"Non imos ceder a presións", di Rueda tras unha nova manifestación contra Ence e Altri

Manifestación en Pontevedra contra Ence e Altri este domingo © Ulloa Viva

O presidente salienta que Altri recorreu contra o arquivo do seu proxecto por carecer de conexión eléctrica "cando quedaban horas para que rematara o prazo" e di que a Xunta actuará "cumprindo a normativa"

A cidade de Pontevedra acolleu este domingo unha nova manifestación contra Ence e Altri que pediu a retirada da primeira fábrica de celulosa dos terreos que ocupa na ría e que a Xunta rexeite definitivamente o proxecto da segunda factoría en Palas de Rei. A esa protesta respondeu este luns o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, asegurando que o seu Goberno non vai "ceder a presións" e actuará "cumprindo a normativa", pero amosando tamén o que se podería considerar certo desgusto polas últimas actuacións da empresa portuguesa.

Manifestación en Pontevedra contra Ence e Altri este domingo © Ulloa Viva

Logo de que a Xunta propuxese arquivar o proxecto de Altri porque o Estado non garante a conexión eléctrica que se consideraba "imprescindible", a empresa presentou a pasada semana alegacións contra a proposta do Goberno galego argumentando que baralla outras alternativas. Rueda constatou este luns que a empresa fixo ese movemento "cando quedaban horas para que rematara o prazo" e asegurou agora a Xunta vai "examinalas e decidir en consecuencia". 

"Igual que non cedemos a presións durante todo o proceso, e as houbo e moitas, tampouco imos ceder agora", dixo o presidente, para insistir en que a Xunta decidirá sobre o arquivo do proxecto de Altri "en función do cumprimento da normativa". O presidente non precisou se por "presións" estaba a referirse á manifestación de Pontevedra, da que dixo que "se repite ano a ano", ou ás novas alegacións formuladas pola empresa. 

Manifestación en Pontevedra contra Ence e Altri este domingo © Ulloa Viva

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.