“Imos gañar a batalla fronte a un Partido Popular disposto a traizoar Galiza para que Altri coloque no corazón do noso rural unha bomba ambiental", defende a portavoz nacional do BNG
“Imos gañar a batalla de Altri fronte á traizón do PP coa mobilización de todas as persoas que lle queren a Galiza”. Así o afirmou a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, nunha comparecencia tras a reunión de urxencia que o grupo celebrou este sábado no Parlamento para abordar a situación creada despois da publicación do informe ambiental favorable ao proxecto de macrocelulosa.
Malia todo, aínda non se trata da aprobación definitiva por parte da Xunta, porque aínda faltan pasos na tramitación interna como a da autorización da concesión de augas por parte de Augas de Galiza e a autorización ambiental integrada, e polo tanto, Pontón subliñou que “aínda queda unha batalla moi importante desde o punto de vista político”.
Unha batalla que asegurou dirixíndose á xente do rural, á xente do mar e ao consunto da cidadanía galega, “ímola gañar!”.“Imos gañar a batalla fronte a un Partido Popular disposto a traizoar Galiza para que Altri coloque no corazón do noso rural unha bomba ambiental que pon en risco o noso modo de vida e o noso futuro. Unha macrocelulosa contaminante que non quere Portugal e que queren colocarnos no interior do noso País. Fronte a traizón do PP, a dignidade dun pobo dun pobo que vai volver mobilizarse para defender por terra, mar e aire o futuro dos galegos e das galegas”.

Pontón quixo lembrar como funcionan as portas xiratorias, xa que Altri non só é unha empresa portuguesa senón que ten un socio en Galiza —Greenalia— que é a empresa da ex conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato
Aludindo ás mobilizacións que hai convocadas para este domingo ao longo da vacía do Ulla e á manifestación convocada para o 22 de marzo na Pobra do Caramiñal, Pontón amosouse convencida de que vai ser “absolutamente masiva porque neste momento en Galiza hai unha opinión claramente maioritaria que non quere que nos coloquen a bomba ambiental de Altri no noso País”.
A portavoz nacional do BNG pediu a comparecencia de Rueda no Parlamento para explicarlles aos galegos e ás galegas “por que pon os intereses dunha empresa portuguesa por riba do interese xeral das galegas e dos galegos e por riba das vidas da xente; por que está disposto a destruír 8.000 postos de traballo no mar e en terra para beneficiar unha empresa de fóra e por que está disposto a contaminar Galiza, desde a Comarca da Ulloa ata a ría de Arousa”, dixo. “Rueda ten que explicar por que está facendo de comercial de Altri aquí, en Madrid e en Bruxelas, en lugar de traballar por e para os galegos e as galegas”, indicou
Neste punto, Pontón quixo lembrar o dato “moi importante” que amosa como funcionan as portas xiratorias, referíndose ao feito de que Altri non só é unha empresa portuguesa senón que ten un socio en Galiza —Greenalia— que é a empresa da ex conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato e compañeira de partido de Rueda
A líder do BNG destacou como cuestión clave os 250 millóns de euros de cartos públicos que o goberno de Rueda lle quere dar a Altri, e cualificou “o colmo do disparate” colocar unha macrocelulosa contaminante no corazón de Galiza e por riba darlle cartos públicos para contaminar Galiza”
Neste sentido, reclamou ao Goberno central que “se pronuncie dunha vez por todas deixando claro que non vai subvencionar con cartos públicos esta bomba ambiental. Nin a xente do rural, nin a xente do mar, nin a maioría dos galegos e das galegas o entenderían”, enfatizou, anunciando que desde o goberno alternativo do BNG “ imos facer todo o posible para que esta macrocelulosa non reciba nin un só euro público e que eses 250 millóns de euros se destinen a recuperar o río Ulla, a apoiar as pequenas e medianas empresas que están nese territorio dando futuro digno á xente, a recuperar a ría de Arousa e apoiar a xente do mar”. “Ese si que é un proxecto tractor de futuro e non a empresa Altri que nos quere colocar aquí unha macrocelulosa.
“Se a macrocelulosa de Altri é tan boa por que non a queren en Portugal?", cuestiona Pontón
A portavoz nacional do BNG quixo pór de manifesto que “o goberno de Rueda non ten proxecto ningún proxecto de futuro porque o único que nos ofrece son industrias do pasado. Quere recuperar o franquismo industrial e por iso vemos que en pleno 2025 o único que ten que ofrecerlle Rueda ao Partido Popular é, de novo unha celulosa”, recordando a que o franquismo impuxo en 1063 a Galiza con Ence. “É un disparate e un desastre desde o punto de vista ambiental”, recalcou, contrapoñendo as “industrias contaminantes do pasado” que propón Rueda cos proxectos que propoñen outros gobernos que si son capaces de conseguir proxectos tecnolóxicos de vangarda e que se apoian na innovación. Con estas políticas, “o PP “sabe moi ben que está cometendo unha traizón a Galiza”.
É por iso —concluíu—que Rueda non é capaz de contestar unha pregunta moi simple: “Se a macrocelulosa de Altri é tan boa por que non a queren en Portugal?”.
A eurodeputada Ana Mirada pregunta á Comisión Europea se a DIA é compatible coa correcta aplicación da Directiva de Hábitats
Pola súa banda a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, informou de que vén de remitir, este sábado, unha nova pregunta dirixida á Comisión Europea na que alerta de que a Declaración de Impacto Ambiental (DIA) do proxecto industrial de Greenfiber en Palas de Rei presenta deficiencias importantes en relación á Directiva de Hábitats (92/43/CEE) e á lexislación española e galega. Diante da “gravidade desta situación” remitiu unha nova carta á vicepresidenta para unha Transición Xusta, Teresa Ribera, para solicitarlle unha reunión urxente na que coñeza de primeira man os argumentos contrarios á instalación de Altri en Galiza.
No documento remitido á Comisión Europea, a eurodeputada galega pregunta se a DIA é compatible coa correcta aplicación desta directiva, xa que ao seu xuízo resulta preocupante a situación de tres especies de flora en perigo de extinción (Santolina melidensis, Armeriamerinoi e Leucanthemumgallaecicum) e os seus hábitats prioritarios e sinala que a presenza destas especies xustificaría, dende hai anos, unha vez que foron incluídas no Catalogo de Especies Ameazadas no ano 2007, a protección da súa área a través da ampliación da Rede Natura 2000.