupacións e demandas. “Galiza foi sacrificada pola Unión Europea, polo Estado e pola Xunta, deixando o sector do mexillón abandonado fronte a competencia do mexillón chileno que está entrando sen aranceis dentro do marco de acordo Unión Europea-Chile", sinala a eurodeputada nacionalista.

Miranda alerta de que a venda do mexillón galego "está sendo moi afectada pola competencia desleal co acordo con Chile, xa que as importacións están libres de aranceis de forma que se favorece a importación de mexillón de Chile sen que Europa protexa o seu produto, neste caso o mexillón de Galiza". “Temos que protexer o noso produto, do que viven moitas vilas altamente dependentes da pesca e do sector conserveiro”, engade.

"O consumidor ten dereito a saber que compra, e os produtores temos dereito a competir en igualdade de condicións. Non pedimos privilexios, senón xustiza e recoñecemento ao esforzo de milleiros de familias que sosteñen o mexillón galego", afirma Herbón

A cuestión da etiquetaxe é fundamental. Opmega valora "moi positivamente" o recente encontro mantido con representantes de ANFACO, a patronal conserveira, en Vilagarcía de Arousa e no que se debateu a necesidade de apoiar o proxecto de Real Decreto que regula as denominacións comerciais e as denominacións de alimentos conservados e preparados.

Para Ricardo Herbón, "o Real Decreto permitirá disipar dúbidas no mercado, garantirlle ao consumidor unha información veraz e reforzar a posición de quen traballamos con transparencia e calidade”. Opmega anima á ANFACO "a favorecer mesmo unha aplicación anticipada entre os seus asociados, o que enviaría unha mensaxe clara de unidade e responsabilidade ao conxunto do sector e á sociedade" e incide en que esta "posición compartida" serviría para "reforzar a competitividade da cadea de valor no seu conxunto".

"O consumidor ten dereito a saber que compra, e os produtores temos dereito a competir en igualdade de condicións. Non pedimos privilexios, senón xustiza e recoñecemento ao esforzo de milleiros de familias que sosteñen o mexillón galego", afirma Herbón.

Ameazas ambientais para a Ría de Arousa

En 2023 e 2024 a produción de mexillón experimentou "un forte descenso ata niveis non vistos desde finais do século XX", debido a "factores climáticos como o aumento da temperatura do mar, a acidificación oceánica e os cambios nos patróns de afloramento"

Porén, os problemas non só son externos e relacionados coa comercialización e a competencia desleal, senón que comezan no interior, e na propia produción nas rías galegas. En 2023 e 2024 a produción de mexillón experimentou "un forte descenso ata niveis non vistos desde finais do século XX", sinalaron expertos do CSIC nunha investigación, na que explicaban que aínda que "as causas exactas non están claras", crese que "factores climáticos como o aumento da temperatura do mar, a acidificación oceánica e os cambios nos patróns de afloramento poden ser claves".

O sector marisqueiro no seu conxunto ten unha particularidade: as súas producións dependen en extremo das condicións climatolóxicas e medioambientais. Os bivalvos medran nas augas e polo tanto o nivel de contaminación determina a súa saúde e a calidade, o mesmo que a propia temperatura do mar, que está condicionada por ventos e polo impacto do cambio climático e da presión humana sobre as rías.

A riqueza das rías galegas procede en boa medida do sistema de afloramento costeiro, que achega nutrintes esenciais. Pero a sostibilidade a longo prazo do tesouro que Galicia ten nas súas augas litorais dependerá da correcta xestión que delas se faga, da protección ante ameazas ambientais e da posta en marcha de estratexias adaptativas fronte ao cambio climático.

Bateas na ría de Arousa © Opmega

"A concentración de industrias contaminantes nesta zona poría en risco a calidade das nosas augas e a viabilidade dun sector que dá emprego a miles de familias. Non imos permitir que se intensifique a presión industrial nun espazo tan fráxil e esencial para a nosa actividade", din dende Opmega

Evidentemente, a ameaza de Altri paira no horizonte e nesas ameazas ambientais do sector mexilloeiro da Ría de Arousa, debido á presión que o contestado proxecto exercería sobre as augas do río Ulla. A planta de Greenfiber prevé captar diariamente 46 mil metros cúbicos de auga, dos que vertería 30 mil ao río que leva as súas augas A Ría de Arousa, acompañados de 65 toneladas diarias de contaminantes.

"A concentración de industrias contaminantes nesta zona poría en risco a calidade das nosas augas e a viabilidade dun sector que dá emprego a miles de familias. Non imos permitir que se intensifique a presión industrial nun espazo tan fráxil e esencial para a nosa actividade", din dende Opmega. Porén, non é Altri a única ameaza ambiental para o sector mexilloeiro, que nos últimos anos vén mobilizándose contra este proxecto, pero tamén contra outras fontes de contaminación para a ría.

