As vilas non se renden: miles de persoas saen á rúa contra Altri

Protesta con Altri, este domingo, en Pontevea. CC-BY-SA Cedida

O epicentro destas protestas foi Arzúa, onde esta fin de semana se celebra a 50 edición da súa Festa do Queixo. Pancartas e colectivos contra Altri e a Mina de Touro ou berros de “A auga é nosa e non da celulosa” , abarrotaron a Praza de Galicia

Grupos Vivos contra Altri por todo o país saíron hoxe ás rúas de máis dunha ducia de concellos para protestar contra o proxecto da macrocelulosa de Altri en Palas de Rei e a Declaración de Impacto Ambiental (DIA) positiva a este proxecto que a Xunta de Galicia emitiu no Diario Oficial de Galicia (DOG) o pasado venres 14 de marzo. 

O epicentro destas protestas foi Arzúa, onde esta fin de semana se celebra a 50 edición da súa Festa do Queixo. Na Praza de Galicia, ás doce do mediodía varios grupos vivos uníronse nunha concentración multitudinaria convocada por Arzúa Viva. Pancartas e colectivos contra Altri e a Mina de Touro, berros de “A auga é nosa e non da celulosa” ou “Nin Altri nin Mina, Rueda contamina”, abarrotaron a Praza de Galicia de Arzúa, coa presenza tamén de grupos vivos doutros concellos afectados como Santiso e Vila de Cruces.

Mobilización contra o proxecto de Altri en Arzúa, este domingo 16 de marzo. CC-BY-SA Cedida

O voceiro de Arzúa Viva, Armando Carril, asegurou que “imos parar este proxecto” e amosou o respaldo e a contestación social coma un dos avais no futuro desta loita.A pesares da aprobación da DIA o pasado 14 de marzo, Carril lembrou que “imos seguir loitando e reivindicando” fronte a unha Xunta de Galicia “que leva meses facendo de comercial de Altri e desoíndo á veciñanza”. Agora ábrese unha nova vía nesta loita, segundo explicaron os voceiros dos grupos vivos ainda que a DIA non se pode recurrir administrativa nin xudicialmente, o seguinte paso é a Autorización Ambiental Integrada (AAI), contra a que caberán no seu caso os primeiros recursos vía administrativa e xudicial, segundo explicou o voceiro de Santiso Vivo, Serxio Núñez.

Foi Santiso o concello máis madrugador nas convocatorias de hoxe contra a DIA da Xunta a Altri. Ás once da mañá, fronte ao antigo concello, centos de veciñas e veciñas xuntáronse para expresar o seu rexeitamento á primeira autorización que o proxecto da pasteira portuguesa recibe da Xunta de Galicia. Ás doce do mediodía producíronse concentracións multitudinarias en Arzúa, Palas de Rei, Antas de Ulla, Monterroso, Melide, Agolada, Pontevedra, Redondela, Padrón. 

Concentración en Agolada contra Altri. CC-BY-SA Cedida

En Pontevea o colectivo Ulla Vivo reuniu aos concellos de Teo, A Estrada, Vedra e Boqueixón nunha concentración multitudinaria que colapsou a ponte e reuniu a preto de 2.000 persoas

En Pontevea o colectivo Ulla Vivo reuniu aos concellos de Teo, A Estrada, Vedra e Boqueixón nunha concentración multitudinaria que colapsou a ponte e reuniu a preto de 2.000 persoas. Suso de Toro e Mabel Ribera leron o manifesto nun ambiente festivo e reivindicativo onde todos os presentes lembraron a importante cita na Pobra do Caramiñal o vindeiro domingo 22 de marzo. 

En Monterroso, o seu grupo vivo valorou moi positivamente a grande participación da veciñanza na concentración celebrada diante do Concello. Inma Castro, voceira de Monterroso Vivo destacou ademais que se sumaron a esta convocatoria veciñas e veciños de concellos limítrofes coma Portomarín e Taboada, que tamén expresaron o seu rexeitamento á macrocelulosa de Altri en Palas de Rei.

Nas concentracións lembraron que “a loita continúa” a pesares da autorización da Xunta e chamaron á cidadanía a seguir protestando na manifestación do o vindeiro 22 de marzo na Pobra do Caramiñal

En todas as concentracións os grupos vivos contra Altri lembraron que “a loita continúa” a pesares da “esperada” autorización da Xunta, criticaron unha tramitación “irregular e obscurantista” e chamaron á cidadanía a seguir protestando contra a macrocelulosa de Altri e a Mina de Touro na manifestación convocada pola Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA) o vindeiro 22 de marzo na Pobra do Caramiñal. “Imos encher a Pobra coa dignidade e o orgullo de todo un pobo que non se rende e que conseguirá parar esta macrocelulosa”, sinalaron os voceiros nas concentracións. 

Reaccións do mundo da cultura

Desde que o pasado venres a Xunta deu o primeiro visto e prace ambiental ao proxecto da macrocelulosa en Palas están sendo constantes e públicos os posiconamentos na contra tamén desde o eido cultural como aconteceu na gala dos premios Mestre Mateo en Lalín o sábado ou mesmo no concerto de Fermín Muguruza, en Santiago onde foron constantes os cánticos e as pancartas."A Xunta non pode calar un pobo enteiro. Altri non!", dixo o artista vasco. 

Concerto de Fermín Muguruza, en Santiago. CC-BY-SA A. Pazos

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.