A marcha, que xa estaba convocada, pero que ante o paso adiante dato polo Goberno galego incrementa a súa oportunidade e urxencia, busca ser unha “resposta contundente” á autorización da Xunta a Altri
Os vindeiros meses prometen ser un tempo de masiva contestación social contra o proxecto de Altri, ao que a Xunta concedeu a pasada semana autorización ambiental e que agora depende da aprobación do Goberno central. Xa esta fin semana Arzúa, Agolada, Palas de Rei, Antas de Ulla, Monterroso, Melide, Agolada, Santiso ou Pontevea acolleron concentracións de protesta e a cita agora é o vindeiro sábado 22 na Pobra do Caramiñal, nunha manifestación convocada pola Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA) e apoiada pola Plataforma Mina de Touro-o Pino NON e a Plataforma Ulloa Viva.
A marcha, que xa estaba convocada, incrementa a súa oportunidade e urxencia ante o paso adiante dato polo Goberno galego e busca ser unha “resposta contundente” á autorización da Xunta a Altri, segundo destacaron este luns na Pobra as entidades que impulsan a mobilización, que tamén denunciará a reapertura da Mina de Touro-O Pino.
Será, ademais, unha marcha singular, que unirá a protesta en terra e mar, coa participación prevista de máis de 500 embarcacións, que chegarán dende diferentes puntos da Ría de Arousa. En xuño do pasado ano unha manifestación marítima acompañou a chegada á ría do buque de Greenpeace Arctic Warrior, nun acto que xa se converteu nunha protesta contra o proxecto de Altri.

Espérase a participación de máis de 500 barcos no mar e de milleiros de persoas en terra
Centos de barcos no mar e milleiros de persoas en terra buscarán amosar a “contestación social” e "a loita de todo un país" contra a “depredación industrial que a Xunta de Galicia entende por progreso”, sinalou na rolda o presidente da PDRA, Xaquín Rubido, que denunciou que “a decisión da Xunta é unha decisión política que pretende impoñernos un modelo industrial para Galiza que non ten o apoio da maioría da sociedade galega e pon en risco a nosa soberanía alimentaria”.
"Este modelo industrial que a Xunta quere impoñer á forza” vai causar “un dano irreparábel no noso tecido produtivo do marisqueo, a agrogandeiría e o turismo sostible, coa conseguinte perda de postos de traballo e de calidade de vida”, di Xaquín Rubido, presidente da PDRA
"Na Ría de Arousa queremos mariscar e producir mexillón", destaca un dos lemas da PDRA para a mobilización. E nese senso Rubido alertou de que "este modelo industrial que a Xunta quere impoñer á forza” vai causar “un dano irreparábel no noso tecido produtivo do marisqueo, a agrogandeiría e o turismo sostible, coa conseguinte perda de postos de traballo e de calidade de vida”.
Rubido falou dun “modelo excluínte” que “consume e contamina as nosas augas nun escenario de cambio climático, que detrae os nosos recursos para favorecer a multinacionais que se levan os beneficios para fóra da Galiza e nos deixan a contaminación para sempre”.
A PDRA reclama a declaración de interese xeral para o sector do mar e unha mellora da trazabilidade para protexer a produción galega. En relación a ALTRI, alerta de que "o enorme consumo de auga" pode diminuír o caudal do río Ulla e "aumenta o impacto das verteduras"
A PDRA reclama dende hai anos a declaración de interese xeral para o sector do mar, unha mellora da trazabilidade para protexer a produción galega ou o fomento do calor engadido dos produtos do mar con orixe en Galicia. Así mesmo, demanda o saneamento integral das rías e a rexeneración dos bancos marisqueiros. Ademais, é tallante na necesidade de prohibir as industrias contaminantes que poñan en risco "a calidade das nosas augas".
En relación a ALTRI, lenbra que as augas residuais da factoría en proxecto serán vertidas ao río Ulla, que leva á Ría de Arousa, onde esas augas chegan 24 horas despois. Ademais, alerta de que "o enorme consumo de auga" previsto polo proxecto de ALTRI "diminúe o caudal do río" e "aumenta o impacto das verteduras, comprometendo a súa calidade".
As entidades que impulsan a mobilización deste sábado destacan que a protesta vai ser “a resposta social á decisión política da Xunta e o termómetro do rexeitamento da sociedade”
O presidente da PDRA estivo acompañado na rolda por polo patrón maior de Rianxo, Miguel Iglesias, por María José Cancelo da Plataforma Mina de Touro-o Pino NON, e Pilar Naveira da Plataforma Ulloa Viva, que subliñaron que “estes dous proxectos industriais que a Xunta considera estratéxicos comprometen a auga do río Ulla e da ría de Arousa e a viabilidade do sector marisqueiro e do agrogandeiro”, contituíndo “unha hipoteca para os nosos recursos os vindeiros 75 anos”.
As entidades que impulsan a mobilización deste sábado destacan que a protesta vai ser “a resposta social á decisión política da Xunta e o termómetro do rexeitamento da sociedade”. “A súa maioría parlamentaria non o lexitima para mudar o noso modelo produtivo e comprometer ás futuras xeracións hipotecándolles a auga”, dixo Rubido.
No caso da reapertura da Mina de Touro, lembraron que o mesmo proxecto que a Xunta rexeitou cunha DIA negativa no 2020 “agora resulta que é estratéxico” desde o pasado 24 de xuño de 2024.
A manifestación será "unha chamada de atención e a reclamación ao Goberno de España para que non facilite o financiamento público nin do Estado nin da Unión Europea”
Ademais, apuntaron que a manifestación será "unha chamada de atención e a reclamación ao Goberno de España para que non facilite o financiamento público nin do Estado nin da Unión Europea”.
O presidente da PDRA fixo fincapé tamén na sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, coñecida a pasada semana, que anulou varios artigos do decreto co que a Xunta realiza as súas tramitacións ambientais, coma as aprobadas para o proxecto de Altri e a Mina de Touro. O Goberno galego deixou nas mans das empresas consideradas "entidades de colaboración ambiental" toda "a tramitación da avaliación ambiental", con "carácter estrutural" e sen "mecanismos de control por funcionarios públicos", detallou o ditame do TSXG.
Sábado ao mediodía
A manifestación terrestre comeza ás 12 na Estación de Autobuses. A marítima está convocada para as 12.30 na Enseada da Pobra. O manifesto lerase ás 12.45
A dobre mobilización, por terra e mar, está convocada para o mediodía do sábado 22 de marzo. Ás 12 do mediodía iniciarase a marcha dende a Estación de Autobuses da Pobra do Caramiñal, que percorrerá as rúas da vila ata o Porto, onde se unirá á manifestación marítima, convocada para as 12.30, momento no que chegarán as embarcacións, que serán divididas en dúas zonas. A lectura do manifesto está prevista para as 12.45.
O patrón maior de Rianxo explicou na rolda de prensa o dispositivo que desenvolverá a marcha marítima, cuxa organización foi consensuada con Capitanía Marítima.