Entre elas destaca o proxecto de reapertura da mina de cobre de Touro, co risco de vertidos de metais pesados aos ríos Lañas e Brandelos, afluentes do rio Ulla. Tamén a eólica mariña, pois se proxecta a creación de seis polígonos eólicos na Demarcación Noratlántica, situado fronte á costa galega e en caladoiros de pesca.

Organizacións de bateeiros denuncian tamén "o deficiente saneamento da ría de Arousa pola incapacidade da Xunta de dar solución eficaz tanto á xestión das augas residuais de orixe urbano como ás verteduras das instalacións industriais"

Colectivos sociais entre os que figuran as principais organizacións de bateeiros denuncian tamén "o deficiente saneamento da ría de Arousa pola incapacidade da Xunta de dar solución eficaz tanto á xestión das augas residuais de orixe urbano como ás verteduras das instalacións industriais". Así mesmo, alertan da "moi deficiente transparencia e información pública dispoñible sobre a calidade da auga", sen información aberta en tempo real que si existe noutros territorios.

Tamén advirten sobre as eivas de información sobre o caudal dos ríos que verten as súas augas ás rías. A calidade das augas nas que medra o mexillón (a súa salinidade, temperatura...) depende de que as achegas de auga doce estean controladas, evitando por exemplo os vertidos excesivos procedentes dos encoros. As organizacións galegas de bateeiros denuncian que "non existe un protocolo de desencoros que evite a elevada mortaldade de bivalvos ocasionada pola forte baixada de salinidade nos meses de choivas intensas".

Outro dos elementos de denuncia dos bateeiros galegos está na existencia dun punto de vertido de dragados portuarios en Sálvora, situado na canle de entrada das augas oceánicas responsables do afloramento que dá riqueza ás augas arousás. Ademais, os residuos vertidos neste lugar están sometidos a fortes correntes de marea que trasladan os lodos contaminados cara ao interior da ría.

As organizacións de bateeiros demandan "unha acción conxunta de saneamento e rexeneración" das augas da Ría de Arousa pois alertan de que "a menor taxa de renovación das augas da ría provoca un maior impacto da contaminación das EDAR e dos vertidos das fábricas".

Manifestación contra Altri na Pobra do Caramiñal © Greenpeace

Un futuro para o mexillón galego

O mexillón "non só é recurso económico, senón tamén un piar ecolóxico e social que achega múltiples beneficios", sinala Opmega, que reclama a "necesidade de anticiparse aos retos con máis ciencia, máis formación e máis innovación"

A pesar das grandes ameazas que pairan sobre a produción marisqueira galega e, en concreto, sobre o sector do mexillón, as organizacións de produtores poñen o foco na enorme potencialidade das rías galegas, un tesouro que debe ser protexido e coidado, e tamén na innovación.

Esta énfase pola innovación e polo afondamento nas potencialidades dos produtos do mar cultivados en Galicia domina as actividades de Opmega e outras organizacións, por exemplo nas xornadas de traballo que a entidade organiza anualmente e nas que se incide en que o mexillón "non só é recurso económico, senón tamén un piar ecolóxico e social que achega múltiples beneficios".

Por exemplo, os mexillóns supoñen unha extraordinaria maneira de xerar proteínas cun menor impacto sobre o medio ambiente. Neste senso, o biólogo mariño Xabier Irigoien, do centro AZTI do País Vasco, ten salientado o mexillón como unha “infravalorada dieta milagrosa" pois os mexillóns, ricos en vitaminas e minerais, son unha das fontes de proteínas máis saudables e tamén de ácidos graxos esenciais como os Omega-3 e cun impacto en emisións de CO2 por tonelada de proteína producida "insignificante".

Unha batea na ría de Arousa © Opmega

"Hai que seguir innovando sen perder a identidade, e manter a unión como sector ante os desafíos presentes e futuros", di Ricardo Herbón

"A pesar de todos estes beneficios nutricionais e da súa sustentabilidade ambiental, o mexillón non recibe o recoñecemento adecuado, merece ser moito máis valorado e promovido. Incorporar mexillóns na nosa dieta non só é unha elección intelixente para a nosa saúde, senón tamén unha decisión responsable para o benestar do planeta", sinala Irigoien.

Ademais, as bateas favorecen a biodiversidade ao crear hábitats mariños e o cultivo do mexillón funciona como filtrador para as augas, mellorando a súa calidade, unha característica que ademais converte os bivalvos en bos sentinelas da presenza de contaminantes e do estado xeral das rías.

Ricardo Herbón, de Opmega defende a aposta por "un enfoque ecosistémico que compatibilice a actividade produtiva co respecto polos equilibrios naturais das rías" e reclama a "necesidade de anticiparse aos retos con máis ciencia, máis formación e máis innovación". As bateas son un exemplo de I+D que aproveita o saber tradicional e a riqueza do medio. Se isto funcionou no pasado, está indicando o camiño: "hai que seguir innovando sen perder a identidade, e manter a unión como sector ante os desafíos presentes e futuros", di Herbón.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.